Plan de pensións do convenio estatal da construción: unha análise crítica (I)

CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Montaxe: Praza Pública

Neste artigo comparo os resultados da aplicación do PPE cos que se obterían de dedicarse as achegas empresariais ao plan a aumentos adicionais de salarios

O 1 de febreiro comezou a implantarse o plan de pensións de emprego (PPE) acordado no VII Convenio colectivo estatal da construción (VII CCEC). É o primeiro gran PPE que adopta o modelo da Lei 12/2022 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE). Neste artigo comparo os resultados da aplicación do PPE cos que se obterían de dedicarse as achegas empresariais ao plan (achegas en adiante) a aumentos adicionais de salarios (a análise completa pode consultarse aquí) Os cálculos individuais realízanse para o nivel XII do convenio correspondente a peón ordinario ou limpeza.

 

Efectos do plan para os traballadores

O VII CCEC estabelece os aumentos salariais e as achegas, que non consolidan no salario, para os anos 2022, 2023 e 2024. A suba salarial acumulada será do 9,1%1. Se as achegas se destinasen a salario o incremento sería do 12,36%. O IPC acumulado dos anos 2021, 2022 e 2023 é do 16,1%.

Coa suba do convenio a perda de poder adquisitivo é de 7 puntos. Destinando a totalidade das achegas a salario, perderíanse case 4 puntos. Debería ser prioritario centrar a negociación colectiva en garantir o poder adquisitivo. Convertendo as achegas en aumentos salariais, o salario incrementaríase en 580 euros, unha cantidade superior ás achegas nos tres anos de vixencia do VII CCEC.

O funcionamento do PPE tamén reducirá a base de cotización nuns 360 euros con respecto á que resultaría de dedicar as achegas a salarios. A desgravación fiscal no IRPF das cantidades dedicadas ao PPE non compensa o efecto da perda salarial. O capital acumulado para o PPE, 568 euros, tampouco compensará a redución da pensión pública futura resultado da contracción da base de cotización.

 

Efectos do plan para as empresas

As achegas estarán exentas da cotización por continxencias comúns e as empresas deducirán da cota íntegra do Imposto de Sociedades (IS) o 10% das achegas. Ao ser menor a base de cotización tamén o será o importe da cota empresarial. O custo salarial será inferior que se as cantidades destinadas ao PPE se transformasen en salario. O aforro en 2024 será de aproximadamente 570 euros.

Efectos do plan para os ingresos públicos

A Seguridade Social perderá ingresos por cotizacións e a Administración central por IS, 52 e 22 euros respectivamente. Se toda a achega nos tres anos de vixencia do convenio se materializase en salario, a cotización incrementaríase no exercicio 2024 en 210 euros.

A partir do número de traballadores e o salario medio no sector que ofrecen a Encuesta de Población Activa (EPA) e a Encuesta Trimestral de Coste Laboral (ETCL) do terceiro trimestre de 2023 estimei a perda de ingresos públicos que se produciría no ano 2024 de aplicarse o PPE a todo o colectivo da construción.

Gañan as empresas xa que diminúe o custo salarial total con respecto ao que resultaría de dedicar as achegas a salarios. Perden os traballadores que ven diminuír o incremento do salario respecto do que recibirían se as achegas se incluísen en salario. Perde o sector público. Redúcense os ingresos por cotizacións sociais da Seguridade Social

A Tesourería Xeral da Seguridade Social deixa de ingresar 91 millóns de euros e o Ministerio de Facenda outros 38 millóns para facilitar a transferencia de máis de 380 millóns de euros a VidaCaixa, entidade xestora do plan e parte dun sector financeiro en máximos históricos de beneficios.

A perda de cotizacións sociais é contraditoria coa procura de recursos para a SS plasmada no RD-l 2/2023: incremento das bases máximas de cotización, aumento do tipo de cotización do Mecanismo de Equidade Interxeracional e creación da cotización adicional de solidariedade. A perda de ingresos do IS vai en dirección contraria da reforma fiscal necesaria para aumentar a recadación, eliminando a actual arañeira de bonificacións, deducións e minoracións.

 

Perda de ingresos que se produciría de estender o modelo do plan a toda a poboación asalariada

A intención da LRIPPE é estender os PPE a toda a poboación asalariada. A partir dos datos da EPA e a ETCL do terceiro trimestre de 2023 sobre poboación asalariada e salario medio pódese realizar unha estimación do impacto da xeneralización dos PPE seguindo o esquema do convenio da construción.

As 5 entidades seleccionadas para xestionar os fondos (Vidacaixa, BBVA, Santander, Caser e Ibercaja Pensión) recibirían anualmente en depósito 5.500 millóns. Esta cantidade é superior á previsión de ingresos do Fondo de Reserva da Seguridade Social para o ano 2024, uns 3.700 millóns de euros. A perda de ingresos públicos sería superior a 1.800 millóns de euros, 1.290 millóns de cotizacións sociais e 550 millóns do imposto de sociedades.

 

Gañadores e perdedores dos PPE

A promoción dos plans de pensións de emprego de capitalización insírense nas políticas neoliberais de financeirización da protección social que incrementan a desigualdade e aumentan o poder das finanzas sobre a economía e a sociedade que comentarei na segunda parte desta análise

Gañan as empresas xa que diminúe o custo salarial total con respecto ao que resultaría de dedicar as achegas a salarios. Benefícianse de reducións nas cotizacións sociais e na cota íntegra do IS.

Gañan as entidades xestoras que percibirán comisións de xestión polas cantidades que recibirán en depósito.

Perden os traballadores que ven diminuír o incremento do salario respecto do que recibirían se as achegas se incluísen en salario. Tamén se contraen as bases de cotización e as pensións públicas futuras.

Perde o sector público. Redúcense os ingresos por cotizacións sociais da Seguridade Social. A Administración Central perde ingresos procedentes do IS. Habería que considerar tamén as deducións na base impoñíbel do IRPF das achegas a PPE e a exoneración no Imposto de Transaccións Financeiras nas adquisicións de activos polas entidades xestoras dos plans.

A promoción dos plans de pensións de emprego de capitalización insírense nas políticas neoliberais de financeirización da protección social que incrementan a desigualdade e aumentan o poder das finanzas sobre a economía e a sociedade que comentarei na segunda parte desta análise.

 

Notas

1 A cláusula de garantía salarial activarase o 1 de xaneiro de 2025 polo que aínda non se pode valorar o seu impacto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.