Segundo un informe do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), un total de 1.300 millóns de persoas son "pobres multidimensionais". Así estamos.
O Índice Global de Pobreza Multidimensional do PNUD (MPI, siglas en inglés) 2019 mostra que nos 101 países estudados - 31 con ingresos baixos, 68 de renda media e dous de alta renda – 1.300 millóns son "pobres multidimensionais", no ben entendido de que a pobreza non está definida só en función dos ingresos senón tamén por varios indicadores, como a mala saúde, as malas condicións de traballo e a ameaza de violencia.
Segundo o informe, hai enormes disparidades entre países e entre os segmentos máis pobres das sociedades.
Máis da metade dos 1.300 millóns de persoas identificadas como pobres, uns 663 millóns, son nenos menores de 18 anos, e aproximadamente un terzo, uns 428 millóns, teñen menos de 10 anos
"A acción contra a pobreza é necesaria en todas as rexións en desenvolvemento", indica o informe, sinalando que a África subsahariana e a Asia do Sur son as rexións con maior proporción de persoas pobres, preto do 84,5 por cento.
Nestas rexións, o nivel de desigualdade descríbese como "masivo". Na África subsahariana, varía do 6,3 por cento en Sudáfrica ao 91,9 por cento no sur de Sudán. A disparidade no sur de Asia varía do 0,8 por cento nas Maldivas ao 55,9 por cento en Afganistán.
En moitos dos países estudados no informe, observouse que os niveis internos de desigualdade "esténdense". En Uganda, por exemplo, a incidencia da pobreza multidimensional nas diferentes provincias varía do 6 por cento en Kampala ao 96,3 por cento en Karamoja.
Máis da metade dos 1.300 millóns de persoas identificadas como pobres, uns 663 millóns, son nenos menores de 18 anos, e aproximadamente un terzo, uns 428 millóns, teñen menos de 10 anos.
A gran maioría destes nenos, ao redor do 85 por cento, viven no sur de Asia e na África subsahariana e están divididos aproximadamente entre estas dúas rexións. A situación é particularmente grave en Burkina Faso, Etiopía, Níxer, Sur de Sudán e Chad, onde o 90 por cento ou máis dos nenos menores de 10 anos son considerados "multidimensionais pobres".
A situación é particularmente grave en Burkina Faso, Etiopía, Níxer, Sur de Sudán e Chad, onde o 90 por cento ou máis dos nenos menores de 10 anos son considerados "multidimensionais pobres"
O informe tamén avaliou os progresos cara ao Obxectivo 1 da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible "Rematar coa pobreza en todas as súas formas e en todo o mundo".
O informe identificou 10 países, cunha poboación total de preto de 2.000 millóns de persoas, para ilustrar o nivel de redución da pobreza e todos estes países, desde un punto de vista estatístico, avanzaron significativamente no camiño da redución da pobreza. As reducións máis rápidas foron observadas en India, Camboxa e Bangladesh.
Non obstante, ningún indicador é suficientemente fiable por si só para identificar as desigualdades e a pobreza multidimensional e estudos como este MPI, o Índice de Desenvolvemento Humano ou o coeficiente de Gini, que é unha medida estatística da dispersión dunha distribución nunha determinada poboación, poden cada un contribuír a proporcionar informacións importantes e distintas susceptibles de argumentar as accións políticas orientadas a reducir eficazmente a pobreza, apunta o informe.