Podemos e a democracia: retrocesos e novas oportunidades

Unha gran democracia debe progresar ou pronto deixará de ser ou grande, ou democracia.
Theodore Roosevelt

“Necesitamos una candidatura unitaria y de ruptura, encabezada por personas que expresen nuevas formas de relacionarse con la política y que suponga una amenaza real para el régimen bipartidista del PP y del PSOE y para quienes han secuestrado nuestra democracia. Una candidatura que sume a la capacidad de gestión de lo público, la capacidad de involucrar a las mayorías en la configuración de su propio futuro.”

Con esta contundencia se pronunciaban as asinantes do manifesto “Mover Ficha”, entre eles Carlos Monedero e outros intelectuais e activistas como Bibiana Medialdea, Alberto San Juan ou Santiago Alba Rico, hai xa tres anos. Pretendíase chamar a transformar a indignación reflectida en fenómenos coma o 15-M nun cambio político.

A loita non está só nunha mellor e máis xusta xestión, senón tamén en recuperar a democracia para a cidadanía, que pode e debe ter un peso na toma de decisións, e un papel activo e propositivo nas políticas públicas. É dicir, non só se trata de cambiar aos xestores; pola contra, a idea é implicar á cidadanía por medio dunha democracia directa e participativa. Directa, de forma consultiva ou plebiscitaria, para unha participación real por medio da votación. Participativa, o que implica un maior grado de implicación, por requirir xerar propostas e traballalas activamente en común.

A loita pasa por diluír a secular diferenciación entre política que se dá cando o único que hai son suxeitos activos con poder de decisión, tanto nos seus cargos públicos coma na estrutura dos partidos; e unha maioría social cuxa principal achega política é votar a eses representantes cada varios anos.

Isto implica o papel activo das cidadás a todos os niveis, e vai un paso máis alá da simple representación política por medio de candidatos votados cada catro anos. Para elo deben ser establecidos mecanismos que permitan non só a manifestación das inquedanzas e necesidades da cidadanía, senón tamén a participación efectiva na toma de decisións. Poderíamos dicir que o cidadán debe ser “prosumidor” político, ao mesmo tempo xerador e receptor.

Esta democracia participativa é un paso adiante na evolución da democracia representativa, que resulta un mecanismo exclusivo e excluínte que remata, as máis das veces, configurado por partidos políticos e lobbys en base aos seus intereses ideolóxicos e económicos. Podemos crer nunha democracia representativa que permite que un cargo ministerial representativo en calquera eido, por exemplo enerxía ou defensa, sexa ocupado por unha persoa con gran poder de decisión persoal e o mesmo tempo, con intereses nas enerxéticas ou nas fábricas de armas? Estes xestores deben compartir as súas competencias cos cidadáns. A democracia participativa implica promover, activar e establecer vías e medios para converter á cidadanía en axente político activo e directo, de forma paralela aos partidos políticos mais traballando en conxunto con eles.

A democracia participativa implica limitar o poder omnímodo dos cargos representativos e as institucións.
A democracia participativa implica o acceso da cidadanía á toma directa de decisións.
A democracia participativa implica o empoderamento cidadán como suxeito político activo.

Se falamos de Podemos, a participación na que a cidadá, a militante e a inscrita pode poñer o seu gran de area existe, mais limitase a cuestións organizativas e mesmo nese caso presenta certos problemas na súa aplicación. Vistalegre I e II deron a oportunidade de definir un contexto organizativo, e decidir qué tipo de partido queremos.

As eleccións aos consellos municipais, autonómicos e estatais permitiron definir quen queremos que nos represente, xunto con un documento marco (o documento político, que mais que ser unha concreción de decisións políticas consensuadas e transacionadas coa cidadanía, preséntase como un esbozo propagandístico de campaña nos máis dos casos).

As relacións con outros axentes políticos tamén foron discutida e votadas, mais só na forma desas relacións; non no fondo. A concreción política quedou sepultada pola necesidade de establecer esas pontes con outras forzas deixando baleiros espazos que estabamos chamados a encher.

O sistema de participación das inscritas en Podemos, Plaza Podemos 2.0, serve como nexo de unión entre compañeiros, xera debate e permite as achegas de grandes ideas, pero non ten continuidade, non ten feedback, non ten utilidade política real.

Por todo isto, en Podemos debemos facer un esforzo para abrazar, fomentar e impulsar a participación cidadá nestes procesos de democracia, tanto directa como participativa.

Podemos ver unha aplicación máis completa de ambos principios na nosa cidade esta mesma semana. Ate o día 24 asistiremos á votación dos Orzamentos Participativos do Concello de A Coruña. As cidadás decidiremos o investimento de ate 3.000.000 euros entre as diferentes propostas, tanto a nivel de toda a cidade como en cada un dos distritos, que se incorporarán ao Orzamento Xeral do Concello da Coruña de 2018. Dentro destas propostas podemos ver dende a peonalización de rúas á xeración de puntos de encontro para a veciñanza, dende reparación de infraestruturas a propostas que inflúen na seguridade cidadá, como a iluminación de vías.

E a cidadanía, cando se lle da a oportunidade, tómaa. Podemos partir do exemplo da Asociación de Veciños do barrio do Castrillón, onde calquera que saia a dar unha volta ou a tomar un café verá os carteis informando destes Orzamentos e invitando á votación. Este barrio xa resultara beneficiado en varios proxectos propostos o pasado ano 2016. Cúmprense así todos os aspectos: un Concello que comparte o seu poder de decisión, uns veciños que acceden a esa cota de poder de decisión e unha organización veciñal, paralela ás institucións, que empodera aos veciños do barrio e os converte en suxeitos activos e non en meros receptores das políticas dos partidos.

Porén, bótase de menos que ós círculos coruñeses ou o Consello cidadán municipal, ollos e oídos da organización ante a poboación, tomasen o envite da consulta cidadá e impulsasen o debate en prol de facer unha Coruña máis nosa, aproveitando esta oportunidade de implicar á cidadanía.

Todo iso debe facer que nos cuestionemos se en Podemos temos a capacidade e a ilusión de impulsar esta evolución democrática que supón transformar as oportunidades e confiar nas cidadás para cambialo todo. O Cambio polo Cambio, comezando polo corazón da cidadanía, informando deste tipo de procesos, e dando pulos á implicación da xente como obxectivo necesario, mesmo de forma paralela ao partido en si. As inscritas de Podemos deberían ser suxeitos políticos activos na vida municipal, participando no eido institucional e facendo suas as ferramentas de participación que o goberno pon ao dispor da cidadanía. Contra a dicotomía músculo político - músculo social que presentan outros partidos, o desexable sería que en Podemos houbese un só músculo. O músculo da cidadanía politicamente activa e empoderada, a todos os niveis, tamén o municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.