As mobilizacións sociais do 15-M supuxeron unha toma de conciencia de amplos sectores das clases medias a respecto da deterioración do sistema político institucional español e da necesidade da súa rexeneración (candidaturas abertas, primarias, limitación de mandatos…), da extensión e profundidade da corrupción e do secuestro da axenda dos partidos do bipartidismo dinástico (PP-PSOE) polo 1% que representa a oligarquía financeira e política española, que comezara o asalto ao limitado Welfare State español por volta do verán do 2010.
Mais a estas novas xeracións e a grande parte dos novos desencantados, nomeadamente das clases medias, non lles pareceron acaidas ás vellas estruturas políticas que constituían a oferta política alternativa ao bipartidismo monárquico. Neste senso, Podemos é a principal concreción política tanto da axenda como do espírito cívico do 15-M.
Podemos, certamente, dista de ter un programa de goberno polo miúdo. Mais ten un relato e un proxecto. Que, de xeito inequívoco camiña pola centralidade política, despois de arrombar as propostas extremoesquerdistas da chamada Izquierda Anticapitalista. Evitando, deste xeito, un grupo-guía ou un partido dentro do partido. Por outra banda, a meirande pegada electoral de Podemos semella estar nas clases medias no canto das clases traballadoras. A música soa a radicalidade democrática e propostas da socialdemocracia europea dos 70.
Comenta un amigo “oes, de ser murciano, madrileño ou zamorano pertencería a Podemos…”. E velaí un verdadeiro problema dende o punto de vista, non xa só dos galeguistas, senón dos que partillan unha visión centrada no País. O Consello Cidadán de Podemos, electo por proposta de Pablo Iglesias, non garante o menor equilibrio interprofesional e territorial, inzado de madrileños profesores da Complutense. Galicia fica extramuros do seu discurso. O recoñecemento da plurinacionalidade do Estado é, polo de agora, unha baleira apelación sen contido práctico ningún.
Un goberno español de Podemos non solucionaría mañá os problemas dos sectores económicos que son estratéxicos para Galicia e prescindíbeis para o Estado español. Velaí que, no noso país, a tarefa de rexenerar a democracia e a sociedade ha ser compatibilizada coa defensa dos intereses e do autogoberno de Galicia. Sen subordinala.