Podemos é o Mal

“En el País Vasco estamos padeciendo las consecuencias de grupos como Nunca Máis. Lo que padecemos es la batasunización de la sociedad por parte de ETA. Su estrategia siempre ha sido crear estructuras sociales que, sin llamarse ETA, estaban al servicio de ETA”. Jaime Mayor Oreja, 13 de febreiro de 2003

Este era o talante democrático e a finezza conceptual daquel goberno que, contra o noventa por cento da opinión pública, involucrou ao Reino de España na coalición de países que impulsou unha guerra ilegal e imperialista en Iraq provocando centos de miles de mortos e invadindo un estado soberano co fin de garantir o control dos seus recursos estratéxicos para mover ficha no Gran Xogo do Medio Oriente e seguir engraxando a maquinaria do complexo militar-industrial, corporativo e financeiro occidental, hexemónico ata entón. Son eles, os mesmos: integrantes dun gabinete no que empresarios do armamento -Pedro Morenés, Ministro de Defensa- accionistas do petróleo -Miguel Arias Cañete, Ministro de Agricultura- ou ex-directivos de Lehman Brothers e ex-conselleiros de eléctricas que gozan de posición dominante coma Endesa -Luis de Guindos, Ministro de Economía- determinan e executan políticas públicas contra do interese xeral obedecendo aos seus Amos da City, Frankfurt e Wall Street. Un des-goberno de suxeitos sobre os que recaen máis que serias e fundadas dúbidas sobre a súa honorabilidade, relacionados todos eles -en distinto grao, cando menos no nível político- co maior e máis escandaloso caso de corrupción do que temos constancia ata hoxe, e que permanece impune. Oligarcas metidos a políticos e anti-políticos fundamentalistas neoliberais sen escrúpulos nin ética pública, nin a máis mínima responsabilidade, instalados no exercicio do poder polo poder. Estar “en política para forrarse”, como recoñecía o inefable Eduardo Zaplana naquela etapa do aznarato.

Poder exercido de maneira autoritaria e arbitraria, con fortísimo nesgo de clase, violenta e contra os intereses e dignidade humana de maiorías sociais fartas do espectáculo ao que nos habituaron. E maiorías vexadas, empobrecidas e derrotadas -mais non rendidas- que se defenden mediante a re-organización e a re-activación da súa condición cidadá -que fora substraída mentres repartían estupefaciente á vez que recreaban un oasis de crecemento e estabilidade do que boa parte da esquerda foi partícipe-, por mero instinto de supervivencia individual e colectiva nun exercicio paciente e, á vez, desesperado de recuperación do control sobre as súas vidas e a súa soberanía.

O discurso de Jaime Mayor Oreja callou fondo mentres a organización ETA permaneceu activa

O discurso de Jaime Mayor Oreja callou fondo mentres a organización ETA permaneceu activa. Viña de vello e herdouse ata hoxe. Serviu como argamasa ideolóxica sobre a que edificar e ancorar estruturalmente o Réxime post-franquista criminalizando constantemente calquera disidencia, e ao adversario político que actuaba no marco consensual realmente existente, nunha visión totalizadora dun suposto proxecto de país excluínte en orixe en canto á pluralidade nacional ou á aplicación e desenvolvemento efectivo dos dereitos sociais formalmente constitucionalizados. Hoxe este marco rachou. Está finiquitado. E ETA xa non existe como organización armada activa, á espera do desmantelamento das súas estruturas militares. É dicir: xa non hai inimigo interno obxectivable e crible sobre o que descansar determinadas frustracións históricas ou soster políticas represivas e de “mantemento do orden público” con métodos moi cuestionables nunha democracia. Hai que buscar outro/s.

Favorece e abre a porta ao entendemento e consecución de amplos acordos, pola base, que poderían desaloxar a un bipartidismo ao servizo da Troika en vindeiras convocatorias. Temen e atacan a Podemos por isto

As esquerdas chamadas “periféricas” -de Galiza, Euskadi e Catalunya-, e non só as esquerdas, padeceron o framing durante décadas e agora tócalle por vez primeira desde a morte do ditador Franco a un movemento implantado no conxunto do estado que, con un éxito notable, conseguiu mobilizar a certos segmentos da poboación cara espazos de ruptura destituínte abrindo, ensanchando e abonando o terreo da confrontación antagonista, consubstancial ao noble e práctico exercicio da política orientada ao -necesario- cambio social. Porque favorece e abre a porta ao entendemento e consecución de amplos acordos, pola base, que poderían desaloxar a un bipartidismo ao servizo da Troika e a Ditadura da Débeda en vindeiras convocatorias. Temen e atacan a Podemos por isto, e por estratexia política de confrontación e polarización. Identifícano co Mal e terxiversan, calumnian e agochan as carencias, responsabilidades e claves que precipitaron nun primeiro termo o nacemento de movementos coma o 15-M ou a PAH -vilmente tratados no seu día desde a institucionalidade e o aparello mediático ao seu servizo- e, nun segundo, o da súa complementariedade proxectada no plano electoral na que esta atopou oco; é dicir: os desafiuzamentos, a pobreza, o desemprego masivo, a corrupción, o pago da Débeda ou todo aquel lexítimo debate que poida producirse para saír do pozo no que -non precisamente as amas de casa- nos meteron.

O que non entenden nin controlan soamente temen porque ameaza o status quo e os seus privilexios. Mais o trazo groso das súas mentiras e acusacións, e o seu nerviosismo, indican que son eles os que comezan a estar derrotados socialmente

O que non entenden nin controlan soamente temen porque ameaza o status quo e os seus privilexios. Mais o trazo groso das súas mentiras e acusacións, e o seu nerviosismo, indican que son eles os que comezan a estar derrotados socialmente. Isto debe ser motivo de solidariedade, esperanza e alegría para as clases populares. Fai tres anos a representación do Mal foi o 15-M. Hoxe é Podemos e, potencialmente, calquera activista ou discrepante. Mañá poderiamos selo todos os cidadáns, sen excepción, como no célebre poema de Bertolt Brecht.

E o Mal é outro, e campa ás súas anchas entre nos ao longo do continente: chámase fascismo, e adopta múltiples formas. O deber de todo demócrata que aspire a un desenvolvemento da súa dignidade en paz, xustiza, igualdade e liberdade é saber identificalo e axudar á construción de muros de contención en cada centro de traballo, en cada centro de estudo, en cada barrio, pobo e cidade. O 25-M mudou algo para sempre, porque avanza futuras conquistas. Saibamos xestionalo, e recuperemos a Dignidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.