O partido Podemos acabou hai nada o até agora máis importante proceso electoral interno: a escolla dos seus órganos de dirección municipal. Pouca (moi pouca) participación, altos índices de voto en branco e certas dúbidas sobre un sistema que premia a quen obteña o 50-60% dos votos co cento por cento dos consellos cidadáns, núcleos de poder da organización en cada concello.
No caso galego non houbo feito diferencial. Tampouco na vinculación entre as candidaturas municipais gañadoras coa corrente que controla o partido en Madrid: Claro que Podemos, dirixida por Pablo Iglesias e cuxa cara máis achegada a Galicia é Carolina Bescansa, quen participou en actos en varias cidades para apoiar as listas afíns.
Podemos ten un rostro, o de Iglesias, desdobrado en tres máis: Bescansa, Íñigo Errejón e Juan Carlos Monedero
Podemos en Galicia demostrou tras estas eleccións que non ten base real no terreo. E non me refiro a se ten un discurso máis ou menos galeguista. Podemos non ten ningún discurso, nin galego nin ourensán nin pontevedrés nin vigués nin ferrolán nin compostelán nin… Podemos ten un rostro, o de Iglesias, desdobrado en tres máis: Bescansa, Íñigo Errejón e Juan Carlos Monedero, o grupo dirixente que se esforza por ocupar todas as horas de televisión que lle ofrecen, en rendibilizar a infinda potencia da comunicación na rede.
Os círculos locais son círculos deses que se fan co fume dos cigarros. No mellor dos casos, actualizacións das tendas de campaña que copiaron as acampadas de Sol, Madrid, tras o 15-M; proxectos de franquía dunha marca que parece tan atractiva no mercado simbólico coma a do McDonalds.
Pero, por que a pesar diso, o partido non consegue atraer participación real, corpórea? Por que os círculos son tan pequenos, por que votou tan pouca xente malia as facilidades de participación?
Unha gran parte dos anotados para as votacións de Podemos son curiosos, deses que van ás inauguracións dos comercios por se hai pinchos
Porque os inscritos en Podemos non son militantes de Podemos. Unha gran parte dos anotados son curiosos, deses que van ás inauguracións dos comercios por se hai pinchos. Varios fundadores de círculos publicaron recentemente que ao consultaren a listaxe de inscritos do seu municipio ficaban estrañados de que incluso en localidades pequenas, desas nas que se coñecen todos, só unha exigua porcentaxe dos que figuraban no “censo” da internet se achegara algunha vez a unha asemblea na rúa.
Podemos acertou ao facilitar o acceso da xente desde o ordenador, adiantouse aos demais partidos, que teñen aínda unha visión burocrática da relación coa cidadanía. Pero como contrapartida está destinado a ser, polo menos nesta primeira fase, un partido sen raíces no terreo.
A esquerda, sobre todo a nacionalista, sempre necesitou unha base voluntaria que se encargase de conseguir porta a porta cada voto. Incluso o PP, a pesar de ser o partido hexemónico, precisou das súas redes clientelares para asegurar maiorías. No caso de Podemos, en Galicia, a aposta é urbana. Os votantes urbanos non precisan que os candidatos aparezan pola cancela; votarán a quen vexan na televisión o sábado á noite, quen os convenza con argumentos que se poden resumir en 140 caracteres. É por iso que o partido quere ampliar como sexa ese rostro amplificado do liderado. Os eurodeputados Teresa Rodríguez e Pablo Echenique buscan gobernar Murcia e Aragón. Seguindo esa lóxica, Carolina Bescansa debería facer o propio en Galicia pero, quere desprenderse dela Pablo Iglesias? A cambio dunha nación que non se levanta cada día pensando en quen é senón en cantos quedamos, descontados mortos e emigrantes?
Unha estratexia alternativa é buscar entre a nova dirixencia nacida arestora perfís parecidos aos dos politicólogos tertulianos de Madrid. Mais o problema aí Podemos teno no propio mapa de medios de comunicación. As tertulias de VTelevisión e do Foro Alberto, digo Aberto, da TVG2 teñen mínima audiencia; nos faladoiros da Radio Galega o modelo imposto (Dous tertulianos do PP, Un do PSOE que defenda o PP e Un nacionalista co que os demais se pelexan) parece máis inamovible ca un dogma católico.
A terceira vía é vincular con Podemos outras forzas “rupturistas”. É pública a boa sintonía entre Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras e o desexo do coordinador de Anova, Martiño Noriega, de camiñar cara a unha fronte común que force un proceso constituínte, tamén en Galicia. Mais nun intre no que as enquisas lle dan unha boa presa de deputados no Hórreo a Podemos sen nin tan sequera teren candidatos, con que coallo se van atrever a compartir o capital electoral cunha AGE que dilapidou en pouco tempo o capital de ilusión que espertara no 2012.
O ideal de calquera franquía é lograr que a sucursal estea á altura do orixinal. Difícil replicar un Pablo Iglesias en cada autonomía ou Concello. Nin o McDonalds conseguiu que a hamburguesa que lles compras se pareza remotamente á que sae pola televisión.