Pola liberdade de expresión. Contra as ameazas da ultradereita

CC-BY-SA Plataforma de Medios Independentes

Neses lugares do mundo nos que non se debate sobre se hai liberdade de expresión, senón sobre se determinadas expresións se poden acoller a ela ou non, acostúmase a usar como vara de medir ou diferenciar as opinións das imputacións dun delito ou as incitacións a cometelo. A liberdade de expresión ampara o dereito a que se emitan opinións que non gusten a todo o mundo, sobre todo ás clases dirixentes e á maioría social, aínda que sexan de mal gusto ou directamente desprezables. A liberdade de expresión é dicir o que a xente non quere ouvir, dicía Orwell. O outro -imputar/incitar- é unha infracción punible legalmente. 

A Plataforma de Medios Independentes expresa a súa repulsa ao tuit que sinala o presidente da editora de El jueves e esixe ás autoridades que cumpran co seu deber actuando contra esta chamada ao linchamento

Vox construíu o seu discurso sobre as lameiras non desecadas do franquismo, enzoufando de lodo para disfrazar todos aqueles conceptos que lle poidan servir de camuflaxe. A liberdade de expresión ampara o seu dereito a propagalos, aínda cando os seus efectos, como podemos ver día a día, envelenan a convivencia. A liberdade de expresión permítelles tamén expresar o seu rexeitamento aos contidos de calquera medio, empezando por El Jueves -de non ser así, é de supor que na revista satírica se sentirían bastante defraudados-. Pero o tuit da súa conta oficial identificando o presidente da empresa editora, o seu nome, a súa fotografía e o seu lugar habitual de traballo, á vez que chama aos seus simpatizantes a "esixirlle responsabilidades á saída do seu despacho", é unha clara incitación, cando menos, ao acoso, e unha clara ameaza á revista e ao seu persoal. Unha clara reedición, nestes amantes das tradicións hispanas, daquela "partida da porra" que a mediados do século XIX arrasaba a golpes de bastón as redaccións das publicacións, fosen carlistas, republicanas ou anarquistas, que disentían dos "verdadeiros intereses de España". Un sinalamento que lembra moito tamén aos da Alemaña nazi ou a Italia fascista, e que debería ser respondido de oficio pola Fiscalía cunha denuncia por incitación ao odio e á violencia, e polo resto de partidos políticos co inmediato illamento institucional da formación de extrema dereita.

Posiblemente a ultradereita se veu arriba e desafiou os principios máis elementais desa Constitución que camuflaron con lodo porque desde hai tempo -curiosamente, o mesmo da súa irrupción no escenario político- algunhas leis e sentenzas foron na súa mesma dirección. Desde a lei mordaza -cuxa derrogación seguimos esixindo ao Goberno debido ás súas consecuencias sobre o traballo xornalístico e para o conxunto da sociedade- até decisións xudiciais que derivan na dúbida sobre se a dereita extrema manobrou para consolidar os seus postulados nos postos claves da xudicatura ou se esas decisións reflicten o pensamento da maioría desta. 

Non só expresamos a nosa repulsa ante este novo intento de intimidación, senón que esiximos que as autoridades, que con tanta dilixencia rastrexan tuits irrelevantes con opinións que consideran desafectas para pór a quen os asinan ante a xustiza, cumpran co seu deber actuando con toda firmeza contra esta evidente chamada ao linchamento

Cada opción é máis temible que a outra, e a consecuencia é que os tribunais están a emitir día tras día perlas xurídicas que permiten á ultradereita sentirse por riba das normas que nos incumben ao resto. Enxalzar un réxime que se instaurou e se despediu con sangue non é delito. Facer chistes sobre o atentado no que morreu un dos instigadores daquelas matanzas, si. 

Difamar a todo un colectivo de menores de idade "con independencia de se esas cifras que se ofrecen son ou non veraces, porque eses menores representan un evidente problema social e político" (segundo que informe?) e porque "deben admitirse outras de signo contrario, pero tan criticables ou máis que estas", non é delito. Pór en dúas ducias de carteis un toureiro vestido de marciano, ou difundir información veraz e contrastada "se se fai cunha redacción malintencionada", é punible. A sensación de impunidade é tal que mesmo se permiten o luxo de considerar papel mollado as escasas sentenzas desfavorables contra as súas prácticas, como a de prohibir o acceso aos seus actos aos medios que non lles son gratos. 

Os medios que subscribimos este escrito non só expresamos a nosa repulsa ante este novo intento de intimidación, senón que esiximos que as autoridades, que con tanta dilixencia rastrexan tuits irrelevantes con opinións que consideran desafectas para pór a quen os asinan ante a xustiza, cumpran co seu deber actuando con toda firmeza contra esta evidente chamada ao linchamento.

Alternativas Económicas, Carne Cruda, Catalunya Plural, Crític, CTXT, El Salto, lavozdelsur.es, La Marea, Luzes, Nortes, Pikara Magazine, Praza.gal, Público, Nueva Tribuna, Mongolia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.