Por fin, foi aprobada, non sen ser precedida pola polémica, coma case todo o que atinxe as mulleres, a baixa médica para as mulleres que sofren menstruacións dolorosas, cuxo custe será asumido desde o primeiro día polo Estado, e sen límite de días.
Unha boa nova, sen dúbida, porque de todos é sabido que a menstruación pode chegar a ser totalmente incapacitante para moitas mulleres, pero, eu, persoalmente, non acabo de vela totalmente clara, porque neste tema, coma en todos, non todo é branco nin negro. Hai grises, e mesmo nestes, existen matices.
Esta lei axústase perfectamente, como é obvio, aos casos que nos puxeron, repetidamente nestas datas precedentes a aprobación da lei, como exemplo. Mulleres con endometriose, con quistes ováricos, que, obviamente, son diagnosticados por un xinecólogo sen ningún xénero de dúbida, deixando claro o dereito indiscutible a esta baixa.
Pero hai casos, que, sen presentar ningunha destas patoloxías concretas, requirirían tamén, creo, que a muller tivese igualdade de condicións, e a posibilidade, polo tanto , de non acudir ao seu traballo neses días e que, nin se contemplan, nin, no caso de chegar a facelo, vai ser tan doado de demostrar nin de levar adiante.
Que sucede, por exemplo, coas mulleres que teñen un mioma? Un mioma, por se alguén descoñece de que se trata, é un tumor benigno que aparece no útero de moitas mulleres e que pode ser asintomático, pero que tamén pode chegar a provocar graves problemas que afectan gravemente a calidade de vida da muller, e, por suposto, ao seu traballo.
Hemorraxias moi abundantes, déficit de ferro como consecuencia delas, anemias severas co conseguinte esgotamento que isto causa, dor, son algúns dos síntomas e efectos que estes tumores provocan, unidos case sempre a irregularidade dos ciclos, polo que nunca se sabe cando esta regra se vai presentar. Pode ser cada 28 días, como se supón é o normal, cada 20, non presentarse, ou enlazar directamente unha coa outra sangrando todos eses días, co cal non é difícil imaxinar como se pode encontrar a muller que os padece.
Que fai nestes casos? Saír correndo ao médico a pedirlle a baixa?. Explicar na súa empresa que non ten nin idea de cando volverá, porque ese sangrado pode remitir nun par de días ou prolongarse durante moitos mais e, mentres dure, o mai sensato que podes facer é permanecer en repouso, xa que, as veces, o simple feito de camiñar uns poucos metros fai que esa hemorraxia sexa aínda moito mais abundante?
Hai quen estará a pensar que para eso hai remedio. Si, claro que o hai.
Normalmente, unha vez descartados os de tipo hormonal, como pode ser un DIU que se pode chegar a expulsar polo propio sangrado, ou os anticonceptivos orais que poden, ou ben non ser efectivos, ou prexudiciais para a muller por diferentes razóns, segundo os casos, queda a opción da cirurxía, ou, o que é o mesmo, unha histerectomía ou extirpación do útero, e mesmo dos ovarios se estes presentan, por exemplo, algún quiste, o cal vai traer consecuencias como, ademais da esterilidade, menopausas precoces, con todo o que isto implica, como pode ser o elevado risco de severas osteoporoses.
E as mulleres que padecen Síndrome Premenstrual (SPM), que son moitas? O SPM é un conxunto de síntomas que aparecen entre 7 e 10 días antes da regra e que poden chegar a ser tanto ou mais incapacitantes que esta. Inchazón, dor de cabeza, irritabilidade, letarxia, ansiedade, retención de líquidos, dor mamarios, presión pelviana, etc, etc, son algúns destes síntomas, que, nin tampouco se sabe con exactitude cando se van presentar, nin si se van presentar, nin no caso de facelo, como van ser de intensos, nin a súa duración, pero que, sen ningún xénero de dúbida, limitan a calidade de vida da muller, ata condicionala por completo. Que se fai nestes casos?.
E estes, o mioma e o SPM, son tan so dous exemplos, pero, imos a outro suposto aparentemente mais sinxelo, pero que está aí. O corpo da muller, como, obviamente, o de calquera ser humano, non é unha máquina de precisión, nin o seu funcionamento unha ciencia matemática, sendo, porén, susceptible de cambios.
Que quero dicir con isto?, pois que unha muller que non teña ningún dos supostos contemplados e aos que a súa menstruación non lle supoña, habitualmente, ningún problema, pode, de súpeto, e isto é algo que todas as mulleres sabemos, un mes atoparse realmente mal, pola circunstancia que sexa, porque o organismo é así, caprichoso. Vai poder pedir unha baixa?.
Ten esta muller, atopándose francamente mal, menos dereito que as que si teñen algún trastorno diagnosticado?. Non sería xusto, porque de todas é sabido o mal que podemos chegar a sentirnos. Dilucidar estas cuestións non tan sinxelo.
Imos agora a outro tema realmente espiñento. Realmente alguén cos pés na terra pode ter a seguridade ao cen por cen de que, por moito que o Estado asuma o custe destas baixas desde o primeiro día, esta medida non vai ir, nalgúns casos, en detrimento da contratación dalgunha muller?.
Porque aquí, neste país noso, temos a arraigada costume de formulalo case todo en termos económicos, pero non se trata soamente disto, e, non nos enganemos, o absentismo laboral, sobre todo se pode ser irregular e imprevisto, coma nestes casos, implica outro tipo de problemas en canto a organización, reparto de tarefas, etc, etc.
Tal vez nunha gran empresa, ou na pública, cun cadro de persoal amplo, isto non teña maior repercusión, pero cando se trata dunha pequena, e privada, a cousa muda por completo. Naturalmente, ningún empresario vai ser tan parvo como para, a hora de optar por un empregado ou unha empregada, e ter en consideración este factor, admitilo, pero tampouco imos ser tan inxenuos como para crer que isto non vai suceder nunca, de xeito solapado, naturalmente, e alegando, de ser preciso, outros motivos, pero que sucederá, seguro.
Prometer,propoñer, e mesmo aprobar desde os despachos é relativamente sinxelo, pero trasladalo a realidade non o é tanto. Non é difícil deducir que as empregadas de empresas pequenas non o van ter tan doado, e resulta, francamente, un tanto irónico e sorprendente que unha ministra que comezou a súa vida laboral nunha empresa privada, non o teña en conta.
E xa para rematar, non quero deixar de referirme a esa rebaixa do IVE nos produtos de hixiene feminina, coa finalidade de tentar paliar esa “pobreza menstrual” que, curiosamente, ninguén se decatou de que existía ata agora, e que, finalmente non se consumou. Na miña ignorancia, e con toda humildade, pregunto, non sería posible, desde o Ministerio de Igualdade, destinar algunha desas partidas de milleiros e milleiros de euros que se están a... Imos dicir gastar, en, por exemplo, estudos ou campañas dunha eficacia como mínimo dubidosa, a facer mais levadeiro ese gasto tan elevado e ineludible ao que moitas mulleres, mais das que se pode imaxinar, non poden facer fronte?
Ademais de non ser fins excluíntes, estou segura de que o agradecerían infinitamente mais, porque, francamente, cando non te podes permitir mercar algo tan básico coma unhas compresas ou uns tampóns, que che veñan con estatísticas ou slogans por moi feministas que sexan, é o último que se precisa pero claro, xa se sabe, todo o relacionado coa muller, e, en xeral, coa poboación mais vulnerable, está estritamente “compartimentado”, sobre todo
Se se trata de cartos, e case nunca exento de polémica. Lamento ter que reiterarme, pero non podo evitar seguir pensando que os nosos políticos, ou a lo menos algúns deles, aínda están a anos luz de coñecer a auténtica realidade, a que vivimos a cidadanía a pe de rúa. Algúns, insisto, porque non a coñecen. Outros e outras porque, pese a proceder dela, semellan tela esquecido.