Policías posthumanos, identificacións e esquemas de responsabilidade

Hai só uns días coñeceuse a preocupante noticia de que o xulgado de instrución nº 4 de Barcelona arquivou provisionalmente a causa penal polos graves feitos de violencia policial vividos na metrópole catalá o 27 de maio pasado. Este proceso tense caracterizado, entre outras cuestións, pola imposibilidade de identificar os axentes autores desa violencia, na medida en que no momento dos feitos carecían da preceptiva identificación; asemade, no proceso os responsábeis policiais cataláns afirmaron en diversos momentos que a identificación dos axentes, fronte ao que establece a normativa vixente (sinaladamente, a Instrucción 13/2007, da Secretaría de Estado de Seguridade), non é obrigatoria.

Na mesma semana a Defensora del Pueblo anunciou cal tiña sido a resposta dada polo Ministerio del Interior ao seu pedido de explicacións polo feito de que o incumprimento policial desa normativa non sexa a excepción, senón a regra: segundo a fonte ministerial, o problema reside en que os coletes de seguridade portados polas unidades antidisturbios (UIP) non permiten o enganche do número de identificación.

Alén do prosaísmo da explicación, cabe reflexionar sobre a cuestión da identificación dos axentes policiais. Debería resultar hoxe evidente que o mantemento de fenómenos de violencia política no estado español ten servido para xustificar cuestións en materia policial que nos países da nosa contorna son anomalías bastante impensábeis. Unha delas é o que acontece en materia de identificación policial. Cando a norma nos estados europeo-occidentais e americanos é que o uniforme policial incorpore o nome do correspondente axente, no caso español hai que conformarse cun número de identificación que só pode ser descifrado pola propia institución. Por se iso non bastase, normalízase o emprego de calquera xénero de xustificación para ocultar tal número.

Nos países occidentais a regra é a posibilidade de fotografar aos policías, sen apenas límite algún. Polo contrario, no contexto español a cultura policial ten difundido a idea, carente de sustento lexislativo, de que realizar ese tipo de fotografías é ilegal

Esta diverxencia podería entenderse como meramente accidental. Non obstante, tal entendemento resulta inviable cando se repara nunha anomalía adicional: a relativa ao tratamento das fotografías de axentes policiais. Nos países occidentais a regra é a posibilidade de fotografar aos policías, sen apenas límite algún. Polo contrario, no contexto español a cultura policial ten difundido a idea, carente de sustento lexislativo, de que realizar ese tipo de fotografías é ilegal; mais aínda, os medios de comunicación teñen xeneralizado a conduta de difuminar a imaxe dos axentes policiais (cando pode sosterse que non face-lo non afectaría a dereito fundamental algún) ao tempo que non se ten ningún miramento coa imaxe de imputados ou penados (o cal é evidente que afecta a un dereito fundamental, por moi xustificado que poda estar).

O tratamento de ambas cuestións –as identificacións e as fotografías- se basea nun singular entendemento da seguridade dos axentes que hoxe resulta mais obsoleto que nunca. Non obstante, é normal que desde as instancias policiais se defendan ese tipo de situacións; non en van, forman parte da cultura policial española, na cal non é en absoluto infrecuente que cando os intereses corporativos e os xerais entran en colisión prevalezan os primeiros.

Máis preocupante é que a nivel institucional e social todas estas anomalías se acepten como normais. Neste nivel os intereses xerais teñen que prevalecer sobre os corporativos

Máis preocupante é que a nivel institucional e social todas estas anomalías se acepten como normais. Neste nivel os intereses xerais teñen que prevalecer sobre os corporativos. Do que se trata é de que nos casos en que as actuacións policiais podan vulnerar dereitos individuais de xeito inxustificado existan mecanismos de esixencia de responsabilidade. E, como amosan incontables casos, como o de Barcelona, isto é o que está ausente.

Tampouco isto ten nada de novidade. De novo, a comparación da experiencia policial española coa dos Estados do entorno evidencia unha sorprendente carencia de aquilo que só pode describirse certeiramente co termo inglés accountability (rendición de contas e responsabilidade). O contexto policial español non coñece de xeito normalizado nin comisións de investigación, nin verdadeiras responsabilidades disciplinarias, nin rendicións de contas políticas. Semella que neste Estado o único mecanismo de responsabilidade que subsiste nos casos de exceso no emprego da violencia policial é o xudicial, que produce reproches penais.

Non obstante, e a pesar de que fontes independentes informan da existencia de mais de 100 condenas anuais por este tipo de feitos, ese mecanismo de responsabilidade enfronta graves insuficiencias. Sobre todo, choca co xeneralizado emprego do indulto aos axentes condenados. Pero tamén o fai coas dificultades para identificar aos policías implicados nos feitos. Precisamente neste punto é no que a cuestión das identificacións deixa de ser unha mera anomalía, e se amosa como un problema que afecta aos dereitos fundamentais das persoas, sinaladamente aos consagrados polo art. 24 da Constitución.

Ningún goberno postfranquista tivo a responsabilidade política suficiente para enfrontar este problema, a pesar da súa densidade

Ningún goberno postfranquista tivo a responsabilidade política suficiente para enfrontar este problema, a pesar da súa densidade. Non semella tampouco que Rajoy teña maior interese en solucionalo. Non obstante, debería. Non parece que mereza moita xustificación a afirmación de que a maior crise económica vivida nestes lares en moitas décadas está a xerar -e vai seguir xerando- unha conflitividade social descoñecida en decenios. O inmediato presente é que os excesos en materia de violencia policial non van seguir afectando de forma prioritaria a suxeitos mais ou menos marxinados (migrantes, lumpenproletariado, activistas etiquetabeis como “perigosos”,…). Nin o 15M nin os estudantes valencianos o son. Nese contexto, o emprego inxustificado da forza policial convírtese, como temos visto nos últimos meses, nun argumento lexítimo do debate público.

E nese punto a cuestión das identificacións –pero tamén a das fotografías ou gravacións de vídeo- xa non pode seguir sendo unha materia simplemente vencellada á seguridade (policial), nin unha concesión á cultura corporativa, necesaria para o plácido goberno das forzas policiais. Neste contexto a identificación (re-)aparece como unha necesidade para que, a falta de adoptar as medidas de accountability habituais noutros lugares, este tipo de conflitos e excesos teña un adecuado mecanismo para saír da impunidade. A identificación (re-)aparece, en suma, como unha cuestión da máxima importancia, vinculada ao dereito á tutela xudicial efectiva de todas as persoas.

Mais lle valería ao goberno considerar esta cuestión, en vez de continuar co camiño que semella ter emprendido: o da criminalización da protesta social. Seguro que é a solución que lle resulta mais cómoda, e aquela máis coherente cos resaibos autoritarios da súa cultura política, pero neste momento histórico non lle vai funcionar. A crise está demasiado estendida como para que o discurso das protestas dos marxinais poda operar de forma normalizada. Nese marco, se o goberno non quere solucionar o problema das identificacións, se cadra lle quedará o recurso ao máis avanzado das ciencias sociais.

A crise está demasiado estendida como para que o discurso das protestas dos marxinais poda operar de forma normalizada

Durante as últimas décadas, unha pluralidade de académicos, de xeito sinalado a pensadora estadounidense Donna Haraway, teñen anunciado a aproximación dun horizonte posthumano. Tal evento se debería, sobre todo, a incorporación no corpo de todo tipo de gadgets tecnolóxicos, que colocan as capacidades humanas nun estadio descoñecido, e claramente diferenciado do anterior: un plano posthumano. Xa que logo, este tipo de estudos abordan as análises desde diversas consideracións, algunhas delas distópicas.

Non obstante, se hoxe se debese pensar en que casos resultan aplicábeis estas interpretacións, un dos exemplos que xurdiría de xeito máis inmediato sería o das equipadísimas UIPs policiais, dotadas de todo tipo de gadgets de dubidosa utilidade. Uniformes que carecen de rostro e –xeralmente- de identificación, anuncian a vertente distópica do horizonte posthumano.

Precisamente por iso, se cadra desde o eido dos responsables policiais podería argumentarse, invocando a Haraway, que a nosa sociedade conta con mecanismos de responsabilidade para subxectividades humanas, pero non posthumanas. Non obstante, intúese que para que a Administración sexa quen de gobernar a conflitividade social que xa está aquí, lles resultaría máis útil decidirse a poñer en marcha, por fin, mecanismos de accountability policial e, antes que nada, solucionar a inxustificable anomalía da falta de identificación. Igual a invocación da carencia de responsabilidade para cyborgs non lles funciona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.