O Capitalismo, na súa teima orwelliana por deturpar o significado das palabras, foi reducindo o exercicio da Política a un mero papel subalterno na xestión institucional, separando esa esfera da Economía e deixando esta para os “entendidos”: as institucións económicas internacionais. Con esta concepción pretendíase transmitir a idea de que a economía se gobernaba por unhas regras propias e naturais —a todopoderosa man invisíbel dos mercados, segundo Adam Smith— e, en consecuencia, a intervención dos poderes públicos nesta esfera constituía unha aberración, unha mala práctica (o demonizado intervencionismo), que había que desterrar. Foi tal o éxito desta filosofía que aínda hoxe, máis de douscentos cincuenta anos despois, ten plena vixencia e forma parte do discurso económico de todos os partidos liberais, etiquétense de esquerdas ou de dereitas.
Os resultados sociais da “man invisíbel” durante todo este tempo de economía liberal foi tan desastroso que o mundo dividiuse en clases sociais e zonas xeográficas perfectamente diferenciadas, caracterizadas por abismais desigualdades económicas e sociais
Sen embargo, os resultados sociais da “man invisíbel” durante todo este tempo de economía liberal foi tan desastroso que o mundo dividiuse en clases sociais e zonas xeográficas perfectamente diferenciadas, caracterizadas por abismais desigualdades económicas e sociais, froito do desenvolvemento producido pola desapiadada explotación dos mercados a través da súa celestial “man invisíbel”. Chegados a este punto, reputados economistas do sistema concluíron que os mercados financeiros non guiarían aos individuos nin ás empresas (v.g: as corporacións transnacionais, os bancos, os fondos de investimento, …) cara á eficiencia económica, senón a satisfacer os seus propios intereses1. Marabilloso achado, non era sen tempo.
Pero esta reflexión aínda non levou aparellada, para esa lexión de economistas críticos, outra conclusión que se deriva automaticamente da anterior. Se a man invisíbel non garante a eficiencia económica nin o reparto equilibrado da riqueza, e é a causa dos graves desequilibrios económico-financeiros actuais, iso implicaría que a artificial división entre economía e política é un inmenso erro que habería que remediar con urxencia. En definitiva, a aseveración de que os mercados non funcionan mediante unha lei natural, infalíbel e intanxíbel, implicaría que as decisións económicas e financeiras forman parte da Política e que só as institucións democráticas, baseadas na soberanía popular, estarían lexitimadas para tomalas. De acordo con este corolario a intervención na economía non só sería desexábel, senón imprescindíbel.
Os feitos demostran que a estrita división entre Economía e Política no seo da UE impide, en principio, calquera cambio nese sentido
O anterior ven a conto do que sucede estes días en Grecia. A irrupción de Syriza no panorama político europeo xerou moitas expectativas na esquerda, coa posibilidade de que as políticas deseñadas polo Banco Central, o FMI e a Comisión Europea se flexibilizasen e se producise un cambio, froito do apoio popular e do sentido común demandado polas novas autoridades gregas. Soñar non é pecado. Sen embargo, os feitos demostran que a estrita división entre Economía e Política no seo da UE impide, en principio, calquera cambio nese sentido. En realidade a Política, entendida esta como o exercicio soberano do poder, non reside xa nas institucións comunitarias senón en instancias alleas —estas si verdadeiramente invisibles, aínda que se pronuncien a través de Merkel e da Comisión— e un cambio das políticas neoliberais percíbeno como unha ameaza directa ao seu poder omnímodo. Non van cambiar agora as regras que os levaron ao control total das estruturas da UE, consagrado co Tratado de Maastricht e outros acordos similares.
Nin Syriza en Grecia, nin calquera outra forza política noutro país da UE, poderán facer nada nin cambiar as cousas a favor da maioría social se a economía e as finanzas non están nas mans dos lexítimos representantes democráticos dos cidadáns
Entón, que fai Syriza? Non creo que a análise que acabo de facer lles sexa allea aos dirixentes desta forza política. Máis ben, quero crer, que os gregos están agora na fase pedagóxica. Eses douscentos cincuenta anos de pensamento liberal necesitan dun paciente proceso de demostración, ao conxunto da poboación grega, de que o que persigue a UE non é o benestar da inmensa maioría dos cidadáns, senón o interese dunha minoría egoísta, criminal e insolidaria. Syriza pensa que o cambio pacífico en Grecia só pode vir polo apoio esmagador da cidadanía e para iso necesítase pedagoxía. Por iso están dando pasos que lle demostren aos gregos o que é en realidade a UE. Se esta non acepta un plan tan descafeinado como o que lle acaban de entregar á troika, entón é que non hai saída dentro da eurozona. Quero crer que a ameaza de convocar un referendo para saír do euro é auténtica e que o levarán a cabo se Europa non atende as súas demandas. En calquera caso nin Syriza en Grecia, nin calquera outra forza política noutro país da UE, poderán facer nada nin cambiar as cousas a favor da maioría social se a economía e as finanzas non están nas mans dos lexítimos representantes democráticos dos cidadáns.
1- Stiglitz, Joseph E. There is no invisible hand. The Guardian. 2002.