Política medioambiental: minifundismo político

Para falar de contaminación medioambiental pola falla de depuración de augas residuais de carácter humano ou industrial non fai falta retroceder ata 1854, cando o doutor John Snow relacionou a morte de máis de 500 persoas por cólera coa contaminación dun só pozo no Soho londinense, basta con achegarnos ós anos oitenta do século pasado cando se empeza a considerar a contaminación de augas subterráneas como un problema real e de envergadura.

Mentres que a contaminación doméstica se produce a través fosas sépticas, pozos negros ou verquidos incontrolados a industrial é tan diversa como as actividades que a poden orixinar.

Se centramos a cuestión no rural galego, darémonos conta de que a contaminación se produce principalmente a través das filtracións de pozos negros e fosas sépticas, xa que na maioría dos casos non son estancos, e tamén por fertilizantes e residuos da industria agropecuaria. Cómpre lembrar que a captación de auga para consumo humano no rural faise con augas subterráneas ó contrario que nas grandes cidades que se fornecen con augas superficiais.

Unha situación ordinaria na vivenda rural galega é a construcción dunha fosa séptica non moi alonxada do pozo de auga que fornece á vivenda para labores domésticos. Se temos en conta que a composición das capas subterráneas constan dunha pequena capa superficial, dúas capas de area e grava con distintas densidades e capacidades de filtrado e a capa freática que en moitas zonas está próxima á superficie topográfica é moi fácil adiviñar que a contaminación dos pozos para consumo humano está case asegurada polas filtracións  de pozos negros dado que non hai un sistema de depuración . Se esta vivenda inclúe unha pequena explotación gandeira, o risco de contaminación elévase exponencialmente. Hai que ter en conta que o abastecemento de auga en moitos lugares de Galicia faise mediante a explotación veciñal dos recursos hídricos de cada zona (comunidades de augas).

Un estudio de 1993 , do Instituto Xeolóxico e mineiro de España , comprobou sobre 493 mostras recollidas en pozos e mananciais do noso país que o 77% delas non eran bacterioloxicamente aptas para o consumo humano, a contaminación era principalmente de purines e lixiviados.

Cal foi e segue a ser a política mediomabiental das distintas administracións galegas? Se partimos de que a competencia en saneamento é dos concellos, son estes os que deben impulsar os proxectos necesarios para buscar a financiamento que os faga realizables. Agas honrosas excepcións, a preservación do medioambiente mediante unha política investidora en saneamento non foi o obxectivo prioritario dos concellos, por diversas causas, o seu elevado coste económico e a súa pouca rendibilidade política,” xa que o saneamento é un investimento que vai debaixo da terra e non se mira”.  Así, perdeuse a oportunidade de arranxar un dos problemas máis graves do rural galego que é a contaminación do solo por falta de saneamento. Un claro exemplo desta política é o concello de Tomiño, gobernado durante 24 anos polo mesmo partido político, tendo ó final deste período de gobernó só un 35% da poboación acceso ó sistema de saneamento de augas residuais, co agravante de que o financiamento europeo, fondos FEDER, Interreg, etc poñía a disposición dos concellos os recursos necesarios para cumprir coa normativa estatal e europea.

Esta falla de interese político lévanos á situación actual, onde a administración autonómica se interesa máis  por gravar o consumo de auga no rural galego que en dotar de infraestructuras necesarias e suficientes que aseguren a protección do noso solo.

Falar de sistemas alternativos de saneamento como a fitodepuración, que consiste na depuración de augas residuais por plantas que favorecen os procesos biolóxicos para depurar a auga, non se debe considerar como algo excepcional, xa que o custo económico é moito menor sendo o proceso moito máis natural; ademais, cumpriría coa normativa europea do ano 2006 que obriga os nucleos de poboación de menos de 2.000 habitantes a depurar as súas augas residuais.

A solución pasa inevitablemente por un cambio na política medioambiental da Xunta de Galicia e iso está nas máns de todos os galegos e galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.