Políticas de emprendemento si, pero… como e para quen?

É xeralmente recoñecido que o emprendemento e a existencia de iniciativa empresarial é fonte xeradora de innovación nunha economía. Esta é a idea que subxace na actual planificación de políticas destinadas á creación de novas empresas.

Na actualidade, as liñas estratéxicas das principais políticas veñen marcadas desde unha Unión Europea na que Galicia e outros territorios periféricos teñen limitada representación. Coa fin de apoiar a “Estratexia Europa 2020” e a iniciativa “Unión para a innovación”, a Comisión Europea lanzou desde a Comisaría de Investigación, Ciencia e Innovación o Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 (H2020) para o período de programación 2014-2020. Este programa naceu co obxecto de satisfacer tres retos estratéxicos: a) Crear ciencia excelente, b) Promover o liderado industrial e c) Afrontar os retos sociais que afectan aos cidadáns europeos, para o que foi dotado con 77.028 M€. Dentro do segundo deses retos, dirixido á mellora da competitividade e ao desenvolvemento das tecnoloxías, encádranse tres prioridades: o acceso ao financiamento, o apoio aos instrumentos para a internacionalización e o fomento do emprendemento. Para instrumentar esta terceira prioridade, púxose en marcha o Plan de Acción Emprendemento 2020, que presenta tres liñas fundamentais de acción: 1) Educación, 2) Eliminación de obstáculos e 3) Accións dirixidas a grupos específicos.

Sobre o terreo, Galicia conta a día de hoxe con máis de 250.000 empresas con actividade económica na Comunidade Autónoma. O número destas, froito do proceso de recuperación da fonda crise sistémica padecida, vén aumentando exercicio tras exercicio. A tendencia é xeralizada e todas as provincias presentan maior número de altas que de baixas, aliñándose coas cifras globais para Galicia e España. A principal actividade destas empresas é o comercio polo miúdo (21,79%), seguidas polas dedicadas á agricultura (16,85%), construción (12,68%), actividades profesionais e científicas (8,96%), hostalaría (8,62%), industria manufactureira (5,59%), transporte e almacenamento (4,69%) e outros servizos (4,36%). Esta composición do tecido produtivo está a reflectir unha especialización produtiva en sectores de tecnoloxía baixa ou media-baixa. En adición, arredor do 95% das empresas na Comunidade Autónoma conta con menos de 10 empregados1.

Atendendo ás liñas marcadas polas políticas europeas, son diversas as ferramentas que se veñen empregando desde as AAPP para promover ese necesario emprendemento que dinamice a economía: accións directas como axudas ao financiamento ou dotacións de TIC, axudas indirectas en forma de incentivos fiscais (ampliables se temos en conta a competencia doutros países) ou accións divulgativas. A cuestión é, se neste contexto de territorio periférico con atraso no desenvolvemento tecnolóxico respecto ás rexións máis avanzadas, a implementación dunha política xeralista e vertical deste tipo é a máis adecuada.

Unha certa miopía desde a óptica exclusivamente neoliberal, ou un interese dirixido principalmente cara outro tipo de territorios, tería influído no deseño destas medidas. En efecto, o apoio ao emprendemento é un dos retos necesarios da economía, pero non é menos certo que para que estas medidas teñan o éxito procurado deben ser aplicadas con medidas de acompañamento que faciliten a creación dun ecosistema apropiado para esa tarefa. Nese sentido, unha eiva fundamental que debe ser abordada é a ausencia dunha “masa crítica” suficiente de empresas que realicen un efecto arrastre sobre o resto da economía, permitindo contar na proximidade con provedores, clientes ou colaboradores cos que compartir e transferir fluxos económicos, de coñecemento ou construír economías de escala. Con este obxecto, as actuais medidas de emprendemento deberían ser en todo caso unha pata dunha gran política industrial que aborde esta cuestión.

Por se isto fose pouco, desde o inicio da crise económica a perda de poder adquisitivo dos cidadáns foi continua, presionando desta maneira á demanda cara abaixo. Este é un elemento de influencia na actividade de todas as empresas, pero é especialmente importante se temos en conta que moitos  autónomos, MicroPemes e Pemes concentran a maior parte da súa actividade durante os seus primeiros anos de vida no territorio nacional, e non no internacional.

É unha evidencia que os recursos son escasos e non ilimitados, pero mentres as problemáticas non sexan abordadas en profundidade, é difícil apartar do pensamento que as actuais medidas para favorecer o emprendemento son máis apropiadas para outro tipo de territorios con maior nivel de desenvolvemento en Europa. Serían si, medidas útiles para que moitos traballadores que non son quen de atopar traballo a través da oferta privada e pública non figuren como desempregados. Emprender nestas condicións non é imposible (aínda que segue a ser necesario), pero non soluciona as problemáticas estruturais e dificulta que os novos empresarios poidan competir con outras economías máis avanzadas en igualdade de condicións.

Agora pregúntense….quen son os gañadores deste modelo?

 

1- Un 67,91% das empresas en Galicia non ten asalariados, o 18,47% conta con 1-2 empregados e o 7,12% teñen  3-5 traballadores, segundo datos do IGE.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.