Polo d+ m= ;-)

Aí atrás chamáranme dunha radio para intervir nun debate sobre como a mocidade estaba a “esnaquizar a lingua” nas redes sociais, mensaxes de móbil, etc., e o prexudicial que iso era para o ensino e o idioma. Supuxeran, claro, que eu, ao ser técnico de normalización lingüística, estaría máis ca indignado con tal desfeita…

Non creo que poida ser tan perigosa nin prexudicial a linguaxe que utilice unha xeración nun contexto determinado. É máis, incluso pode verse como un elemento creativo que pon de manifesto a orixinalidade e imaxinación da xente nova

E do que lles falei foi de que tampouco creo que poida ser tan perigosa nin prexudicial a linguaxe que utilice unha xeración nun contexto determinado. É máis, incluso pode verse como un elemento creativo que pon de manifesto a orixinalidade e imaxinación da xente nova, que, como a leña verde, se non a queimamos, non todo é fume, nin moito menos.

Creo que primeiro cómpre analizarmos que vén sendo esa linguaxe de sms, whatsapps, redes sociais, etc., que non é máis ca unha adaptación sintetizada (creo que non destrución) do sistema ortográfico convencional; unha adaptación que se vai xestando por razóns de comodidade e economía lingüística. O motivo: o aforro de tempo e espazo, concentrar toda a información posíbel no mínimo espazo, facelo no menor tempo que se poida e cun teclado de pequeniños e incómodos botóns… Por estas razóns sintetízase todo ao máximo, as palabras abrévianse, apenas hai espazos, suprímense moitas vogais, non se usan acentos..., pero ademais, para intentar transmitir mellor e que a comunicación non sexa tan fría, procúrase a introdución da expresividade xestual na escrita, para o que se usan iconas de, por exemplo, estados de ánimo, creadas, en principio, a partir de caracteres ortográficos. Cousa distinta, claro está, é o desleixo ortográfico, pois poñer -b- en vez de -v- nin transmite mellor nin aforra tempo nin espazo ningún, polo que iso xa é outra historia...

Non é máis ca unha adaptación sintetizada (creo que non destrución) do sistema ortográfico convencional; unha adaptación que se vai xestando por razóns de comodidade e economía lingüística

Moitos cambios lingüísticos danse, en boa parte dos casos, por economía lingüística, e estes cambios adoitan ter como límite a efectividade da linguaxe, isto é, o entendemento entre as partes. Está claro, se un sistema non vale para transmitir e se entender, ese sistema non serve, desaparece. E este está a servir para transmitir e para que as partes que o usan se comprendan.

Agora ben, cunha serie de puntualizacións, claro. A primeira é que posibelmente esteamos a falar dunha xerga, unha xerga de contextos coloquiais, un código diverxente do convencional que nace para a comprensión dun grupo; un código que busca, pretendidamente, non ser de todo transparente para a xente allea a ese grupo. Vaia, que quen non o entenda, en todos os sentidos, está claro que é allea ou alleo a ese grupo… E a segunda é que falamos dun código utilizado para a comunicación interpersoal directa, privada, para mensaxes dunha persoa a outra, dunha persoa que coñece ese código e que está inserida nese contexto a outra que tamén coñece ese código e que tamén está inserida nese contexto.

No instituto e na facultade, desde hai ben tempo, cóllense apuntamentos empregando “q”, “ad+” ou palabras rematadas en “-mt”, e non pasou nada..., non?

Todo isto faime ver esta linguaxe como orixinal e moi interesante e que, ademais, pode converterse nun sinal de identidade de moitas rapazas e rapaces, da nosa mocidade. Polo tanto, interésame.

E, perigo para a lingua? Tranquis. Non creo que traspase o ámbito informal no que naceu. No instituto e na facultade, desde hai ben tempo, cóllense apuntamentos empregando “q”, “ad+” ou palabras rematadas en “-mt”, e non pasou nada..., non? Dubido que esta linguaxe de móbil e redes sociais chegue a ámbitos formais. Como moito, pode penetrar un chisco na publicidade. Aínda que non che guste tampouco creo que teñas moito que temer...

A min o q m interesa e m gusta m8 é q a mocidade envíe as sms en galego. Polo d+ m= ;-)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.