Ningún dos ingredientes do cóctel político que se mesturou e axitou en Cataluña é demasiado difícil de distinguir. En contra do que pensaron moitos cataláns de esquerdas que se embarcaron nunha aventura que prometía novos horizontes de liberdade, o movemento que apoiaron resultou estar ao servizo dunhas elites tan poderosas como miopes que, guiadas pola habitual expectativa do beneficio a curto prazo, quixeron ampliar e fortalecer o seu ámbito de poder. Para iso elaboraron un discurso identitario e vitimista, apelaron ás emocións dos cidadáns, inventaron un antagonista esperpéntico e dotáronse dun hiperliderado mesiánico.
O movemento que apoiaron resultou estar ao servizo dunhas elites tan poderosas como miopes que, guiadas pola habitual expectativa do beneficio a curto prazo, quixeron ampliar e fortalecer o seu ámbito de poder
O Goberno de España converteuse así nun inimigo perverso. Cumpría desenmascarar e combater sen tregua esta banda de ignorantes, ruíns e criminais maltratadores das esencias colectivas, decididos a meter as mans nos petos da sufrida e virtuosa cidadanía. Os medios de comunicación públicos e privados controlados polas elites foron postos ao servizo dunha agitprop cuxo discurso empeza no menosprezo e o supremacismo e remata en todas as violencias verbais imaxinábeis. Unha parte moi importante da poboación, bombardeada por unha batería incansábel e enxeñosa de mensaxes demoledoras contra un monstro deshumanizado cuxo único obxectivo é destruír os fundamentos inveterados da convivencia, convenceuse de que había que marchar unida tras os pasos firmes de quen encarnaba as xustas demandas do pobo asoballado.
A xente que decidiu apoiar nas urnas este discurso populista está maioritariamente orfa dunha alternativa de esquerdas. A socialdemocracia, incapaz de reinventarse despois da súa viraxe neoliberal das últimas décadas, amosa unha inconsistencia ideolóxica e programática que deixa o seu electorado tradicional desprovisto dun referente sólido e fiábel. Falta unha visión estratéxica –no capitalismo globalizado, a esquerda será europea ou non será–, faltan liñas políticas nítidas –desmantelar o Estado do benestar é cuestionar a base da democracia–, falta unha visión integradora de España –só o federalismo pode dar conta da nosa diversidade nacional–. E faltan moitas máis cousas. Falta unha esquerda socialdemócrata digna de tal nome.
A xente que decidiu apoiar nas urnas este discurso populista está maioritariamente orfa dunha alternativa de esquerdas
Así que o electorado, aterrorizado pola desigualdade crecente e polo medo á perda do status, busca refuxio en opcións populistas que, insultando de paso a intelixencia, prometen quimeras, pero cuxa función real é garantir a supervivencia dunha gobernanza delirante que nos trouxo até este desastre, e cuxos beneficiarios, preocupados pola posibilidade dun cambio de ciclo propiciado pola pandemia –cambio de ciclo que podería vaticinar Joseph Biden desde os EUA–, reaccionan redobrando os seus esforzos propagandísticos. Agora, prezado lector, relea este breve relato substituíndo “Cataluña” por “Madrid” e “cataláns” por “madrileños”. Aquí ten os nosos moi hispánicos populismos.