Por favor, non aplaudan. Voten (con garantías)

Cidadáns nun colexio electoral de Lugo, nas pasadas municipais CC-BY-SA Merixo

Traballo a diario co sufrimento das persoas enfermas. Coñezo o valor de poder axudarlles, mais tamén a frustración cando os recursos non chegan. Convivo con ela: a xente visita a súa médica de familia cando a dor ou a incertidume persisten, cando a data da proba non chega, cando a cirurxía se demora, cando a cita é para tarde, entre outras moitas cousas.

Vivín os meses previos coa ilusión de que a poboación valoraba a sanidade pública. Eran momentos coa vulnerabilidade a flor de pel. Momentos nos que creo que as profesionais sanitarias, con recursos ou sen eles, amosamos lealdade, compromiso e responsabilidade. 

Esa mesma responsabilidade é a que debe amosar agora o conxunto da cidadanía galega. Por unha banda continuando coa tarefa de evitar a transmisión do Sars-Cov-2 e por outra escollendo os xestores para os tempos de dificultade que se aveciñan. 

Vaia por diante todo o meu recelo, tal como expresan as profesionais sanitarias, da pertinencia da celebración dunhas eleccións na Mariña. Sabemos que hai discordancia entre os datos de prevalenza que constatan e os publicados, que falta persoal e material sanitario, que hai ausencia de protocolos axeitados á situación concreta, descoordinación… e que o confinamento de cinco días non se axusta ao período recomendable asumido polo consenso científico.

Pero ademais sabemos todo o que leva pasando estes últimos anos: a demolición programada da sanidade pública co ánimo de facer negocio coa saúde, a privatización que se concretou en externalizacións, concertos e demais artimañas, o desmantelamento da valiosa Atención Primaria, que debe manexar ademais o grave contexto de avellentamento e cronicidade, a redución de orzamentos neste ámbito para derivalos a espazos con maior marxe para a concertación con recursos privados, o paridoiro de Verín como mostra das desigualdades…

Facéndolle fronte a esa situación houbo responsables que agardo foran permeables ao malestar que suscitou acusar a profesionais de “contaxiarse nas zonas do café” e á mostra de dignidade colectiva que supuxo que colectivos enteiros rexeitaran publicamente o bono miserable de 250 euros en concepto de blanqueo de políticas sanitarias nefastas. 

Feijoo non é un bo xestor como fai crer coa súa manipulación informativa. Durante a pandemia tivemos a sorte de que o virus circulase pouco polo noso territorio, tal como demostrou o ineficiente estudo de seroprevalenza que convertíu o inxente traballo das enfermeiras (as máis delas precarizadas, vaia a miña empatía) en ferramenta de autobombo. Agora que temos un brote tarda en reaccionar, non comparece, delega nun ausente Conselleiro de Sanidade, toma medidas insuficientes e expón a unha comarca a unha xornada electoral sen garantías sanitarias nin legais (para as persoas que, por seren positivas, quedan sen exercer o seu dereito ao sufraxio, segundo a opinión de xuristas). 

Queda mencionar a xestión da atención ás persoas anciás ou dependentes: en primeiro lugar pola insuficiente rede de atención pública aos coidados, que deberían dirixirse á dignidade e á preservación do ámbito vital e non ao negocio coa soedade e a vulnerabilidade das persoas ao final da vida. En segundo lugar porque a inhibición da administración na dotación de recursos sociosanitarios públicos repercutíu nun incremento de mortalidade constatado especialmente en residencias privadas. 

So vos pido un último esforzo: o de imaxinar a situación dunha muller coidadora de tres familiares dependentes cos centros de día pechados e un servizo de axuda no fogar insuficiente. O máis importante que debe amparar unha administración pública, as necesidades das persoas, desatendidas. Un caldo perfecto de desigualdades.

Por favor, non aplaudan. Voten.

(Con garantías)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.