Por que se a sanidade pública española está considerada unha das mellores do mundo (a pesar de listas de espera, etc) queren que sexa privada?
Por que se sempre que goberna a dereita se producen involucións nos dereitos máis básicos aínda así seguen gañando as eleccións co voto maioritario precisamente dos que máis sufren esa clase de política?
Por que si está claro que as monarquías son unha rémora medieval e as sociedades evolucionadas optan por suprimilas por aquí seguen vixentes?
Por que se a educación na lingua propia do país é recoñecida polas máis importantes institucións educativas do mundo como a fórmula axeitada, hai tantos por aquí obsesionados con facela desaparecer?
Por que se todo o mundo ten que cumprir coas súas obrigas fiscais a igrexa e os clubes de fútbol son tratados con tanta delicadeza cando non eximidos?
Por que se constitucionalmente todos somos iguais ante a lei, tes máis posibilidades de entrar no talego canto máis pobre sexas?
Por que se no mundo hai máis mulleres que homes eles seguen gobernando e decidindo por elas?
Por que algúns xornais galegos, a pesar de que un fai as declaracións en galego, por costume as pasan ao castelán?
Por que se a violencia de xénero é un obxectivo problema os gobernos reducen os recursos para acabar con el?
Por que se sabemos que o bo, o xusto, o ético, é coidar da xente maior que nos deu tanto, se esnaquiza con tanta naturalidade o sistema asistencial de coidado e protección?
Por que se o sistema educativo debe aprender a igualdade o ministro fala de segregar por sexos e resultados académicos?
Por que se sabemos que hai miles de cativos que morren ao día por cuestións doadas de evitar, permitimos esas mortes?
Por que se sabemos que a felicidade é algo profundo e importante reforzamos dende a infancia primeira un consumismo feroz coma se fose o paradiso na terra?
Por que se vivimos nun estado aconfesional (que non laico) moitas veces son os bispos os que semellan lexislar?
Por que se os medios de comunicación son garantía democrática hai tantos entregados á Voz do seu Amo?
Por que se alguén fai este tipo de preguntas vai ser inevitablemente cualficado como radical?
Por que aínda tantos por ques?