Por que a estratexia de especialización intelixente pode non acadar os resultados agardados en Galicia no período 2014-2020?

A inicios do ano 2014 a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e da Axencia Galega de Innovación, presentaba a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para Galicia. A elaboración e implementación dunha estratexia RIS3 configurábase como unha necesidade imposta desde a Unión Europea para a percepción e aplicación de Fondos Estruturais no período de programación 2014-2020. En efecto, a Comisión Europea pretende que desta maneira os Fondos Estruturais poidan empregarse do xeito máis eficaz e que poidan aumentarse as sinerxías entre as diferentes políticas da UE, nacionais e rexionais, así como os investimentos públicos e privados.

A Especialización Intelixente considérase dende a OCDE e a Unión Europea como un novo paradigma na xeración de políticas de innovación que asegura a eficiencia dos recursos en materia de desenvolvemento a nivel rexional. O concepto de Especialización Intelixente (RIS3), implica a "orientación da estrutura produtiva cara un número concreto de prioridades vencelladas ás fortalezas e vantaxes competitivas da rexión, no plano interrexional, e cun enfoque multifondo, en materia de xeración e explotación económica do coñecemento, na procura dunha senda de desenvolvemento económico das rexións baseada na innovación e o coñecemento" (GAIN, 2014). Explicado doutra maneira, trataríase de enfocar os esforzos e recursos dun territorio cara aquelas áreas que presentan potencialidades de cara ao desenvolvemento económico futuro.

Nun contexto de fonda e prolongada crise sistémica neoliberal -co forte incremento do número de desempregados e das desigualdades sufrido-, a idea teórica da optimización dos investimentos no tecido innovador para dotar de perspectivas viables á economía a medio e longo prazo, ao tempo que se mellore a produtividade das empresas, a empregabilidade e a situación dos traballadores, debe ser entendida como unha iniciativa positiva. Sen embargo, cómpre valorar en que contexto se introducirá esta política de maneira máis rigorosa, xa que suporá o marco de actuación estratéxico para os próximos anos en Galicia.  

En primeiro lugar, habería que preguntarse se a fórmula escollida pola Xunta de Galicia á hora da elaboración desta Estratexia RIS3 é o método axeitado implicar ao conxunto dos axentes participantes da I+D+i. Aínda que unha das premisas que con motivo deste traballo se repetía desde a administración autonómica era a elevada participación de entidades na elaboración deste documento, o certo é que, por exemplo, os grupos de investigación do SUG especializados na materia non participaron deste proceso. Da mesma maneira, as Pemes, e en especial as Micropemes, o piar fundamental sobre o que se asenta a nosa economía, dificilmente puideron aportar recursos e coñecemento -máis alá de que algunha entidade poida ter cuberto algunha breve enquisa destinada a xustificar a proposta realizada- absorbidas pola realidade do día a día de quen tenta sacar adiante o seu modo de subsistencia nun contexto de crise. Cantos comerciantes, mariñeiros, fontaneiros, electricistas, mecánicos ou emprendedores terán participado na elaboración desta RIS3? Para acadar a modificación da estrutura económica do territorio requírese dunha verdadeira estratexia-país e da implicación de todos os sectores económicos algo que, ou estou moi enganado, ou non se está producir.

O deseño da Especialización Intelixente presentado pola administración autonómica propón tres retos para Galicia: 1) Novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación; 2) Novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; 3) Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. Se nos fixamos atentamente, máis que unha aposta por unha nova estrutura dun modelo produtivo de futuro, xerador de valor engadido e de emprego de calidade, semella unha tentativa por contentar a toda a órbita empresarial, xa que cada un dos retos correspóndese coas divisións dos sectores da economía (o primeiro reto correspóndese co sector primario, o segundo co sector industrial e o terceiro cos servizos).

Para afrontar este retos estratéxicos e de cambio estrutural na economía, cóntase non só cunha dotación de Fondos Estruturais menor que no período anterior (Cheda, 2013), senón cun sistema de innovación que, de existir realmente como tal, presentaría unha serie de carencias que indicarían a falta de madurez do mesmo: falta de fluidez na información entre os eixos vertebradores (empresas, universidades, administración pública...), escasa cultura innovadora, clústers en formación, zonas xeográficas desconectadas dos posibles polos de innovación (Eixo Atlántico), pouca dotación de RRHH especializados etc-.

Unha vez concibidas as políticas de I+D+i para o territorio, estas concrétanse en programas e liñas de axuda dirixidos principalmente cara grandes proxectos e empresas, en prexuízo das convocatorias destinadas a Pemes1. Ademais, dos recursos empregados para políticas de I+D+i, coñecemos por estudos recentes que parte considerable do seu orzamento acaba moitas veces xestionado por empresas non galegas (Sande & Vence, 2015)  (Sande & Vence, 2016). Desta maneira, os axentes que actúan como nó fundamental nos proxectos aprobados estarían localizados e terían intereses fóra de Galicia.

Para evitar estas problemáticas, a iniciativa nestas políticas de innovación debería pasar desde a administración pública –o lado da oferta dos programas- ás empresas –o lado da demanda-, mediante enfoques das convocatorias de abaixo cara arriba (o chamado enfoque bottom-up) que permita que estas empresas, as afincadas no territorio, lideren os procesos innovadores, cunha maior colaboración dos múltiples axentes nas diferentes fases requiridas.

Un punto fundamental que se debe abordar de forma paralela é a necesidade de promover xunto coa RIS3 medidas de acompañamento a estas políticas de I+D+i -como o aumento do tamaño das empresas galega-, para que a innovación producida sexa capaz de xerar mellores resultados, máis valor engadido, incrementar a formación dos RRHH e producir unha maior transferencia e internacionalización do coñecemento. Trataríase, en definitiva, de ser quen de mellorar a capacidade de absorción dos Fondos Estruturais destinados a este cometido tendo en conta as características específicas territoriais.

Máis alá desta cuestión, e afondando na concepción teórica das políticas de Fondos Estruturais da UE, estas planifícanse desde unha óptica neoclásica, baseándose nas economías de aglomeración, é dicir, na concentración de recursos que producen desbordamentos do coñecemento que poden ser aproveitados polos axentes da contorna. Este enfoque leva aparelladas unha serie de externalidades negativas que afectan directamente á calidade de vida das persoas, como o aumento na precariedade laboral traducido en longas horas de traballo en espazos reducidos, o alto custo de vida, a conxestión, o aumento da contaminación, ou a marxinación de territorios que non formen parte das zonas con maior actividade económica.

Sen embargo, fronte a esta visión neoclásica existen outros enfoques posibles, como o do crecemento xerador -ou generative growth- (Cooke & Bruna, 2002). Trataríase dun concepto evolutivo que se move máis aló das construcións neoclásicas como a do crecemento endóxeno. A natureza evolutiva do crecemento xerador tería en conta a aprendizaxe individual e colectiva por parte das empresas e das axencias de apoio ás empresas, criticando así certos determinismos neoclásicos como a path dependence e poñendo en relevancia a importancia do empresario individual na iniciativa innovadora, retomando a idea schumpeteriana do papel do mesmo. Polo tanto, pasarían a ser os factores clave da innovación os coñecementos da organización, das institucións, dos axentes e do medio no que se interactúa, e non a proximidade física a outras empresas quen determine en maior medida os resultados a acadar.

 

Notas

1- Mentres o programa Innterconecta, dirixido a grandes proxectos mobilizdou 30 M€, 75 M€ en 2011 e 2013 en Galicia (e 110M€ e 50 M€ nas convocatorias plurirrexionais de 2015 e 2016), o programa Conecta-Peme, dirixido a proxectos de menor dimensión mobilizou soamente 13 M€, 8 M€, e 25 M€ nas súas tres primeiras convocatorias.

 

Bibliografía

Cheda, M. (27 de septiembre de 2013). Galicia solo perderá un 17% de fondos estructurales. La Voz de Galicia , p. Galicia.
Cooke, P., & Bruna, M. (2002). Generative Growth, Knowledge Economics and Sustainable Development: implications for Regional Foresight Policy. Mobilising the Potential of Regional Foresight Actors for an Enlarged EU (pp. 1-28). Brussels: STRATAN-ETAN Expert Group Action and Conference.
GAIN. (2014). Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia. Santiago de Compostela: Consellería de Economía e Industria, Xunta de Galicia.
Sande, D., & Vence, X. (2015). Avaliación do programa Feder Innterconecta I do Fondo Tecnolóxido e coherencia coa Estratexia de Especialización Intelixente en Galicia. ICEDE Working Paper Series, vol. 12 , 1-28.
Sande, D., & Vence, X. (2016). Empresas beneficiarias e fugas de actividade. Unha avaliación do programa Feder-Innteconecta do Fondo Tecnolóxico 2007-2013 en Galicia. XXVI Xornadas Luso-Espanholas (pp. 1-25). Idanha-A-Nova, Castelo Branco (Portugal): IPCB.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.