Por que falta persoal médico en Galicia?

A política de recortes do Partido Popular en Galicia levou a que moitos dos profesionais que ten a comunidade busquen outras opcións diferentes para exercer o seu traballo. O persoal médico que se forma con moito esforzo (tárdanse 10 anos en completar a formación en Pediatría) queren que ao final da sua carreira de estudo e prácticas, poidan ter un posto de traballo acorde coa súa cualificación e que a administración que os formou (con moi boa preparación e moitos cartos detrás) sexa consecuente e lles proporcione a posibilidade de traballar no seu País. Pero o que sucede é xusto o contrario.

O Foro de Médicos de Atención Primaria (AP) denuncia que a falta de planificación provoca contratacións precarias de profesionais este verán. A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) atribúe o problema de falta de Pediatras (que afecta a 16.000 nenos e nenas e aos seus familiares) aos recortes de persoal decretados polo Sergas ca excusa da crise. Pon a atención en que a precaridade e inestabilidade dos postos de traballo, así como a falta de recursos en Atención Primaria, provoca a fuxida dos profesionais.

Suprimir as prazas supón concentrar en lugares máis alonxados os servizos, coa masificación e sobrecarga dos profesionais que realizan o traballo dos ausentes, coa perda de calidade manifesta na antención aos nosos nenos

O SERGAS adopta medidas restritivas na asistencia durante o verán, recurrindo ao subterfuxio das vacacións do persoal nos servizos de Pediatría e Medicina Xeral en AP. Estímanse en 40 as prazas de Pediatría a crear para paliar a situación (O SERGAS ten concedidas 26 este ano vía MIR) situación que se vai agravar a curto prazo pola xubilación de 80 profesionais que teñen máis de 60 anos (o total de Pediatras é de 340). A fuxida de Pediatras da Atención Primaria débese á precariedade e inestabilidade dos postos de traballo e ao deterioro dos Centros de Saúde pola falta de recursos e a masificación.

A ausencia de planificación da administración do PP, só interesada en desmantelar e privatizar o sistema, é evidente. Suprimir as prazas supón concentrar en lugares máis alonxados os servizos, coa masificación e sobrecarga dos profesionais que realizan o traballo dos ausentes, ca perda de calidade manifesta na antención aos nosos nenos, que son os máis vulnerables xunto cas persoas maiores e enfermos crónicos.
A ausencia de organización por parte do SERGAS xustifícase co interese da política do PP de desmantelar a Sanidade Pública Galega e non facer a planificación axeitada (que é polo que se lles paga o seu salario aos administradores da Sanidade Pública en Galicia). Facer contratos por 2 horas nunha mañá, facer contratos de luns a venres e non incluír a fin de semana para facer un novo contrato na semana seguinte aínda que a substitución sexa de meses, acumular o cupo dun profesional ausente a cupos xa saturados, deixar as axendas dos profesionais ausentes sen cubrir e distribuír os pacientes aos colegas que están, mesmo deixar sen axenda a eses doentes e “que vaian de urxencia” ao profesional que estea traballando.

Contratos por 2 horas dunha mañá ou de luns a venres sen incluír a fin de semana aínda que a substitución sexa de meses son casos de neglixencia por parte da Administración, que debería coidar os profesionais

Son casos de actuación neglixente por parte dunha administración que debería coidar aos profesionais, para evitar que estes, cansados dos despropósitos do PP, se busquen a vida noutros servizos: que lles paguen en relación á súa profesionalidade e lles manteña unhas condicións de traballo do século XXI e non máis próximas o XIX.
Moitos profesionais emigran a outros países, que non fixeron nada por formalos e saben que chegan moi preparados (por un País que os formou e non os contratou) o que parece un despropósito, pero é a realidade.

As alternativas pasarían por recuperar os recortes orzamentarios (especialmente no capítulo de persoal), un Plan de Mellora da Atención Primaria que recupere o prestixio perdido e a faga atractiva para o persoal de Pediatría e Medicina Xeral e acabar coa precariedade dos postos de traballo nos Centros de Saúde.

Á administración éncheselle a boca ao dicir que a Atención Primaria “é a porta de entrada o Sistema Sanitario”, e nós dicímoslle: debe ser a “Sala de Estar”, e de estar cómodos traballando e recibir a atención que merecemos. A saúde é o ben máis preciado que temos e debemos defendela para que non se desmatele en beneficio dunha medicina privada que só busca o seu negocio cos cartos públicos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.