Cómpre observar a escasa atención informativa de cara aos comicios presidenciais iranianos deste 19 de maio. A relevancia estratéxica e xeopolítica de Irán merece unha aproximación mais acadada cara o seu acontecer político, vital para entender a política rexional. Toda vez, Teherán constitúe un epicentro ineludible na configuración dos novos equilibrios que están progresivamente erixíndose tanto en Oriente Próximo como no espazo euroasiático.
De cara a estes comicios presidenciais, o contexto iraniano non aborda transformacións políticas de carácter radical, razón que pode explicar a súa escasa presenza informativa. O actual presidente Hasan Rouhaní xógase a reelección trala súa vitoria en 2013. Rouhaní lidera as enquisas, o cal consolida a perspectiva dun visible fait accompli da súa vitoria electoral. Isto, dun xeito preliminar, semella explicar por que a degradación da atención dos comicios iranianos nos principais mass media.
A eventual reelección de Rouhaní constitúe, por tanto, un elemento que igualmente evidencia un aspecto estrutural dentro da política iraniana, e que permite observar un marco de garantía da estabilidade do seu sistema político. Desde a creación da República Islámica en 1979, todos os presidentes iranianos tiveron dous mandatos consecutivos. E pouco semella que Rouhaní sexa a primeira excepción que altere esta regra non escrita.
Xunto a Rouhaní, o Consello dos Gardiáns da Revolución aprobou o pasado 20 de abril outras cinco candidaturas presidenciais. Destaca aquí a do clérigo Ebrahim Raisi, igualmente beneficiado pola recente decisión do alcalde de Teherán, Mohammed Begher Ghalibaf, de retirar a súa candidatura ao seu favor. As outras (o vicepresidente Eshagh Jahangiri, ou ultra conservador Mostafa Mirsalim, e o presidente do Comité Olímpico iraniano, Mostafa Hashemitaba) teñen menos peso político e moi probablemente irán decatando os seus respectivos apoios cara Rouhaní e Raisi.
Reformistas contra conservadores?
Así, Rouhaní e Raisi definen unha polarización política e electoral que ven sendo patente na estrutura de poder da República islámica nas derradeiras dúas décadas. Rouhaní segue a ser observado como un membro moderado proveniente das forzas reformistas e progresistas que, no contexto electoral de 2009, levaron a cabo unha forte presión nas rúas contra a reelección do entón presidente Mahmud Ahmadíneyad. Curiosamente, Ahmadíneyad presentara este 2017 a súa candidatura, sendo finalmente rexeitada.
Pola súa banda, Raisi simboliza a reagrupación dos sectores conservadores, denominados “principalistas”, circunstancialmente unidos na Fronte Popular das Forzas Revolucionarias Islámicas (JAMNA en persa). Un elemento importante dentro da candidatura de Raisi estriba no feito de ser un moi probable sucesor do Gran Aitolá Alí Khamenei dentro da estrutura teocrática que domina a República Islámica, en caso de pasamento ou retiro por razóns de saúde do propio Khamenei.
Se ben lideran ambas tendencias, Rouhaní e Raisi non son exactamente considerados como os líderes mais visibles dos sectores reformistas e conservadores que tanto teñen determinado a política iraniana das derradeiras décadas. Isto traduce un labiríntico proceso de equilibrios existente dentro do complexo mapa político iraniano e, particularmente, dos factores de poder que constantemente moven o seu péndulo político.
Aquí destacan outros actores que inflúen decisivamente neste mapa político. Obsérvanse así a estrutura teocrática en mans do Consello de Sabios, o estamento pretoriano establecido en torno ao Corpo dos Gardiáns da Revolución Islámica, a influente burguesía comercial e económica (popularmente coñecida como a “elite do Bazar”) e outros sectores teocráticos e políticos provinciais, particularmente de cidades como Isfahán, Qom, Tabriz e Shiraz.
Alén do pulso político interno, outros factores imprimen a súa importancia dentro do contexto electoral iraniano. A pesar dos avances contidos na apertura internacional tralo pacto nuclear co G5+1 en 2015, do control da inflación e da riada de investimentos exteriores (principalmente nos sectores da construción e enerxético), a crise económica segue a golpear á sociedade iraniana.
Isto é particularmente perceptible nos índices de desemprego da súa mocidade, que constitúe o 60% da poboación do país. Considérase por tanto que a economía pode ser o “talón de Aquiles” que eventualmente dificulte a reelección de Rouhaní.
Outro mapa no exterior
Outros factores estratéxicos son a política exterior e a xeopolítica rexional. Os achegamentos entre Washington e Teherán desde 2013 baixo o goberno de Barack Obama vense actualmente obstaculizados polo retorno dos neocons na Casa Branca de Donald Trump, caracterizados por unha marcada iranofobia.
Con todo, o estratéxico peso xeopolítico de Irán obriga a ampliar as perspectivas occidentais á hora de tratar con Teherán. Este aspecto, o da política exterior, pode xogar a favor de Rouhaní nas próximas eleccións. Pero este escenario é igualmente volátil, imprevisto e moitas veces contraditorio.
A aparente concentración da atención en Corea do Norte por parte da administración Trump degrada precisamente esa atención cara Irán, se ben dentro da caixa de resonancia conflitiva que Washington precisa ocasionalmente para garantir o peso dos falcóns no Pentágono e das necesidades do seu estamento militar e industrial. Cunha dimensión moderadamente menos conflitiva, a atención cara Irán estará condicionada pola polarización establecida en canto aos avances do acordo de Teherán do G5+1 e das imprevisibles decisións que poda adoptar Trump.
Todo isto repercute no reequilibrio de forzas estratéxicas que está actualmente acontecendo en Oriente Próximo. Trump ven dando cabida ás advertencias israelís e doutros aliados estadounidenses como Arabia Saudita, Qatar e Exipto, sobre a presunta ameaza nuclear iraniana. Non obstante, esta estratexia procrea diverxencias cara outro actor chave como Turquía, en particular á hora de adoptar unha política mais definida co respecto a Irán, tal e como aspira Washington.
Un elemento que pode alterar esta perspectiva é o feito de que Irán é un país chave para o equilibrio en Oriente Próximo. Tres escenarios conflitivos explican o porqué desta importancia xeopolítica iraniana: Siria, Iraq e Iemen.
No caso do interminable conflito sirio, Teherán xoga un papel chave nas negociacións que se levan a cabo en Astaná (Kazajstán) baixo auspicio de Rusia. Existe un presunto fronte común conformado por Rusia, Turquía e Irán para tentar manter ao réxime de Bashar al Asad en Damasco. Pero aquí xorden algunhas rivalidades sectarias entre Turquía e Irán, particularmente dentro da secular confrontación entre xiítas e sunnitas persistente dentro do mundo islámico.
Paralelamente, a influencia e incidencia de Teherán é igualmente relevante na resolución do escasamente atendido conflito iemenita, así como no equilibrio político dun Iraq estruturalmente volátil.
Con menor pero non irrelevante incidencia están os casos de Palestina e da eventualidade dunha autonomía kurda en Oriente Próximo. Teherán mantén un corredor estratéxico en torno a Palestina, Siria e Líbano a través das súas históricas alianzas cos movementos islamitas Hamás, Hizbulá e Yihad Islámica. Non obstante, a recente reorientación política dun Hamás cada vez mais encorado nos intereses de Qatar e Arabia Saudita, lle resta a Teherán certo marxe de manobra.
No caso kurdo, Irán posúe poboacións de orixe kurdo ao noroeste, en fronteira con Iraq, Turquía, Armenia e Acerbaixán. Pero a visión de Teherán é a de evitar unha entidade kurda independente en Oriente Próximo que estableza unha presión constante cara os kurdos iranianos. Neste sentido, Teherán repele calquera manifestación de irredentismo kurdo pero, ó mesmo tempo, establece un contacto de feito coa Rexión Autónoma do Kurdistán do Norte de Iraq.
A relevancia xeopolítica iraniana amplíase igualmente nas súas crecentes relacións exteriores. Teherán establece un revival do corredor euroasiático xunto a Rusia e Turquía, toda vez as súas relacións con China son estratexicamente importantes. Beijing, ao igual que Moscova, constituíse no principal aliado iraniano nos tempos das sancións internacionais impulsadas dende Occidente a través da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA).
Paralelamente, Irán é ruta de paso da ampliación das Rutas da Seda impulsadas dende Beijing, ó mesmo tempo que avanza na normalización das súa relacións internacionais a través de novos socios comerciais como India, Paquistán e Xapón. En definitiva, a diplomacia iraniana ven establecendo marcos de normalización das súas relacións internacionais tras décadas de illamento e confrontación, principalmente con EUA.
Resulta por tanto interesante observar que, pese ao acordo nuclear co G5+1, a política aperturista de Obama e Rouhaní e finalmente a súbita alteración desta política coa presidencia de Trump, estes factores non constitúen temas chaves dentro da axenda electoral iraniana nin semellan exercer un decisivo peso político de cara aos comicios presidenciais.
Este contexto é igualmente visible incluso no caso dun retorno conservador en Teherán en mans de Raisi, similar ao xiro radical outorgado recentemente na Casa Branca. Independentemente do resultado electoral, Irán impón a súa propia dinámica, marcada por factores de equilibrios e de desenvolvemento internos. Ao contrario de anteriores comicios presidenciais, os incómodos avatares da política exterior non exercen nesta ocasión un efecto tan decisivo.