Laiábanse estes días atrás pensadores tan respectábeis como Carlos Taibo, Joan Martínez Alier ou Serge Latouche do erro que supón poñer á cidadanía na disxuntiva de aceptar ou ben o axustamento das dispoñibilidades económicas da señora Merkel, isto é, os recortes que empobrecen todos os dominios sociais para cobrar “o que nos deben eses cidadáns malgastadores”; ou ben o crecemento do emerxente Hollande, como se non existisen outras opcións. E non falo, claro está, dunha suposta terceira vía que non é tal, a que fala de debullar unha estratexia que conxugue austeridade e crecemento, que seica é o que pretenden facer a finais de xuño os “líderes” europeos a saber en que zona vermella. Experiencia sobrada temos niso das vías terceiras.
Por ningunhas das dúas –ou tres– vías o modelo de sociedade “occidental” é recuperábel, e moito menos no deserto de recursos europeo, por canto está baseada, máis ca nada, nunha explotación patolóxica dos recursos naturais e da biosfera
Por ningunhas das dúas –ou tres– vías o modelo de sociedade “occidental” é recuperábel, e moito menos no deserto de recursos europeo, por canto está baseada, máis ca nada, nunha explotación patolóxica dos recursos naturais e da biosfera por unha banda, e pola outra nunha explotación indignante do que damos en chamar pobos do Sur, que seguen a pagar os custes do noso xeito de vivir, por moito que esta norteña crise elevara unha cortina de recorrente esquecemento.
Sen estas dúas e nocivas compoñentes –combinadas co contrapeso en termos de hexemonía do socialismo real– o noso “ideal” Estado do benestar baseado no crecemento nunca tería chegado a ocupar o seu burato na historia humana. En palabras de Latouche: “o crecemento hogano é só un asunto rendíbel a condición de que o peso e o prezo recaian na natureza, nas xeracións futuras, na saúde dos ‘consumidores’, nas condicións de traballo dos asalariados e, máis aínda, nos países do Sur”.
Se ben é entendíbel que os habitantes do cumio da pirámide político-económica non albisquen outro horizonte que reproducir o sistema capitalista custe o que custar, basicamente porque a eles custar non lles custa nada e si lles beneficia considerabelmente; sorprende que a meirande parte das novas opcións políticas da esquerda transformadora que están a xurdir en Europa, así como as centrais sindicais, que non ven máis aló do día de cobro da seguinte nómina dos traballadores –urxencia xustificábel pero perspectiva suicida a medio prazo–, apenas falen da opción, ou consigna, do decrecemento como un horizonte a valorar. Mais cando o contexto actual, de evidente esgotamento planetario e no que as billas do Sur van pechando por mor da emancipación social de moitos dos seus pobos, fan imposíbel virar a mirada cara a Keynes.
É, ao cabo, un horizonte anti- ou post-capitalista, porque como escribiu Gustave Massiah, “como todo sistema, o capitalismo non é eterno. Tivo un principio e terá un final. É necesario a partir de hoxe esbozar e preparar outro mundo posíbel”
O dito decrecemento non ten que ver, por suposto, coa recesión –ou se queredes o decrecemento traumático–, pois non está na lóxica economicista actual. Mais ben pretende evitar esa recesión e a máis que conseguinte depresión, na que o establecemento dun sistema baseado na economía de guerra e o darwinismo social militarizado está máis preto do que parece. Fai fincapé, en termos xerais, na necesidade de reducir fundamentalmente a nosa –e falo máis ca nada nos países industrializados– produción e o noso consumo, loxicamente xunto con moitas medidas correctoras de mudanza social, que tratarían de sacar a nosa civilización do capitalismo de xeito sereno, para adaptármonos a un planeta de recursos finitos que xa está sobreexplotado. É, ao cabo, un horizonte anti- ou post-capitalista, porque como escribiu Gustave Massiah, “como todo sistema, o capitalismo non é eterno. Tivo un principio e terá un final. A súa superación está de actualidade. É necesario a partir de hoxe esbozar e preparar outro mundo posíbel”.
Hoxe existe xa unha teoría bastante sólida, ou cando menos digna de ter en conta –e mesmo programas políticos decrecementistas– de como se podería abandonar esta barbarie baseada no hiperconsumo e a publicidade, na sobreprodución e a obsolescencia planificada dos produtos, no crédito e no individualismo, na violencia e na conculcación dos dereitos humanos e planetarios.
Un proxecto de decrecemento ordenado, coa drástica redución da produción e o consumo, pero tamén con mudanzas radicais no xeito de organizarnos social e economicamente, con máis autoxestión e autoorganización, coa relocalización da economía, da produción e da política, co reparto do traballo e a produción de bens relacionais, co predominio da vida social fronte a lóxica da propiedade e do consumo ilimitado, coa ruralización e a soberanía alimentar…, e evidentemente co desenvolvemento dunha vida máis frugal –se cadra dando certos pasos cara atrás–, parece ser unha opción nada desbotábel para non caermos no que sería un decrecemento traumático, que é o que está a chamar ás portas.
Un proxecto de decrecemento ordenado, coa drástica redución da produción e o consumo, pero tamén con mudanzas radicais no xeito de organizarnos social e economicamente, con máis autoxestión e autoorganización, coa relocalización da economía, da produción e da política, co reparto do traballo
Obviamente non falamos dun programa político-social que vaia resolver mañá todos os problemas da humanidade e mailo planeta. Mais si de argallar ou imaxinar un novo horizonte, cunhas accións colectivas e persoais, sobre todo a nivel local, que se poderían tomar case inmediatamente, e con outras que requerirían décadas de transformación. Pero sobre todo, trataríase de cando menos poñer sobre a mesa unha outra opción que pagaría a pena considerar. Un outro concepto posíbel do que se dá en chamar, e vaia por diante que non gusto da expresión, “altura de miras”.