Se as pescudas da Audiencia Nacional ratificasen esta liña estaríamos diante de pegadas indiciarias de suborno, testemuño falso ou estafa procesual coa participación de cooperadores necesarios. De se confirmar este nexo, a sombra da responsabilidade penal da persoa xurídica poderia mesmo atinxir ao propio Partido Popular como beneficiario desta estratexia de desestabilización
A crónica xudicial e política do Estado asiste, pampa, a un dos episodios máis singulares do chamado “caso Koldo”. A aparición de dúas facturas emitidas polo despacho IDBO Consultants S.L.U. (do que é directora xurídica a avogada de Koldo García no seu proceso penal, Leticia de la Hoz) á empresa Dos Mil Palabras S.L., editora do xornal dixital Okdiario, que dirixe Eduardo Inda, pon no foco unha encrucillada de extraordinaria gravidade. Falamos de duas facturas, por xunto 242.000 €- IVE incluído-, polo concepto:“Honorarios, aranceles y gastos por asesoramiento jurídico y procedimientos del señor D. Koldo García”.
Porén, diante do balbordo mediático, a empresa dirixida por Eduardo Inda exerceu o seu dereito de rectificación a respecto de varios media, alegando que a devandita cantidade responde a un contrato pola compra de dereitos de autor para un libro e unha serie documental. A verdade non lles albisco a relación entre a versión rectificatoria e o que din as facturas.
Se fose certo que ese diñeiro se pagou exclusivamente por dereitos audiovisuais, estariamos diante dun evidente delito de falsidade en documento mercantil (artigos 392 e 390 do Código Penal (CP). Unha factura é un documento que debe reflectir a verdade causal dunha operación económica. Se o concepto di “asesoramento xurídico, aranceis e honorarios de procedementos” pero o negocio subxacente é unha “venda de direitos”, a alteración dun elemento esencial do documento é total. Ademais, esta desconexión causal podería derivar nun delito fiscal ou fraude contra a Facenda Pública se estas notas se utilizaron para deducións indebidas do IVE (4T 2025 e 1T 2026) ou do Imposto sobre Sociedades do 2025. Tampouco se pode desbotar o delito da administración desleal se os administradores da editora dispuxeron de fondos sociais xustificándoos con negocios simulados alleos aos lexítimos intereses empresariais.
Na hipótese contraria, se o concepto das facturas é real e a editora de Okdiario pagase a defensa xurídica dun procesado por graves delitos de corrupción, a conduta fica orfa de lóxica mercantil. Dende unha óptica penal, este camiño poderia achegarse á perigosa área do delito de obstrución á xustiza (artigo 463 e seguintes CP), se este pagamento tentase influír no testemuño do investigado, ou ben un delito de encubrimento (artigo 451) se o obxectivo fose evitar o descubrimento de redes de responsabilidade máis amplas. Igualmente, no eido societario, o uso de fondos dun medio de comunicación para pagar as minutas dun terceiro alleo á empresa sen unha xustificación de utilidade social lexítima abriría a vía penal por unha posíbe apropiación patrimonial no prexuízo das propias socias, tamén encaixábel no devandito delito de administración desleal.
Dende unha análise literal do texto das facturas semella que abrangue “aranceis” (é dicir, direitos deivindicados pola procuradoría na súa defensa en0 xuizo) “honorarios” (idem avogacía en xuizo) e “asesoramento xurídico” polo que, como xa temos dito anteriormente, os termos rectificatorios da editorial vencellada a Inda non son nin críbeis nin comprensíbeis.
A xustiza non pode aceptar escudos artificiais de rectificación xornalística xerados cando veñen mal dadas. Quer por falsidade documental flagrante, quer por un financiamento encuberto de estratexias procesuais de finalidades ilegais, os límites do Dereito foron tensionados de xeito non permisíbel
En último de contas, a escea procesual fica aberta a unha terceira e moi perigosa derivada. O propio Koldo García suxeriu dende o cárcere (onde cumpre unha condena definitiva de 19 anos de prisión) que estes pagamentos foron un mecanismo que agachaba a realidade subxacente, coordinado con elementos da contorna do Partido Popular e o seu entón avogado, para, quer garantir o seu silencio, quer dirixir a súa estratexia testemuñal contra o Goberno do Estado.
Se as pescudas da Audiencia Nacional ratificasen esta liña estaríamos diante de pegadas indiciarias de suborno, testemuño falso ou estafa procesual coa participación de cooperadores necesarios. De se confirmar este nexo, a sombra da responsabilidade penal da persoa xurídica (artigo 31 bis CP) poderia mesmo atinxir ao propio Partido Popular como beneficiario desta estratexia de desestabilización.
A xustiza non pode aceptar escudos artificiais de rectificación xornalística xerados cando veñen mal dadas. Quer por falsidade documental flagrante, quer por un financiamento encuberto de estratexias procesuais de finalidades ilegais, os límites do Dereito foron tensionados de xeito non permisíbel. A xustiza ten a obriga de clarexar as incógnitas, pois que está en xogo a propia limpeza das regras de xogo do noso sistema democrático.