Por que uns países son máis ricos que outros? Un merecido premio Nobel

Anuncio dos gañadores do Premio Nobel de Economía 2024 ©

Seguramente o/a lector/a se preguntou algunha vez polas causas que levan a que uns países sexan moito máis prósperas que outros

Seguramente o/a lector/a se preguntou algunha vez polas causas que levan a que uns países sexan moito máis prósperas que outros. Moi posiblemente considerou que esas diferenzas se explicaban por factores xeográficos (como o clima ou a presenza de importantes recursos económicos) ou ben por factores culturais (cultura do esforzo).

Non obstante, os recentemente galardoados co premio Nobel de Economía, Acemoglu, Johnson e Robinson (a partir de agora “AJR”) darían outra resposta: A chave está na calidade das institucións, ou o que é o mesmo, nas “regras do xogo”. Nos países prósperos predominan institucións inclusivas, nas que o poder está distribuído entre varios axentes e se respectan dereitos básicos (dereitos de propiedade e/ou garantías legais) favorecendo a innovación e o progreso. Pola contra, nos países menos desenvolvidos imperan institucións extractivas, deseñadas para concentrar o poder nunha elite, o que frea o crecemento e perpetúa a pobreza. Nesta última situación, o mellor camiño para prosperar non é innovar, senón achegarse ao poder.

A chave está na calidade das institucións, ou o que é o mesmo, nas “regras do xogo”. Nos países prósperos predominan institucións inclusivas, nas que o poder está distribuído entre varios axentes e se respectan dereitos básicos (dereitos de propiedade e/ou garantías legais) favorecendo a innovación e o progreso

Se o/a lector/a non está completamente convencido deste argumento, pode reflexionar nas diferenzas entre Corea do Norte e Corea do Sur, unha nación dividida en dous estados con destinos socioeconómicos moi distintos. Outro exemplo máis específico, que aparece no popular libro “Why Nations Fail” de Acemoglu e Robinson, é o da cidade de Nogales, situada na fronteira entre Estados Unidos e México. Esta cidade está dividida en dúas partes: unha en territorio estadounidense e outra en territorio mexicano. Aínda que non hai diferenzas xeográficas ou culturais significativas entre ambas, a Nogales estadounidense destaca por ter maiores niveis de renda, mellores servizos públicos, máis oportunidades de emprendemento e menor criminalidade. Descartadas as diferenzas xeográficas e culturais, cal é entón a principal diferenza entre as dúas? As institucións, ou “regras do xogo”, que se estableceron ao longo do tempo en cada lado da fronteira.

O que atopan AJR na súa investigación é que a diferenza no desenvolvemento económico entre os países da América Latina e EEUU se explicaría polas diferentes regras do xogo impostas desde a colonización

O que atopan AJR na súa investigación é que a diferenza no desenvolvemento económico entre os países da América Latina e EEUU se explicaría polas diferentes regras do xogo impostas desde a colonización. A colonización española, centrada na subtracción de recursos, estableceu institucións extractivas, deseñadas para beneficiar unha elite e que perduraron ao longo do tempo. Pola contra, a colonización británica, ao non ter a mesma posibilidade de explotación de recursos (debido á súa ausencia), deu lugar a institucións máis inclusivas que favoreceron o desenvolvemento económico a longo prazo.

Pódese concluír do anterior que, para que un país prospere, basta con que o Estado respecte os dereitos de propiedade individuais? Non. No libro “The Narrow Corridor”, Acemoglu e Robinson subliñan a  importancia de atopar un estreito equilibrio entre unha sociedade civil forte, que evite que o estado se converta nun aparello opresivo ao servizo dunha elite, e un estado forte, que promova a inclusión e a igualdade de oportunidades

A tese dos recentemente galardoados non está exenta de críticas. Algunhas persoas consideran que esta visión é demasiado simplista; ¿acaso non existiron elites e institucións extractivas en países como os Estados Unidos?

A tese dos recentemente galardoados non está exenta de críticas. Algunhas persoas consideran que esta visión é demasiado simplista; ¿acaso non existiron elites e institucións extractivas en países como os Estados Unidos? O certo é que esta división non é absoluta, e os autores son perfectamente conscientes de que nun país poden convivir institucións inclusivas e extractivas.

Nótese que, se as institucións inclusivas son máis proclives ao crecemento económico, o que estamos afirmando é que as democracias son sistemas máis favorecedores do crecemento que as ditaduras (ao contrario do que algúns poderían pensar). Neste punto xorde outra crítica a esta tese: como explicar entón o fortísimo crecemento económico dun réxime autoritario como o de China ao longo das últimas décadas? 

O certo é que a tese defendida polos premiados pode reconciliarse con este feito. En primeiro lugar, hai que dicir que o crecemento chinés se produciu a medida que as súas institucións foron mudando cara institucións máis inclusivas. En segundo lugar, como sosteñen os autores, os sistemas autoritarios, pola súa gran capacidade de mobilizar recursos poden conseguir un rápido crecemento económico no curto prazo; porén, polas dinámicas das regras do xogo establecidas, este crecemento non sería sostido ao longo do tempo, tal e como ocorreu no caso da URSS. 

Veremos que acontece con China nos próximos anos. Se o xigante asiático continua crecendo considerablemente, e por tanto, desafiando a tese dos galardoados, debemos lembrar que a prosperidade dun país non se mide unicamente polo crecemento económico, cando menos se se valoran, aínda que sexa minimamente, os dereitos individuais e colectivos

En conclusión, esta investigación sinala que as democracias, non son freos para o desenvolvemento, senón todo o contrario. A pesar das posibles limitacións do seu traballo, AJR ofrecen unha resposta convincente e baseada en evidencia a unha das grandes preguntas das ciencias sociais: Por que uns países se desenvolveron moito máis que outros. Cuestión que, sen dúbida, merece un Premio Nobel. 

Veremos que acontece con China nos próximos anos. En calquera caso, se o xigante asiático continua crecendo considerablemente, e por tanto, desafiando a tese dos galardoados, debemos lembrar que a prosperidade dun país non se mide unicamente polo crecemento económico, cando menos se se valoran, aínda que sexa minimamente, os dereitos individuais e colectivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.