Na clausura do Col·loqui Verdaguer do ano 2005 o prestixioso historiador da literatura catalá, Joaquim Molas, enumeraba unha serie de retos investigadores para afrontar de xeito global o estudo da Renaixença. En boa medida a proposta do profesor Molas serve de modelo para os retos da investigación galega verbo do Rexurdimento e convida a que nós empracemos dende este artigo unha demanda de parecido contido.
No mes de setembro deste ano celebráronse unhas xornadas sobre literatura galega en Madrid promovidas polo Centro de Estudos Galegos. Neste marco congresual cómpre destacar, polo que atinxe ao asunto deste artigo, a presentación do proxecto de investigación dirixido pola profesora Teresa López, da Universidade da Coruña, titulado “Cronoloxía da literatura galega contemporánea (1801-1900)”, que recompila a produción en lingua galega ao longo do século XIX. O debate e as conversas abertas ao fío desta época posibilitaron o encontro de distintas perspectivas analíticas e conceptuais.
Todas estas achegas convidan a un encontro amplo da investigación galega para poñer no traballo colectivo a tarefa (case)individual que xira arredor do Rexurdimento
O pasado ano 2013 o profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, publicaba Das Copras de Sarmiento ós Cantares de Rosalía de Castro na editorial do grupo de investigación GAELT. Coidamos que non acadou a difusión e distribución merecidas xa que neste volume atopamos unha nova interpretación do Rexurdimento e unha nova periodización que revoluciona os propios alicerces. Mais tamén nese ano o Grupo de Investigación Rosalía de Castro da USC, coordinado por María do Cebreiro, realizou un suxestivo traballo para revisitarmos a obra e figura da poeta e que obtivo no congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada” o necesario debate en común. Poderiamos citar máis proxectos e estudosos que ofreceron renovados lentes para esta etapa.
Precisamos unha historia social da cultura galega que xa viña reclamando, entre outros, o falecido Xoán González-Millán
Todas estas achegas convidan a un encontro amplo da investigación galega para poñer no traballo colectivo a tarefa (case)individual que xira arredor do Rexurdimento. Moitas veces acontece que os departamentos das tres universidades galegas non se nutren entre si cos seus traballos académicos ou parece, dende extramuros, que levan uns vieiros paralelos sen liñas de comunicación. Os estudos socioculturais deben abranguer unha óptica multidisciplinar e arrexuntar a meirande información dende diversos campos científicos para achegarnos con maior certeza a unha época crucial para a historia de Galiza no tocante tanto á súa lingua e cultura pero tamén á súa sociedade, economía e identidade. Precisamos unha historia social da cultura galega que xa viña reclamando, entre outros, o falecido Xoán González-Millán, quen nos deixou unha brillante reflexión teórica (recollida en gran medida no libro Resistencia cultural e diferencia histórica) para asumir o estudo da cultura galega dende a experiencia da subalternidade.
Por este motivo coidamos necesario demandar a celebración dun amplo congreso sobre o Rexurdimento e indilgar asuntos de todo tipo. Enumeremos, por caso, algunhas ideas que Joaquim Molas citaba en 2005 e outras que se nos ocorren arestora.
Coidamos necesario demandar a celebración dun amplo congreso sobre o Rexurdimento
Cando falamos de Rexurdimento nos referimos a unha expresión concreta ou a un movemento que se extende ao longo do século decimonónico? A súa orixe é máis acción ca reacción ou á inversa? A súa dinámica responde a motivos endóxenos ou esóxenos, ou a ambos segundo cal gradación? Estamos perante un concepto exclusivamente cultural (literario e lingüístico) ou, pola contra, tamén perante un concepto social, político e económico? Que percepción existía do Rexurdimento por parte da propia sociedade galega (tanto camadas populares como intelectualidade non ligada directamente ao nacionalismo) e como nos miraban os outros (dende Portugal a Cataluña como dende España a Inglaterra)? Cómpre realizar un estudo comparativo do Rexurdimento con outros casos paralelos sucedidos en Hungría, Polonia ou, nomeadamente, Cataluña? Podemos falar dun romanticismo galego autóctono ou de pegada puntual do romanticismo europeo? Que influencia romántica chegou primeiro aquí: a inglesa, alemá ou francesa; e cales autores foron máis lidos entre finais do século XVIII e inicios do XIX? En que medida o Atlántico foi unha vía de comunicación directa coas ideas estéticas e ideolóxicas da Inglaterra liberal ou da Francia revolucionaria e, por tanto, non precisaba unha información indirecta pola vía da meseta? Que rol desempeña o provincialismo (como expresión da creación do discurso identitario) na consecución dunha atmosfera proclive ás “cousas nosas”? Até que punto condicionou o Rexurdimento a instalación do proxecto liberal español? Que independencia ou dependencia tiña o campo literario do político neste período e cando podemos falar estritamente de sistema literario galego? Que visión existía tanto dende o provincialismo como dende o republicanismo federal verbo de Galiza? Cando podemos falar de opinión pública creada tanto dende a esfera privada como pública e cal foi a función dos círculos sociais, da prensa e das institucións académico-culturais?
Cando falamos de Rexurdimento nos referimos a unha expresión concreta ou a un movemento que se extende ao longo do século decimonónico? A súa orixe é máis acción ca reacción ou á inversa?
Velaquí unha restra de interrogantes que se podería continuar pero que bastan como exemplo. Abofé que algúns deles xa teñen traballos que acometen estas inquedanzas pero que necesario se fai poñelos no debate colectivo e comunal para seren lidos dende a pluralidade científica (dende a socioloxía até as ciencias da comunicación, dende a economía até as ciencias políticas). Canto menos así o valoramos no contexto das citadas xornadas de literatura galega de Madrid e, polo cal, este artigo resulta un convite feito en plural.