Póvera Europa!

É un libro que está por escribir: A historia do silencio. Non cantos de nós nos preguntamos que demo estará a pensar a outra persoa nese instante no que recibe a última palabra e trata de buscar as súas para responder? Non debería sorprendernos, en absoluto, que a actitude das persoas non sexa fidel ao cen por cen ás súas palabras pois, ao fin e ao cabo, as decisións máis importantes nas nosas vidas son aquelas que negociamos con nós mesmos en silencio, cando o tribunal da conciencia do outro non ten presenza física e os pensares e os sentires comezan a bulir libremente.

Os seres que non teñen ruidos na conciencia son o máis semellante a unha máquina ou a unha pedra, como acontece coas persoas ás que non lles impulsa ningún tipo de química afectiva nas súas accións. Sexa como for, tanto as palabras que utilizamos como as accións que levamos a cabo, sempre van precedidas por ese ruidoso silencio que pode facerse visíbel escribindo ou interpretando algún monólogo existencial, así como tamén coa tekné cinematográfica e as artes plásticas en xeral. Atreveríame a dicir que a meirande parte dos conflitos que existen na vida cotiá, tanto como no big theatre da política, nacional e internacional, xermolan precisamente dende ese ruidoso silencio que comeza a asumirse coma unha lei non escrita, coma un hábito, coma unha costume para autómatas autosatisfeitos con experimentar a vida dende a simple epiderme.

Incapaces sequera de comezar a criticar a concepción do desenvolvemento coma un horizonte únicamente materializable a través dun crecimento económico que non ten en conta indicadores sociais, humanos nin medioambientais

As consecuencias?; pois, para remitirme a un caso moi recente, non hai nada máis ilustrativo que a crecente vaga de suicidios cun rotundo trasfondo político que os mass-media europeos están silenciando en tanto que información rigorosa, mais, ao mesmo tempo, espectacularizando en forma de story telling acaído para inocular aínda máis o senso do drama nunha sociedade civil europea orfa de espazos de reflexión, alternativas e representación política efectiva. Estes suicidios, especialmente en Italia, Grecia, Irlanda, España… e, en resumo, na Europa povera, son un claro síntoma do fracaso da Europa monetarista e Otanizada, e son, intúo, o principio dunha quebra social, política, económica e cultural irreversíbel.

Convén dicilo, xa que logo, en alto: só nos soños de poetas e escritores, así como de individualidades políticas con coraxe, foi o Europeísmo un sentimento e un proxecto sincera e consecuentemente sentido e asumido. Este é o ruidoso silencio que moitos europeos non tiveron –nin teñen- a coraxe de comunicar no seu momento. O aumento descomunal da taxa de suicidios na Europa povera, visibilizado nun estudo publicado polo xornal clínico The Lancet, son unha rotunda expresión social da impotencia en resposta ao uso represivo das forzas de seguridade estatais para criminalizar a protesta cívica en xeografrías e barrrios-miseria.

A responsabilidade do ruidoso silencio ao que a Europa e o europeísmo oficial confina á Europa povera, así como a responsabilidade na súa exclusión mediático-política e na represión policial constante que sofre, é unha responsabilidade múltiple, é responsabilidade de xornalistas, tertulianos, científicos, filósofos, políticos, escritores e artistas –supostamente comprometidos- incapaces sequera de comezar a criticar a concepción do desenvolvemento coma un horizonte únicamente materializable a través dun crecimento económico que non ten en conta indicadores sociais, humanos nin medioambientais.

Estamos nun Point of no return. Nun camiño sen saída cara adiante, e só unha mestura de prudente imaxinación sociolóxica, principio de realidade e compromiso ético libremente asumido poden sacarnos deste delirio sen derivas totalitarias

Estamos nun Point of no return. Nun camiño sen saída cara adiante, e só unha mestura de prudente imaxinación sociolóxica, principio de realidade e compromiso ético libremente asumido poden sacarnos deste delirio sen derivas totalitarias.

Esta sociedade está preñada de silencio ruidoso, non só a sociedade Europea, senón o planeta holística e globalmente concibido; a nosa contemporaneidade, a contemporaneidade da hexemonía ultra-liberal e hiper-moderna, está existencialmente enferma por non manifestar o que realmente sente. Por obrigarse a expresar, tanto no teatro cotiá coma no agora público –que non deixa de ser outro teatro, e que ten ben pouco de público-, o que debe sentir e o que é correcto sentir. Está enferma, tamén, e sobor de todo, por obsesionarse sobre como debe sentir e como debe expresarse para non desagradar ao ollo e á linguaxe pública –que, por suposto, tamén ten ben pouco de mirada e linguaxe publicamente construída-. Tarde ou cedo, moi probablemente, este silencio ruidoso oculto baixo códigos e semánticas tópicas, cousificadas, pode devir cara un suicidio colectivo ou cara un nihilismo político extremo que só atopará a violencia como forma de expresar a súa impotencia.

A máxima da maior rendabilidade posible no menor tempo posible, como pauta de conduta, sexa radicalmente substituída pola máxima da maior felicidade e dignidade humana posible antes da re-existencia da enésima barbarie

Probablemente sexa este un dos traumas e das encrucilladas máis traumáticas que a humanidade teña que abordar no futuro, a de recompor a profunda fenda que as nosas institucións están provocando nos suxeitos que procuran algún tipo de vínculo comunitario que non se base en relacións de dominación-exclusión ou interese instrumental puramente economicista, e a de recompor formas de traballo, individual e colectivo, no que a máxima da maior rendabilidade posible no menor tempo posible, como pauta de conduta, sexa radicalmente substituída pola máxima da maior felicidade e dignidade humana posible antes da re-existencia da enésima barbarie.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.