PP: teoría da auto-destrución

Alfonso Rueda, presidente da Xunta, durante a sesión de control CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Agora parecen perseguir tamén o colapso ambiental. Son tan de mirada curta que non alcanzan a albiscar se quer as consecuencias das súas decisións. Porque, ademais da afección directa á Terra e á xente, o camiño que levan tamén os pode conducir á súa auto-destrución

Coa memoria aínda fresca dunha Valencia arrasada polas enchentes e pola ben coñecida incompetencia do PP para o servizo público, quizás veña ben lembrar agora que as prioridades da militancia deste partido situaron sempre no ámbito substantivo e curtopracista o enriquecemento persoal, deixando para un aura insubstancial, un holograma, as aspiracións do ben común. Na nosa terra, esta iluminación mestura de thatcherismo e ladroício leva decenios pondo o seu fértil imaxinario ao servizo da decadencia e demolición do público. Os resultados son espectaculares. Sanidade, educación, cultura, lingua, industria, economía..., parecen desprazarse do malo ao peor. Pero hai algo que envolve o anterior todo. Agora parecen perseguir tamén o colapso ambiental. Son tan de mirada curta que non alcanzan a albiscar se quer as consecuencias das súas decisións. Porque, ademais da afección directa á Terra e á xente, o camiño que levan tamén os pode conducir á súa auto-destrución.

 

O colapso ambiental

Por circunstancias xeolóxicas específicas, a nosa terra ten a característica singular de ser algo así como a punta de lanza europea no Atlántico. Isto confírenos aos galegos a condición existencial de sermos quen contempla os derradeiros raios solares apagándose cada día engulidos polas augas da fin do mundo, o que sen dúbida aportará non pouco na nosa idiosincrasia saudadosa. Houbo unha intelectualidade galaica que acertadamente usou a metáfora de Galicia, unha luz no Atlántico para titular unha obra colectiva que, en pouco tempo, cumprirá 23 anos sen que a galeguidade, enténdase a poboación galega en xeral, adquirise conciencia das posibilidades reais que ofrece vivir nesta terra.

Pois ben, esa condición de avanzada atlántica fai singular a Galiza, ao tempo que vulnerábel. A corrente do Golfo, esa que fai parte dunha máis ampla circulación oceánica de superficie que en linguaxe técnica ven sendo denominada Atlantic Meridional Overturning Circulation (AMOC), esa corrente, digo, lambe a nosa beiramar no seu primeiro contacto europeo, proporcionándolle un caudal de augas mornas necesario para desenvolver, quizás, a máis rica e saborosa comunidade de peixes, crustáceos e moluscos da costa toda da Europa. Ao tempo, o insistente nordés que acompaña a beiramar desde a primavera pero, sobre todo, a partir do mes no que celebramos con orgullo a existencia da Nación, permite o afloramento de augas frías profundas cargadas de nutrientes, o cal converte a nosa costa nunha das máis produtivas do Planeta. Peeero..., segundo avanzan recentes investigacións, a AMOC parece aproximarse a un tipping point, un punto de inflexión, e a continuidade dos períodos nos que domina o nordés na beiramar parece minguar. Ambas transformacións poden significar o colapso de aquilo todo que proporciona boa parte da súa esencia a esta terra.

Fagamos agora un paréntese. A noite do 14 de xullo de 2022 viaxaba desde O Morrazo ao Xistral cando, atravesando xa os páramos nos que a Terra Cha gatuña ás alturas para deixar de ser chaira e converterse en montaña, un espectáculo pouco usual de raios invadiu o ceo. Aquel frenesí desatado parecía unir terra con ceo e, mimadriña, dereita con esquerda. Había semanas que o vento nordés desecaba a herba, os toxos, os piñeiros e esas sombras funestas das que penduran carapas listas para arder. E así foi. Nesa noite na que Galiza recibiu máis de 3000 raios, nun inusitado episodio de tormenta seca, prenderon lumes desde O Courel ata Valdeorras e desde O Larouco ao Invernadeiro (sic). Días despois, as correntes de convección trasladarían o espiral de lume cara á Barbanza, á Paradanta, Terras de Lemos ou Monterrei. Xa é ben coñecida a capacidade de propagación do lume nesas circunstancias. Os spot fires cabalgan por riba de todos os operativos que se poidan preparar contra o lume. Barreiras de carrocetas e brigadas terrestres son arrasadas por frontes de ducias de quilómetros, as columnas de fume imposibilitan voar os hidroavións e todo se volve un inferno que desborda autoridades e equipos de emerxencias. Para máis impotencia, e aí é onde reside a dificultade da contención, o lume propágase polo aire con centenares de moxenas e cascas ardentes que viaxan ata 15km para prender novos focos. Vímolo recentemente en Chile. Isto deberíao ter moi presente quen dirixe as institucións autonómicas cando impulsan políticas de botar gasolina ao lume. Porque aquelas 200.000 hectáreas que arderon en 1989 poden ficar pequenas para o que se prepara. Pero non sigamos por aí e voltemos para a AMOC.

Recentes investigacións confirman o sinalado nun artigo seminal publicado o ano 20021 no que abertamente se avanzaba a posibilidade de que o incremento do derretemento do Ártico chegase a alterar as condicións de temperatura e salinidade características das correntes que conforman a citada AMOC e que esta alteración alcanzaría a suficiente entidade como para mudar abruptamente o clima do occidente de Europa (descenso da temperatura e dominancia de períodos máis prolongados de secas). É dicir, ao igual que o que se observa na xeopolítica, a influencia do Leste na climatoloxía parece ser que tamén se dispararía en pouco tempo: ventos siberianos varrerían Europa, producindo unha maior seca atmosférica e menor humidade ambiental. Vemos xa por onde poden ir os tiros? Unha investigación publicada neste 20242 pon data ao inicio dese colapso: 2037. En menos de 15 anos estaríamos a sufrir esa nova climatoloxía.

E que propón a Xunta do PP? Nin mais nin menos que reforzar unha política forestal suicida dando entrada a un novo axente económico (Greenfiber, é dicir, Altri) coa fin de dinamizar e perpetuar un modelo espoliador que conduce ao suicidio ambiental, económico e social. Acaso non é doado entender que a política máis acaída nestes momentos sería a de diversificar as producións do monte? Coas previsións dun horizonte climático próximo de menos precipitación e frecuentes tormentas secas, como poden apostar por seguir eucaliptizando? O panorama que se pode representar imaxinando que verán tras verán se sucederán vagas incendiarias descoñecidas en magnitude resulta espantoso. Pero lembremos, a incapacidade para interpretar o momento ven determinada, obviamente, por ese orde de prioridades que comentabamos máis arriba. Contrasta esta irresponsabilidade coa mobilización dun amplo colectivo de investigadores nórdicos que remitiron unha carta aberta3 a sociedades e gobernos para concienciar sobre as graves consecuencias que o colapso desa circulación oceánica tería sobre Islandia, Noruega e Suecia. Nada novo.

O colapso político

Recentemente na Serra do Xistral puiden ver un exemplo de gregarismo fosilizado que vai enfraquecendo ata desaparecer. Durante máis de 40 anos as vacas que pastan o monte veciñal de Miñotos usaron un enclavado onde un piñeiral de Pinus radiata ou piñeiro insigne as acollía nas galernas e nordesías. Cando ventaban a chegada das borrascas que traerían fortes descargas, ou tras pasar o dia enteiro pastando ao vento e á chuva, as vacas cruzaban unha pista do monte e reuníanse á noite baixo os piñeiros, que as protexían de aireadas e refachos. Un día de fin do verán a propietaria decidiu que era o momento de facer caixa. As máquinas arrasaron o piñeiral e en apenas cinco días deixaron á intemperie o refuxio das vacas. Durante varias semanas as ruminantes seguían indo ao lugar onde medraban aqueles piñeiros na procura de acubillo. E acabaron por se decatar de que aquela protección habería que ir busca-la a outro sitio...

O permanente e crecente esforzo que destina o PP a debilitar o público reforzando espazos opacos onde impulsar “oportunidades de negocio”, é dicir, de enriquecemento, será finalmente percibido por unha boa parte da sociedade galega con só dúas miradas. Unha primeira, cada vez máis común, é a que nos informa do enorme deterioro que caracteriza ao sistema sanitario e educativo. Un deterioro que imposibilita, con frecuencia, a concesión de privilexios e prebendas, limitando así a percepción diso que chaman “administración amiga”. A outra mirada é a que se dirixe aos sectores produtivos básicos. Comeza a haber un nicho sociolóxico, tradicionalmente votante do PP, que non comprende os ataques a sectores produtivos dos que depende aínda unha parte importante da poboación galega labrega e mariñeira. A defensa dos intereses de multinacionais eólicas, enerxéticas, mineiras e forestais está a desvendar os ollos a unha parte non insignificante do voto leal do PP. A pregunta que se fai a xente é: para que seguimos a votar a estes se non nos valen para nada e, ademais, botan pedras contra nos?

Que o paraugas do poder central español estea en mans da competencia intensifica o vento en proa. E ademais, no parlamentiño, unha oposición galeguista que centra o relato no beneficio e progreso galegos fronte á espoliación e a aldraxe foránea provoca manobras surrealistas na Xunta. Non se pode interpretar doutro xeito a pretensión da Consellería de Industria de que as empresas eólicas acepten auto-limitar o seu mercado e vender máis baratos ata o 50% dos seus megawatts no mercado galego, cando existe un Mercado Ibérico da Electricidade e incluso un avance firme cara a integración europea do mercado eléctrico. Ese é tan só un exemplo da ausencia de ideas e da existencia dunha acción política sen iniciativa propia, coa pulsión determinada pola iniciativa do adversario. E a todo isto hai que xuntar o medre porcentual do galeguismo/nacionalismo que se observa nas posicións políticas da mocidade que se incorpora cada ano ao censo electoral.

A arrogancia do tándem Rueda-Prado lembra o ocaso dunha estrela do rock ou dun caprichoso e próspero futbolista. A maquinaria perfecta e ben engraxada acabará por gripar de tanta soberbia. O corredor polo que avanza o PP nesa carreira tola é de tal envergadura que permite á oposición abrir con intelixencia múltiples frontes de ataque

Esa realidade de progresivo afastamento acabará por permear no propio PP. A opacidade informativa que arrodea ese partido evitará deitar luz sobre correntes internas que esixan moderar o frenesí ultraliberal e dar gas a unha política galeguista moderada. A arrogancia do tándem Rueda-Prado lembra o ocaso dunha estrela do rock ou dun caprichoso e próspero futbolista. A maquinaria perfecta e ben engraxada acabará por gripar de tanta soberbia. O corredor polo que avanza o PP nesa carreira tola é de tal envergadura que permite á oposición abrir con intelixencia múltiples frontes de ataque. Seguramente reporten máis réditos as cuestións de fondo que as de forma, pois estas están sempre baixo o arbitrio xudicial, frecuentemente favorábel, mentres as outras, as que poñen o foco na interpretación política, son as que remexen os cimentos do PP. Eólica mariña, minaría colonial, celulosas, desleixo no agro, no rural, na pesca, no marisqueo e no tecido produtivo básico en xeral, pasividade na promoción industrial, asalto á Sanidade, deterioro educativo, despreocupación pola lingua e cultura... Son múltiples as vías de auga. Incrementar a masa crítica, aínda a risco de aceptar a volatilidade ou escasa solidez ideolóxica dos futuros cadros políticos, revélase prioritario. Ninguén pode negar que o país precisa de 12 ou 16 anos de transformación e que esas mudanzas non se van operar desde os principios maximalistas do soberanismo, como nos gustaría a unha ruidosa minoría. Ánimo, pois. Deixamos para outra a teoría das dúas velocidades que o País precisa (pragmatismo-rupturismo, nacionalismo-independentismo).


 

Notas

1 Clark, P. U., Pisias, N. G., Stocker, T. F. & Weaver, A. J. (2002): The role of the thermohaline circulation in abrupt climate change. Nature 415, 863–869.

2 Smolders, E.J.V., R.M. Vanwesten e H.A. Dijkstra (2024): Probability Estimates of a 21st Century AMOC Collapse. Physics.ao-ph. https://doi.org/10.48550/arXiv.2406.11738

3 Open Letter by Climate Scientists to the Nordic Council of Ministers. chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://en.vedur.is/media/ads_in_header/AMOC-letter_Final.pdf

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.