A proporción de mulleres nos servizos de emerxencias non chega ao 1% de media (0,77%) no Estado español, e descende en función do prestixio social do servizo ao que se refire. Así nas Forzas e Corpos de Seguridade o acceso vai en aumento e acada cotas mellorables pero significativas, e dentro dos servizos de emerxencias vemos como en Protección Civil, por exemplo, está normalizado ver mulleres, nos servizos municipais de emerxencias e nos GES pouco a pouco pero tamén e é nos parques de bombeiros onde a incorporación é practicamente nula. Segundo datos estatísticos extraídos da web da asociación de recente creación Ser Bombera, dos 503 parques dos que se extraen os datos de todo o territorio do Estado español hai 19.873 homes e 168 mulleres, en Galiza 808 homes e 4 mulleres.
Podemos ver na seguinte táboa como hai comunidades onde non hai mulleres e outras nas que, como máximo representan o 1,43%, Galiza no posto 11 deste ránking, terriblemente machista.
A masculinización do sector e a clara segregación non só vertical, senón tamén horizontal é, obviamente, unha anomalía en pleno século XXI. Non imos entrar avaliar en profundidade a situación nos diferentes servizos que conforman o sector pero si vou tentar poñer en axenda a necesidade de atopar unha explicación a este fenómeno, mais aló da cultura patriarcal e a socialización diferencial, que obviamente é a orixe compartida de que exista unha diferenciación xeral no mercado laboral por razón de xénero.
"A masculinización do sector e a clara segregación non só vertical, senón tamén horizontal é, obviamente, unha anomalía en pleno século XXI"
Dentro dos servizos específicos de extinción de incendios e salvamento prodúcese tamén unha distribución irregular no que se refire a presenza de mulleres. Propoñemos abordalo como unha segregación horizontal atendendo á tipoloxía de servizos que atopamos na estrutura galega de emerxencias, xa que, no propio imaxinario interno do sector, os diferentes tipos de xestión fan que uns servizos ou outros sexan mellor valorados profesionalmente que outros. Ser bombeiro ou bombeira significa pertencer á rede de parques das cidades ou aos comarcais dos consorcios, mentras que o resto de servizos (forestais, GES ou servizos municipais de concellos pequenos) teñen outra percepción no gremio, e isto reflíctese no acceso á mulleres, sendo estes últimos nos que están mais incorporadas, e os primeiros moito mais inaccesibles. Sen entrar en mais detalle, a necesidade dunha regulación común evitaría estas diferencias que parten do tipo de xestión e xeran diferencias de condicións. Desgrazadamente, como acontece na xeralidade do emprego, as mulleres teñen mais complicado o acceso alá onde o traballo está mellor valorado social e corporativamente e, polo tanto, tamén economicamente.
O primeiro que se fala cando se aborda o tema é a necesidade de ter unhas determinadas condicións físicas. Obviamente trátase dunha profesión na que, entre outras cousas, fai falta ter boa forma física, pero non só velocidade, forza e resistencia, tamén coordinación, equilibrio, flexibilidade. Preguntámonos: é necesario ser quen máis forza, máis velocidade e máis resistencia teña? Ou trátase de ter un perfil integral que combine cualidades físicas e non físicas? Se algo temos aprendido nestes anos é que o traballo de rescate de persoas en emerxencias ou a loita e control do lume ou outras incidencias, dependen de contar con bos equipos humanos (ademais dos materiais), que cada vez establecen mínimos mais numerosos para abordar as intervencións, equipos que se complementan en habilidades e, sobre todo, que se coordinan entre eles, que se entenden: teñen a vida doutras persoas, e a súa propia, en risco, teñen que confiar no seu equipo.
Ao final as probas de acceso son trámites que deben garantir o acceso do persoal baixo os criterios de igualdade, mérito e capacidade, pero non hai estándares aínda definidos, o único estándar parece ser que as probas están pensadas para manter a masculinización da profesión, pensadas por homes e para homes, baseados nas estruturas corporais dos home.
Co paso dos anos, e a consolidación da profesión, é cada vez mais necesaria a elaboración de normativa que estude estas cuestións e se conclúan e se consensúen os criterios de acceso e a súa medición, e non deixalo en mans exclusivamente dos entes contratantes, pero de momento non é así, polo que non podemos nin afirmar nin demostrar a idoneidade dunhas sobre outras. O que si podemos afirmar é que a concepción coa que se elaboran e se executan as probas físicas son parte do problema, pero non só. Non podemos cinguir a discriminación do acceso ao sector a poñer unhas probas físicas que non se correspondan con criterios mais axeitados porque non hai estudos ao respeito, por iso as probas físicas son tan dispares en cada lugar e levan probas teóricas, de uso de ferramentas, de capacidades relacionadas con cualidades psicolóxicas, etc. A falacia das probas físicas fainos preguntarnos: son os e as mellores profesionais as que pasan esas probas con mellores marcas? Son capaces de pasalas coas mesmas marcas durante toda a súa traxectoria profesional? Que pasaría se se usase un estándar de proba baseado nas características físicas das mulleres? As respostas ás dúas primeiras preguntas son claramente que non, e sobre a terceira… Só cabe respostar que é necesario estudar a cuestión evitando o sesgo, facendo unha boa valoración de postos do sector e analizando as necesidades reais de capacidades físicas imprescindibles para un bo desenvolvemento do traballo.
Á hora de afrontar un operativo de emerxencias, a maioría das intervencións precisan dunha planificación (estea ou non protocolarizada). Cada intervención é diferente das demais, por iso os equipos están formados por perfiles diversos e cada vez son maiores e hai mandos intermedios que definen a estratexia a seguir en función do que se atopan e os equipos materiais e humanos dos que dispoñen. Por iso a incorporación de mulleres, ademais de ser de xustiza, o que fai é reforzar a diversidade de perfís necesarios para un mellor desenvolvemento do traballo.
"Hai profesións moi estereotipadas, quizais esta sexa das que máis, existe todo un imaxinario colectivo, reforzado a través do cine ou a publicidade que reproduce permanentemente unha imaxe da profesión nada axustada á realidade"
Hai profesións moi estereotipadas, quizais esta sexa das que máis, existe todo un imaxinario colectivo, reforzado a través do cine ou a publicidade que reproduce permanentemente unha imaxe da profesión nada axustada á realidade e que atraen vocacións falsas e desincentivan outras verdadeiras. Non é un traballo de heroes. É un traballo suxo, onde tocas sangue, cadáveres, persoas feridas e, sobre todo, trátase con xente que sofre. Non se rescatan mulleres en apuros saltando por unha fiestra con elas cargadas nun ombreiro. É un traballo en equipo, imposible de facer con individualidades. Esa imaxe épica non beneficia a ninguén.
Tampouco axuda a imaxe que se traslada desde os medios de que ser bombeira é excepcional para as mulleres, un soño que se consegue, unicamente, tentándoo moito, sen ter en conta que parten dunha situación de desvantaxe polo feito de ser mulleres. Deste xeito afóndase na normalización da discriminación e, así, calquera muller que intente podería pensar que non ten a preparación ou capacidades e non que o sistema de acceso é inxusto e discriminatorio. Ven sendo como o mito do ascenso social que pretende trasladar o neoliberalismo, de que calquera que se propoña ascender pode logralo, sen embargo son as clases altas quen se perpetúan porque o sistema está así deseñado.
Nesta sociedade, na que impera o sistema patriarcal, onde aínda as mulleres teñen dificultades para incorporarnos á esfera pública, e onde teñen asignadas as tarefas de coidados, resulta paradoxal que unha das profesións máis baseada nos coidados, as deixe totalmente fora. Unha profesión que na práctica ten moito de sensibilidade cara as persoas, cara os espazos… neste caso, non vale a sensibilidade que sempre se di que temos especialmente desenvolvida as mulleres. Por que estes coidados se identifican directamente coa suposta forza física e exclúen ás mulleres? Cando atendemos ás persoas con dependencia tamén existe un hándicap coa forza física para as mobilizacións, pero trátase da esfera do privado e aí parece menos importante, de feito se avanzou algo na profesionalización dos coidados incorporando formación e tecnoloxía, pero segue sendo un traballo pouco recoñecido e polo tanto séguese exercendo principalmente por mulleres, non é isto tamén unha anomalía? Acaso están mais capacitadas para mobilizar a unha persoa dependente e non para sacala da súa vivenda en perigo? Non pretendemos comparar en canto ás funcións de cada un deses traballos, pero si creo que os argumentos que serven para unhas cousas deben servir para outras. Calquera traballo recoñecido debe tender a realizarse sempre en condicións de seguridade, debe favorecerse a mellora tecnolóxica para minimizar os requisitos e así democratizar o acceso todo o posible ás persoas e que este se produza en base a criterios equilibrados.
É innegable a tendencia das condicións laborais en todos os sectores a minimizar os riscos laborais, a mellorar as ferramentas e avances tecnolóxicos que eviten, na medida do posible, a exposición dos e das traballadoras a riscos sobre a súa saúde, canto mais isto ten que empapar o traballo do salvamento e extinción de incendios. A profesión, como moitas outras, tende cada vez a ser menos física e mais técnica, con equipos de traballo conformados por mais persoas. Isto reflíctese en todos os protocolos, vese perfectamente como a tendencia é incrementar as saídas mínimas para conformar equipos maiores que teñan menos exposición a sobreesforzos e a facer o traballo en mellores condicións de seguridade.
Esta tendencia terá que verse reflectida tamén no acceso a estes servizos cada vez mais profesionalizados, ao tempo que se desenvolven programas formativos capacitantes e os requerimentos serán mais completos e complexos e a importancia da forma física (sen perdela) irase equilibrando co resto.
Retomando de novo a anomalía que supón atopar unha profesión como a de bombeiro ou bombeira na que o acceso ás mulleres parece vetado, non de xeito formal, pero así o mostra a realidade, compre tamén imaxinar que pasaría se isto non fose asi. Consultando a traballadores e traballadoras do sector hai quen afirma que a incorporación das mulleres non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén que melloraría os resultados notablemente. A socialización diferencial entre homes e mulleres nun traballo destas características pode significar afrontalo de xeitos moi diferentes, mentres non acabemos culturalmente con isto toca demostrar dobremente que as mulleres poden exercer calquera profesión, seguramente demostrando mais, e isto conleva facelo mellor, quizais vicios adquiridos pola instalación do machismo, pero resulta un paradoxo escoitar que aos homes dáselles mellor este traballo porque son menos racionais, menos reflexivos, mais fríos, mais inconscientes, máis competitivos, gústalles fedellar. As mulleres pola contra aparentemente e según os estereotipos asignados pola socialización diferencial son mais reflexivas, mais pulcras, mais sensibles, menos competitivas… despois de todo o que levamos reflexionado neste artigo, ante unha situación de perigo, ou de tensión, onde está en risco a nosa vida… que características das anteriormente citadas valoraríamos mais? Non nos deixemos levar polos estereotipos xerados polo patriarcado, valoremos se ten sentido soster un sistema excluínte baseado en falsas crenzas, lembremos que os e as profesionais do sector non son heroes nin heroínas aínda que exerzan unha profesión baseada nos principios de solidariedade e servizo público, son profesionais, persoas traballadoras nun emprego que require tamén ser reformulado baixo os mesmos principios, que precisa ser coidado como nos coidan eles e elas a nós en situacións de risco, e para iso hai que afrontalo como un reto para as administracións que o xestionan, crear un marco normativo xusto para que nós e o noso entorno teñamos quen mire por nós.
Por iso hai algunhas ferramentas que as administracións deberían abordar canto antes, logo de que durante o tempo que hai que existe esta profesión fose evolucionando e adaptándose á sociedade do século XXI, onde non colle que haxa mais testosterona nun camión de bombeiros que auga, onde as mulleres non estean permanentemente cuestionadas e menos cando falamos dunha profesión tan vocacional.
Non queremos pechar este artigo sen facer propostas de mellora baseadas nestes anos de reflexión e debate con profesionais, e a experiencia tamén no sector e fora del no marco das políticas públicas a prol da igualdade. Todo o que podemos aportar é nese marco e todas poden ser obxecto de debate e cuestionamento, pero é preciso abrir un espazo de estudo da situación. Non é mal momento para facelo, a profesión comeza estar xa consolidada pero, ao mesmo tempo, precisa non só de regulamento normativo, tamén de incorporación de moitos efectivos, podemos estar falando de que, para as peculiaridades que ten Galiza, fai falla polo menos duplicar persoal. E se se van crear moitas prazas hai unha oportunidade grande de promover que unha parte significativa sexan para mulleres.
Neste momento unha das propostas é abordar as probas de acceso de forma unificada, polo menos no deseño dos criterios, baseados en estudos e contrastados, facendo unha aposta que obviamente vai mellorar o acceso aos servizos, tanto para homes como para mulleres, pero que atenda á diferencia.
Nos últimos anos puxéronse en marcha tres tipos de probas de acceso aos servizos de extinción de incendios supostamente deseñadas para evitar a desigualdade no acceso entre mulleres e homes. No “modelo premiado” mulleres e homes realizan as mesmas probas físicas para o acceso, pero no caso de que unha muller as supere, recibe unha porcentaxe de bonificación sobre os puntos obtidos. No “modelo excluínte” as probas físicas son exactamente as mesmas para homes e mulleres. Por último, o “modelo aberto” establece dous baremos distintos, un para mulleres e outro para homes, adaptando as probas ás diferenzas físicas e anatómicas. No primeiro modelo corre o risco de ser contraproducente, porque provoca unha sensación de que se “agasalla” con puntos ás mulleres. O segundo, ao propor as mesmas probas, deseñadas maioritariamente por homes e baseándose na anatomía dos homes, ten o risco de incluír algunhas que son practicamente insuperables para as mulleres. Un terceiro modelo con baremos diferentes e adecuados ás capacidades físicas de homes e mulleres é, principio, máis igualitario, aínda que o feito de que as probas sexan deseñadas con criterios de competición deportiva, partindo ademais dos baremos masculinos e deseñadas para corpos masculinos, fai que ningunha delas resolva a verdadeira cuestión de fondo. Para isto o que se propón, como punto de partida, é facer un estudo que analice o tipo de necesidades físicas que se requiren e os tipos de proba que mellor se adapten e crear unhas probas de acceso non discriminatorias e que se valoren coa relatividade correspondente.
Outra das cuestións a ter en conta é como resolver ten que ver con outras cuestións relacionadas coa segregación profesional destes sectores, usaremos o exemplo doutro sector masculinizado que está revertendo esta situación grazas á intervención da administración pública, non só lexislando, senón investindo recursos para o desenvolvemento das normativas dirixidas ao acceso en igualdade ao emprego: cando en Galiza se aprobou a Lei do Traballo en igualdade das Mulleres fixérase unha aposta moi importante, co gallo dos plans de igualdade nas empresas, e ademais de abrir liñas e axuda para a súa elaboración apostouse por sectores masculinizados, por exemplo o transporte de persoas por estrada. Daquela non había mulleres apenas conducindo autocares, hoxe en día está mais normalizado. Parte desa normalización veu promovida con programas experimentais de inserción laboral no que se facilitaba a capacitación de mulleres para exercer de condutoras, mesmo subvencionando a obtención dos carnés de transportes especiais, como autocares, ambulancias ou transporte adaptado.
"Precísase vontade e recursos para avanzar, non valen compromisos baleiros e son, polo tanto, as administracións as que teñen que adquirir eses compromisos reais"
Os carnés que se esixen para ser bombeira poden ser parte do hándicap. Para un home, a obtención dun carné de camión sempre é un investimento, se non remata sendo bombeiro sempre pode buscar traballo noutro sector, netamente masculinizado, como o do transporte de mercadorías, para unha muller ese é outro sector de empregabilidade totalmente vetado. Eses programas experimentais que financiaba a Xunta de Galicia eran boas ferramentas para rematar soa segregación do mercado de traballo por xénero. Colaborar na capacitación de mulleres para que accedan a estes sectores investindo recursos económicos nelo.
Esta reflexión nos leva á conclusión de sempre en materia de xénero e igualdade, precísase vontade e recursos para avanzar, non valen compromisos baleiros e son, polo tanto, as administracións as que teñen que adquirir eses compromisos reais, polo tanto as responsables da situación actual.
Precisamos unha presenza moito maior de mulleres nos servizos de extinción de incendios e salvamento. Non é so unha cuestión de xustiza e igualdade. É tamén unha cuestión de mellora dos servizos que se prestan. A maioría do persoal recoñece problemas derivados da masculinización plena do colectivo: exceso de competitividade, individualismo, mala xestión dos conflitos, etc. Son moitas as melloras de tería un servizo cunha importante proporción de mulleres. As razóns para non facelo non van máis alá dunha tradición machista da que podemos ser máis ou menos conscientes. É o momento de mudar iso.