Prevención sen acción. Reivindicando (coma sempre) a Educación Social

CC-BY-SA Praza Pública

Chega o 2 de Outubro e, como cada ano, a Educación Social reivindícase na nosa sociedade como una profesión imprescindible. Pero, porque é tan necesaria? Pois para comezar, porque é un dereito de toda a cidadanía, concretándose nunha profesión de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas.

Pese a isto e coma sempre, estamos afastadas da educación formal, o espazo socializador por excelencia, onde o noso traballo podería transformar a sociedade... 

A semana pasada, a Conselleira de Educación, nunha reunión co Colexio Oficial de Educadoras Sociais de Galicia, expresou que"Non podemos converter os colexios nun maremagnum de profesións" ao ser preguntada pola inclusión da profesión en centros educativos.

Pois ben, a irresponsabilidade é máxima. Primeiro, polo descoñecemento da Educación Social, un Grao impartido en tres dos Campus galegos, e con experiencias de intervención social únicas en todo o Estado español. Se tivese en conta a profesión, entendemos non dubidaría en potenciar a nosa acción e incluírnos como axentes dentro dos grupos multidisciplinais dos Centros (que resulta que agora é un problema a diversidade profesional en educación).

En segundo lugar, porque é a figura encargada de poñer solución a temas como a mediación social, cultural e educativa, e non o está a facer salvo por campañas estandarizadas, máis de cartel que de actividade.

Gustaríame explicarlle, que cando falamos de ciberacoso, de uso excesivo do móbil, de diversidade cultural, de hábitos saudables,… estamos a falar da necesidade de que a nosa mocidade non sexa suxeito pasivo do seu propio desenvolvemento persoal. Teñen que decidir, expresarse, organizar, crear, debater… Dicir que “acosar está mal” ou “que está sancionado” sabémolo todas. O que temos que facer é traballar na prevención.

Vou a poñer un exemplo que habitualmente comparto en clase: Cando unha de nós senta na mesa a xantar, e ten a un lado un garfo e a outro un coitelo, non se lle pasa pola cabeza que ese coitelo pode servir para cortar “algo máis” que a comida. Isto é traballo en positivo. Isto é, para o que é. Asimilamos unha acción a través da educación. 

Loxicamente e sendo críticas, entendemos que tería máis usos. Por suposto, sabémolo. Pero esta é a vantaxe de educar na acción, nas posibilidades, na decisión autónoma. 

Cando dicimos que “as redes sociais son malas”, deberíamos previamente formularnos a seguinte cuestión: Para que serven? Estamos ensinando a traballar con elas? A comunicarnos con elas? É clave. 

Que pasaría se o discurso vén de igual a igual, non criminalizando e transformando a prohibición en posibilidade?

Querida Conselleira:

Déixenos poñer en marcha plans, programas, proxectos educativos e accións docentes, déixenos traballar a mediación entre persoas e a posibilidade de traballar sexualidade, imaxe corporal, intelixencia emocional, conciencia crítica... Nos centros educativos. Só, a través disto, faremos prevención (con acción).

Sementar para cambiar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.