Previrmos a corrupción

Hai anos que Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, chama á atención da Xunta e do Parlamento sobre da necesidade de dotarmos de instrumentos para previrmos a corrupción, como aconsellan tamén dende a organización Transparencia Internacional ou mesmo dende grupos de traballo do propio Consello de Europa. Velaí o exemplo portugués, que creou o Consello de Prevención da Corrupción no 2008.

Hai anos que Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, chama á atención da Xunta e do Parlamento sobre da necesidade de dotarmos de instrumentos para previrmos a corrupción

Mais as sucesivas Memorias da Fiscalía foron acollidas só con boas palabras por parte de todos os partidos con representación parlamentaria, sen que ninguén fixese uso de cadansúa iniciativa lexislativa para trasladar á lexislación galega as recomendacións da Fiscalía Superior galega e  destas institucións internacionais. Semella que a algúns non lles interesa e aos outros non lles semella importante, quizais por pensar que a corrupción é consubstancial ao sistema.

Semella que este baleiro normativo encherase no futuro, xa que o sábado foi presentada no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular, que será debatida aló por primeiros de verán, sempre que os seus promotores, pertencentes á dirección nacional do partido Compromiso por Galicia (CxG), sexan quen de acadar as 15.000 sinaturas que esixe o Dereito galego para que esta caste de iniciativas poida chegar ao debate no Pleno do Parlamento.

A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos

A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos e representativos e a implantación dun referendo revogatorio á metade da lexislatura no que a cidadanía podería revogar o mandato conferido dous anos antes. Tamén se recollen limitacións de contía máximas na acumulación de contratos administrativos adxudicados negociadamente, isto é sen concurso ou poxa. E proponse a creación dun Consello de Prevención da Corrupción seguindo o modelo portugués, só orientado á prevención das actividades de risco a respecto da corrupción.

As forzas políticas galegas terán, xa que logo, unha boa ocasión para demostrar que a loita contra a corrupción é para elas algo máis ca unha ladaíña. Porque a corrupción política é, xa, unha das principais preocupacións da cidadanía galega.

 

Non no Estado de Dereito

A loita contra a corrupción non xustifica excesos como a presentación xudicial, esposado polos pulsos, do ex-concelleiro compostelán Albino Aldrey

Mais a loita contra a corrupción non xustifica excesos como a presentación xudicial, esposado polos pulsos, do ex-concelleiro compostelán Albino Aldrey. Non existía risco de fuga nin de agresión que xustificase este trato degradante. Suspenso para os axentes que trataron este cidadán dun xeito tan desaquelado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.