Previsións e realidades no tránsito ao 2023

Casado e Feijóo, nunha imaxe de arquivo durante un mitin © PPdeG

Sempre que se achega o remate do ano resulta inevitábel buscar elementos que singularicen os últimos doce meses e sinalar algunhas hipóteses sobre o desenvolvemento do futuro inmediato.

No caso do 2022, observando o panorama internacional, estatal e galego, non é complicado seleccionar os acontecementos mais relevantes: a intervención militar rusa en Ucraína e o relevo na presidencia do PP (e, xa que logo, a retirada de Feijoo da política galega). Sen descoñecer, obviamente, a continuidade da pandemia do coronavirus aínda que sexa nunha versión menos virulenta que nos períodos anteriores.

Os tanques de Putin anularon ou reduciron drasticamente as posibilidades prácticas daqueles actores políticos e sociais que desexaban proxectar unha mirada de medio prazo acorde coa envergadura das mudanzas requiridas. E a chegada de Feijoo aos despachos da rúa Génova non alterou as dinámicas destrutivas e curtopracistas 

A invasión do Exército ruso e a dimisión de Casado tiveron un denominador común: foron decisións que non figuraban no catalogo das previsións que se formularon no remate do ano 2021. As análises mais reputadas facían cábalas sobre a evolución da COVID e as consecuencias que tería sobre a situación das economías e das sociedades de diversas partes do mundo. Ninguén pensou que Putin ía mandar as tropas a Kiev e tampouco houbo alguén que prognosticara a conspiración de Ayuso e outros baróns do PP contra o dirixente que derrotara a Soraya Saenz de Santamaría nas primarias para ocupar o posto de M. Rajoy.

En realidade, chovía sobre mollado porque tamén a grave crise sanitaria que comezou nos primeiros meses de 2020 colleu por sorpresa á practica totalidade das autoridades políticas e dos creadores de opinión. Levamos tres anos onde a suposta racionalidade que debería presidir o desenvolvemento das nosas sociedades foi substituída por unha imprevista e desordenada sucesión de acontecementos que racharon anteriores inercias e suscitaron novas interrogantes entre os distintos sectores da cidadanía.

Edificio destruído na guerra en Ucraína CC-BY-SA SESU

Esas circunstancias azarosas provocaron novas dificultades para as forzas políticas que se ubican no campo da esquerda. O PSOE tivo que facer fronte a un novo líder do PP que dispuña dunha imaxe mais "centrista" -alimentada, tamén, dende unha parte da mediática progresista- e, por tanto, mais competitivo de cara a unha parte do electorado socialista. Para as restantes forzas (UP, BNG, ERC, Bildu, MP...) o reto principal estivo na capacidade para adaptar o seu ideario proclamado á nova situación xerada en Ucraína para ser quen de manter a súa credibilidade como opcións transformadoras e ampliar o perímetro da súa influencia social.

Para compensar semellante deserto discursivo, Feijóo atrévese a prognosticar que no 2023 haberá referendo sobre a independencia de Cataluña. Con este nivel preditivo, que se pode agardar da solvencia programática dos que invocan reiteradamente a pretensión de "salvar España"?

O ano 2022 debería ter sido o momento adecuado para tirar conclusións da experiencia vivida coa pandemia e fixar unha axenda de cambios necesarios para neutralizar os erros e as carencias detectadas nos meses anteriores. Por exemplo: acometer as reformas estruturais nos sistemas sanitarios públicos que permitiran impedir a repetición das graves insuficiencias rexistradas durante o 2020 e o 2021. Ou tamén: rectificar o modelo de funcionamento da globalización económica para evitar os estrangulamentos dunha parte dos procesos produtivos existentes nos países da UE. Por non falar da corrección dos graves desaxustes constatados na teórica cogobernanza que deberían inspirar as accións das Administracións públicas presentes no Estado español.

Os tanques de Putin anularon ou reduciron drasticamente as posibilidades prácticas daqueles actores políticos e sociais que desexaban proxectar unha mirada de medio prazo acorde coa envergadura das mudanzas requiridas. E a chegada de Feijoo aos despachos da rúa Génova non alterou as dinámicas destrutivas e curtopracistas instaladas dende hai tempo na política española. O urxente desprazou, mais unha vez, ao importante.

O 2023 vai nacer da man dunha certeza indiscutíbel: as citas electorais da primavera e, tal vez, do outono contaminarán a vida pública cunha intensidade seguramente descoñecida ate o momento. Están en xogo cuestións moi relevantes para o futuro do corpo social. Debería esixirse a máxima transparencia e concreción nas propostas que realicen as formacións políticas concorrentes. É moi probábel que os grupos que conforman a actual maioría parlamentar sexan quen de acadar semellantes parámetros no seu comportamento. En troques, no PP -por non falar de Vox- as expectativas camiñan por vieiros moi diferentes. 

A esta altura, a suposta alternativa económica do grupo de Feijoo é unha colección de lugares comúns carentes dunha mínima coherencia interna. Iso si, para compensar semellante deserto discursivo, o político dos Peares atrévese a prognosticar que no 2023 haberá referendo sobre a independencia de Cataluña. Con este nivel predictivo, que se pode agardar da solvencia programática dos que invocan reiteradamente a pretensión de "salvar España"?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.