Primavera electoral transcendente

Parlament de Catalunya © Parlament de Catalunya

O PP terá un papel subalterno na gobernabilidade do Pais Vasco e de Cataluña. E a orde de prelación finalmente existente entre PNV e Bildu non alterará a liña prioritaria das alianzas que veñen practicando ambas formacións nacionalistas no Parlamento de Vitoria e no Congreso estatal

O adianto da celebración das eleccións ao Parlament de Cataluña para o vindeiro 12 de Maio provoca unha singular circunstancia temporal: no período comprendido entre o 28 de Maio de 2023 e o 9 de Xuño de 2024 terán lugar as 6 convocatorias que configuran o ciclo electoral principal no ámbito estatal. Celebradas xa a metade desas citas (locais e autonómicas do pasado 28-M, xerais do 23 de Xullo e as galegas do recente 18-F), os resultados orixinaron efectos diferentes dependendo da parte do escenario político que fose obxecto de observación. O PP pasou da euforia de comprobar o seu avance indiscutíbel en diversas CC.AA e concellos (acompañados, certamente, da colaboración gobernamental con Vox) á fonda decepción padecida polo fracaso na desexada conquista da Moncloa que agardaban para os últimos días de Xullo de 2023. O PSOE coñeceu a outra cara da moeda: perda de gobernos relevantes nos eidos municipal e autonómico, desastre nas eleccións galegas e mantemento -aínda que con evidentes dificultades na gobernabilidade- do Executivo de coalición estatal presidido por Pedro Sánchez. Para outras forzas políticas tamén houbo luces e sombras. Por citar o caso do BNG, a sucesión temporal foi contraditoria: confirmación da notábel incidencia no tecido municipal, conxelación da cativa presenza nas Cortes do Estado e suba espectacular na Cámara do Hórreo.

Nas citas pendentes (eleccións para o Parlamento vasco o 21 de Abril, para o catalán o 12 de Maio e para o europeo o 9 de Xuño) hai algunhas certezas e tamén importantes incógnitas. Entre as primeiras destacan dúas. Unha: que o PP terá un papel subalterno na gobernabilidade do Pais Vasco e de Cataluña (noutras palabras: carecerá de capacidade de incidencia na conformación das maiorías parlamentarias respectivas). E outra: que a orde de prelación finalmente existente entre PNV e Bildu non alterará a liña prioritaria das alianzas que veñen practicando ambas formacións nacionalistas no Parlamento de Vitoria e no Congreso estatal. O Partido Socialista de Euskadi ten anunciado a súa preferencia pola repetición do actual acordo de goberno de coalición co PNV e non cabe pensar que a esquerda abertzale mude a aposta estratéxica que ten adoptado no ámbito da política estatal.

Hai dúas variábeis que serán determinantes no que suceda a partir do 12-M: coñecer se as organizacións independentistas seguen mantendo (ou non) a maioría absoluta dos escanos e constatar cal será o resultado da disputa entre ERC e Junts pola hexemonía no espazo independentista

As interrogantes localízanse, primordialmente, nos resultados dos comicios ao Parlament e nas súas consecuencias sobre a vida política de Cataluña e sobre a evolución do panorama estatal. Hai dúas variábeis que serán determinantes no que suceda a partir do 12-M: coñecer se as organizacións independentistas seguen mantendo (ou non) a maioría absoluta dos escanos e constatar cal será o resultado da disputa entre ERC e Junts pola hexemonía no espazo independentista. A liña de actuación da formación que encabeza Carles Puigdemont ten demostrado posuír unha menor previsibilidade da que se lle pode atribuír á presidida por Junqueras e Aragonés. O papel determinante que xogan os deputados independentistas -7 en cada caso- na aritmética parlamentaria do Congreso pode provocar unha situación que acelere notabelmente o remate da lexislatura. Neste sentido, o futuro político de Pedro Sánchez xogase mais na consulta de Maio que no que poda acontecer o 9 de Xuño no reconto das papeletas ao Parlamento de Estrasburgo.

Todo o que aconteceu a partir da reforma do Estatut ten convertido á vida política catalá na chave decisoria do nivel de estabilidade do cadro institucional do Estado español. Velaí a transcendencia dos resultados do vindeiro 12 de Maio

Durante varias décadas -até o ano 2015- definiuse o sistema político español como un "bipartidismo imperfecto" no que CiU e PNV funcionaban -se era necesario- como socios imprescindíbeis para asegurar unha fórmula de gobernabilidade estábel no conxunto do Estado. En todo ese tempo, a evolución dos mapas políticos do Pais Vasco e de Cataluña tiñan unha incidencia significativa na dinámica estatal (circunstancia que, como é sabido, non se daba no caso galego). Había, con todo, unha diferenza importante: a existencia de ETA eliminaba, de facto, as posibilidades de xogo político para a esquerda abertzale e colocaba ao PNV como único interlocutor consistente para as forzas políticas de ámbito estatal. En Cataluña, a pesar da prolongada hexemonía de CiU, existían mais opcións para diversificar as alianzas políticas a partir do amplo consenso sobre o marco constitucional e estatutario que se rexistraba entre o "pujolismo", o PSC, o vello PSUC transmutado en IC e mesmo o PP. Até que comezou o chamado "procés", o escenario político vasco tiña unha evidente capacidade desestabilizadora -por mor da existencia da violencia de ETA- que non atopaba correspondencia no que, moitas veces, se cualificaba como "oasis catalán", para remarcar o notábel acordo básico sobre as características do autogoberno naquela nación.

Todo o que aconteceu a partir da reforma do Estatut (oposición belixerante do PP, sentenza do TC anulando unha parte substancial do novo texto, masivas mobilizacións sociais contra a involución centralista, aposta da vella Convergència pola opción independentista, máxima confrontación no outono de 2017...) sumado á definitiva desaparición de ETA ten convertido á vida política catalá na chave decisoria do nivel de estabilidade do cadro institucional do Estado español. Velaí a transcendencia dos resultados do vindeiro 12 de Maio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.