Primaveras

Mentres a Gran Política europea comeza a debater como compaxinar a esixencia xermana de austeridade con novas medidas de estímulo para impulsar o crecemento, por abaixo os movementos sociais seguen a facer a súa particular emenda á totalidade, ao fío do 1º aniversario do 15 M (12M15M), que agora se quere afrontar como un simple problema de orden público.

Despois das variadas primaveras do 2011, dende Tahir e Sol ata Wall Street, non se pode negar o éxito das mobilizacións aínda que fora puntual

Despois das variadas primaveras do 2011, dende Tahir e Sol ata Wall Street, non se pode negar o éxito das mobilizacións aínda que fora puntual, e que ese novo xeito de asociacionismo horizontal sen liderados definidos nin demasiada definición ideolóxica se compaxina ben coa estrutura reticular das novas formas de coñecemento das que as redes sociais son o emblema principal; aínda que precisamente por iso sexa algo efémero e provisorio, non apto para producir unha alternativa sólida senón sobre todo, como dicía Baumann, para aglomerar “emocións”.

Pero esas emocións piden atopar mecanismos políticos na órbita institucional, como amosa o entusiasmo despertado pola vitoria de Hollande en Francia, que agora tocará confrontar coa proba da realidade. Por demais, o resultado francés non deixa de abonar a lectura dunha sensación de cambio cada vez máis xeneralizada na estrutura de partidos habitualmente dominante, a sensación de precariedade dos partidos no poder, e con iso as opcións que se abren para novas formacións que xurdan dende os marxes exteriores do sistema (e aquí o emblema son os resultados gregos).

Pero esas emocións piden atopar mecanismos políticos na órbita institucional, como amosa o entusiasmo despertado pola vitoria de Hollande en Francia

Son moitas as diagnoses que apuntan á debilidade da política diante da economía, á súa perda de lexitimidade por mor da proliferación dos casos de corrupción, e ao escaso das alternativas que representan os partidos políticos tradicionais, que tenden así a perder representatividade. Pero iso non é todo.

Se as democracias se amosan febles tamén se debe ao desconcerto das poboacións diante da forza esmagadora dos fluxos económicos que converteron o beneficio na pulsión socialmente dominante. Faise moi difícil hoxendía saber cal é a vontade dos pobos máis alá da mera resistencia, non hai designios claros nin é simple interpretar correctamente os resultados electorais. As maiorías desfanse á mesma velocidade coa que se fan. Sabemos que o triunfo de Hollande débelle moito ao fastío dos franceses con Sarkozy, e que iso está a producir un efecto revitalizador da esquerda e da idea dun crecemento solidario en Europa; benvido sexa, pero está por ver se é algo máis que un espellismo, ou un efecto literalmente secundario respecto dunha pulsión máis inconfesable que tería que ver co rearme da grandeur no contexto da competencia franco-alemá.

Faise moi difícil hoxendía saber cal é a vontade dos pobos máis alá da mera resistencia, non hai designios claros nin é simple interpretar correctamente os resultados electorais

Benvido sexa o debate sobre as fórmulas para o crecemento, pero que non impida contemplar o esencial: o desenvolvemento do capitalismo xerou o monstro dunhas débedas impagables porque obedecen a desequilibrios crecentes. E corremos a aplicarlle ao enfermo a mesma medicina que o envelenou, inxectando diñeiro para resolver problemas que en parte foron creados polos excesos de liquidez, incidindo nas mesmas disfuncións do mercado. Só queremos ver –especialmente o noso seguidista e previsible goberno, tan falto de imaxinación– os apremios estritamente financeiros, pero con iso obviamos o carácter sistémico da crise, do que tantas voces, na órbita 12M15M como fóra dela, veñen alertando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.