Primeiro hostión histórico

A dereita en Galicia e no conxunto do Estado acaba de sufrir unha derrota sen precedentes. Pois este comezo de cambio non ten nada que ver co famoso cambio de Felipe González de 1982, no contexto da chamada Transición. Supón un avance político incomparable  en moitos aspectos. O discurso dos partidos do réxime vén de ser profundamente cuestionado e o goberno do Partido Popular contra a clase traballadora está empezando a esfarelarse. As conclusións que podemos extraer desta enxurrada de indignación que chegou ás urnas o 24-M son diversas e contundentes.

O discurso dos partidos do réxime vén de ser profundamente cuestionado e o goberno do Partido Popular contra a clase traballadora está empezando a esfarelarse

Desmontouse a lenda do "bo xestor". Tanto Rajoy como Feijoo, retomando as falacias dos tempos de Aznar, quixeron facer válida a lenda de que eles eran, por enriba de todo, bos xestores, capaces de administrar con eficiencia e reconducir a economía. Pero a opinión pública sabe agora que iso non é máis ca unha falsa cantilena, e que só se limitaron a obedecer as ordes de Angela Merkel e do poder financeiro: recortar os servizos públicos esenciais e condenar a maioría da poboación á precariedade ou á miseria. Nos últimos meses, un feito cobrou especial valor simbólico en Galicia: os deputados do PP votando no Parlamentiño contra a liberación dos medicamentos pra as persoas afectadas pola hepatite C. Esa imaxe puxo en evidencia a mesquindade dos políticos da dereita neste país, e fixo inútiles os esforzos propagandísticos de Rueda e compañía.

Expresouse con firmeza o rechazo á corrupción. Durante anos, a dereita e os seus valedores repetiron nos faladoiros de todas as emisoras e televisións a mensaxe de que os casos de corrupción eran puntuais e “inherentes á condición humana”. E insistiuse mil veces, con descaro e frivolidade inaudita, en que a corrupción política non adoitaba ter efectos electorais, que non lles ía pasar factura. Pero a opinión pública non aceptou esa trapallada. Fíxose patente que o propio réxime está corrupto dende a cerna e que só se pode cortar de raíz mudando pola base as formas de facer política. “Ladróns e encubridores, igual pena merecen”, ese foi o veredicto do pobo.

Comezou a liquidación do bipartidismo. A alternancia dos dous grandes partidos era a doutrina do réxime do 78 e manifestouse durante décadas sen apenas variación en Galicia. Ou o PP tiña maioría absoluta, ou no mellor dos casos o PSOE conseguía liderar gobernos municipais ou autonómicos de coalición, nos que a esquerda nacionalista non tiña outro papel ca o dun esteo secundario. Ese esquema ríxido, conveniente só pra os partidos do réxime, acaba de ser superado con claridade polas Mareas en Santiago, A Coruña e Ferrol, precisamente onde gobernaba o PP. 

Ese esquema ríxido, conveniente só pra os partidos do réxime, acaba de ser superado con claridade polas Mareas en Santiago, A Coruña e Ferrol, precisamente onde gobernaba o PP

Venceu a estratexia da confluencia pola esquerda. Neste último ano, ao fío do acontecido nas eleccións europeas, xerouse un intenso debate sobre as vías da renovación política. Fose con argumentos favorables ou mediante críticas furibundas, difundiuse a idea de que unha soa forza emerxente sería quen de cuestionar o poder dos grandes partidos. Mais os resultados destas eleccións permiten comprobar que alí onde houbo candidaturas municipais de confluencia, os apoios foron maiores ca onde Podemos se presentou en solitario ás autonómicas. E tamén foi posible tirar outra conclusión: as candidaturas cidadás que recibiron o apoio explícito das forzas rupturistas foron as que venceron rotundamente. Pola contra, a dispersión da esquerda ou a indefinición dunha parte deu como resultado posicións moito máis febles, como se viu nas cidades de Lugo, Vigo e Ourense.

Se a intelixencia da esquerda social logra expresarse plenamente nunha gran fronte que reúna, sen prevalencia de ningunha marca, todas as forzas rupturistas no conxunto do Estado, será posible asestarlle ao réxime o Gran hostión histórico

Triunfaron os novos procedementos de participación. Os partidos tradicionais de esquerdas e nacionalistas actuaron durante décadas como aparatos opacos, gobernados por cúpulas con serias dificultades pra asumir a renovación interna. A comunicación entre eses partidos e a opinión pública viña estando condicionada por intereses propios dun funcionariado orgánico con mecanismos inmobilistas. Agora quedou demostrado que hai outras formas de organización da esquerda social. As Mareas, nomeadamente aquelas que teñen sólidos alicerces na participación cidadá, son o modelo a seguir na loita contra os partidos do réxime.

A vitoria non ten máis ca un camiño. Os vellos tabús, coma o que impedía o entendemento entre as forzas nacionalistas e federais, xa non se sosteñen. Esa poderosa estratexia da máxima confluencia será, agora cómpre dicilo con maior firmeza, a única vía segura pra tomar o poder a nivel estatal e abrir un proceso constituínte. Daquela, se a intelixencia da esquerda social logra expresarse plenamente nunha gran fronte que reúna, sen prevalencia de ningunha marca, todas as forzas rupturistas no conxunto do Estado, será posible asestarlle ao réxime o Gran hostión histórico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.