Primeiro misterio: a unidade do nacionalismo

Desde a súa formalización como candidatura electoral, a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acumulou certa cantidade de forza gravitatoria que obrigou os satélites do réxime a trazaren órbita ó seu redor. É posible que esa potencia contribuíse tamén a suscitar interese e apoios entre electores. Non todo se explica con recorrentes e paranoicas teorías conspiratorias. A alianza gozou dun cartel electoral irrepetible e dunha figura de enorme masa política e intelectual, degorada por algunha outra opción que prevía espila da súa dimensión de ruptura para aproveitar só o envoltorio electoral. Mais reducir todo o éxito (relativo, pois o PP renovou a súa maioría absoluta) da AGE á figura de Xosé Manuel Beiras é un absurdo e, sobre todo, un erro analítico de vulto.

Beiras explica o magnetismo do planeta AGE, pero a súa forza gravitatoria require máis factores condicionantes

Beiras explica o magnetismo do planeta AGE, pero a súa forza gravitatoria require máis factores condicionantes. A figura do profesor cataliza un voto de esquerda, rupturista, de transformación social, de contestación nacional e alternativa ó réxime e ó sistema que ningunha das outras figuras concorrentes ás pasadas eleccións puideron nin quixeron esbozar sequera. Pero para que o éxito relativo se producise tiveron que confluír certas condicións materiais e ideolóxicas, políticas e organizativas, simbólicas e discursivas que caracterizaron a irrupción de AGE, coma un coio contra un cristal, desde o seu mesmo nacemento. Ignoralas conduce a análises incompletas e probablemente cheas de prexuízos.

Non me interesa tanto facer unha análise electoral como caer na zona de influencia desa repentina e novidosa consigna postelectoral: a urxentemente necesaria unidade do nacionalismo

O que dirá o futuro non o sei. Voces sabias haberá que tracen, infalibles, as liñas do porvir, probablemente mediante a certeza de que a solución a todos os problemas, incluída a maioría absoluta do PP, pasa por buscar compulsivamente o graal do espazo de centroesquerda, sexa iso o que for. A min non me interesa tanto facer unha análise electoral como caer na zona de influencia desa repentina e novidosa consigna postelectoral: a urxentemente necesaria unidade do nacionalismo.

E por que é necesaria e urxente unha unidade que nunca existiu? Xusto agora, pouco despois dunha fragmentación orgánica da vella casa chamada común. Xusto no medio dunha crise sistémica que transcende fronteiras nacionais e estatais, cando é a base material das nosas existencias a que tende a regularizarse na miseria e na exclusión, e con ela dereitos individuais e colectivos conquistados con grande esforzo; cando esta manifestación violenta da guerra de clases busca unha correlación de forzas que condene a maioría social ó sometemento eterno en todos os planos da realidade e lle volva ó Capital o que lle foi conquistado e se depositou -canta inxenuidade!- no colo dun Estado que nunca é inocente nin imparcial. Xusto cando a violencia desintegradora do capital anula as vidas das persoas dunha clase social múltiple que aínda non logrou recoñecerse de todo na súa unidade de interese a partir da diversidade pero que parece adquirir progresiva e lentamente conciencia das necesidades: proletariado, multitude, cidadanía do común, Pobo, República... tanto ten como lle chamemos. Xusto neste momento histórico, hai quen defende que certa caste de soberanía non definida dun suxeito indeterminado é central e protagonista do proceso histórico con tal potencia que esixe a inmediata unidade nacionalista. De golpe, a cuestión nacional anula os antagonismos sociais, supedítaos a unha lóxica idealista.

De golpe, a cuestión nacional anula os antagonismos sociais, supedítaos a unha lóxica idealista

A alusión á unidade é postelectoral e acompáñase de exclusión previa e extirpación de corpos estraños que poidan alterar a saúde identitaria esencial. É unha unidade que proxecta a condución das masas e despreza a hexemonía. Moisés conduce as tribos de Israel á Terra Prometida. Poida que o discurso sexa apenas unha táctica para excitar hipotéticas contradicións na alianza de esquerda e en Anova. Se AGE e o seu grupo parlamentario rompesen atravesados pola espada flamíxera do nacionalismo verdadeiro, o grupo do BNG sería a terceira forza do parlamento, recobraría certa ilusión de hexemonía e todo volvería ó rego. Se, de paso, se producise en Anova a fragmentación entre afectados pola morriña nacional primixenia e enfermos de internacionalismo esquerdista, mellor aínda. O nacionalismo hexemónico volvería expulsar os herexes e condenalos a vagaren polo deserto eternamente.

O nacionalismo hexemónico volvería expulsar os herexes e condenalos a vagaren polo deserto eternamente

A razón argumental desta chamada á unidade do nacionalismo reside nunha presunta creba sísmica do principio de autoorganización. No fondo, unha repetición extemporánea dos argumentos que dinamitaron o Consello de Forzas Políticas de Galicia canda a II Restauración. Autoorganización como principio de carácter básico e estratéxico do nacionalismo, disque, coma se aí cadrase a cifra de todas as exactitudes. Unha verdade máis que se volve demostrar na súa propia enunciación, coma toda verdade relixiosa. Ese recurso reiterativamente retórico talvez agocha unha expropiación sublime da capacidade política da colectividade, do suxeito do cambio social e nacional. Segundo esta retórica, non é o pobo quen está chamado a autoorganizarse, senón a organización que o guía e o suplanta, á que os verdadeiros suxeitos colectivos deben transferir a totalidade das súas capacidades de intervención.

A Anova poden opoñérselle desacordos organizativos, ideolóxicos e políticos, pero é absurdo acusala de crebar o principio de autoorganización

Mais desde un punto de vista de esquerda,  o principio de autoorganización é sempre social, popular, non transferible e en boa medida non representable. En calquera caso, autoorganización non é máis ca a capacidade autónoma de decidir e de actuar. Non hai, pois, maior exercicio de autoorganización ca a decisión soberana de pactar e aliarse con quen se considere necesario. O contrario sería dependencia. A Anova poden opoñérselle desacordos organizativos, ideolóxicos e políticos, pero é absurdo acusala de crebar o principio de autoorganización, porque o exerce con plenitude e coherencia coa súa autonomía organizativa e non cos designios, desexos e dogmas doutras organizacións nin dunha verdade superior verificada no seu propio enunciado. Tal autonomía é irrenunciable: pactar e armar alianzas con quen se desexe.

Ademais, nunca houbo unidade do nacionalismo. Quer porque houbo proxectos diferentes e moi matizados, quer porque certa posición patrimonialista e esencialista o impediu, quer porque o independentismo (sempre de esquerda) vagou por fóra marxinal e distante, quer porque ese nacionalismo hexemónico nunca foi independentista aínda que agora busque o malabarismo terminolóxico nun apelo á soberanía co que confía en esquivar a forza das palabras que lle soan duras.

A unidade do nacionalismo non é un fin en si. De ser iso, estariamos ante un asunto ecuménico e non político

A unidade do nacionalismo non é un fin en si. De ser iso, estariamos ante un asunto ecuménico e non político. O ecumenismo persegue subsumir a diversidade nun único discurso que suprima heterodoxias e estableza con claridade os lindes do prescrito e o proscrito. É a reconquista para o nacionalismo dun discurso único non só no plano político, tamén nas retículas sociais. O seu monopolio. Unha mesiánica obsesión por controlar capital simbólico alterada pola posibilidade de que o discurso unidireccional e exclusivo se esborralle e con el vellas hexemonías de grupo. Ó tempo que un discurso alternativo abandona a marxinalidade, o capital simbólico socialízase e queda abolida a propiedade privada do discurso e dos símbolos. Talvez sexan un bo exemplo certas reaccións ó manifesto de apoio a AGE asinado por persoas relacionadas co mundo da cultura. En termos electorais seguramente non tivo grandes consecuencias, pero ofreceu a sensación de que se socializaba un discurso cultural e político sobre o que outros reclamaban propiedade e uso en exclusiva.

O manifesto de apoio a AGE asinado por persoas relacionadas co mundo da cultura ofreceu a sensación de que se socializaba un discurso cultural e político sobre o que outros reclamaban propiedade e uso en exclusiva

Era máis unha reacción patrimonialista: a necesidade de reconquistar o monopolio do discurso nacional e cultural, lingüístico e social, total. Esa monopolización do discurso e das referencias simbólicas tende a fosilizar as expresións do campo nacionalista, a ritualizalo, a desactivalo politicamente. Entón a razón dá paso á fe. O discurso único sacralízase, non admite heterodoxia. Nin ideolóxica nin política nin lingüística nin cultural nin artística... E quen ouse contradicir a verdade é confinado ó silencio. Como fixeron Ratzinger e Woytila coa teoloxía da liberación.

Independentemente de se era esa ou non a intención de Anova e da AGE, no nacionalismo galego xa nunca nada será o mesmo. Tampouco no que respecta ás súas fronteiras, ó seu exterior e ó seu interior. Certa unidade será posible e conveniente, pero non un fin en si. Apenas unha posibilidade para ensanchar o campo social e cultural dun programa de emancipación nacional, sempre supeditada, para ter sentido material, ás necesidades emancipatorias das clases subalternas. E nese campo ensanchado colle necesariamente a esquerda rupturista, independentemente da súa adscrición ou non ó que hoxe coñecemos como nacionalismo político. Esquerda rupturista, si, por moito que algúns fagan funambulismo sobre a paralaxe que medra entre teoría e praxe das súas propias organizacións.

Esa monopolización do discurso e das referencias simbólicas tende a fosilizar as expresións do campo nacionalista, a ritualizalo, a desactivalo politicamente

A hexemonía que está por conquistar esixe novos instrumentos de acción que partan dunha crítica radical do réxime e do sistema e que ó tempo empecen a construír novas relacións e novas formas institucionais propias, alternativas. Un contrapoder previo ó novo poder constituínte, orixe deste. Un proxecto de emancipación nacional non pode renunciar á hexemonía, non se entende sen ela, é imposible, e esta terá que ser construída por un suxeito político que talvez non se sente nacionalista na súa totalidade. Ou non ó vello xeito. Un suxeito activo que integre ó seu programa de emancipación social e nacional todas as faccións posibles, organizadas e non organizadas, dos sectores sociais que hoxe son agredidos con precisión e violencia. Desa inmensa maioría da que falaba Karl Marx que ó liberarse emancipará consigo a maioría inmensa da sociedade. E non pode ser requisito para ningunha clase de unidade unha profesión de fe nacionalista.

No nacionalismo galego xa nunca nada será o mesmo. Tampouco no que respecta ás súas fronteiras, ó seu exterior e ó seu interior

As alianzas para a emancipación deben ser múltiples e heterodoxas. É o proxecto político o que debe impoñerse sobre a identidade ideal. Iso non exclúe a posibilidade de contradicións internas, é evidente, pero ningún movemento transformador está exento de contradicións. A soberanía popular, ou sexa, a emancipación dos de abaixo, é imprescindible para calquera proxecto de articulación dunha realidade nacional coma a de Galicia, coa súa estrutura social e económica tan específicas. Dificilmente sería verosímil un proceso de autodeterminación se non se finca no terreo das clases populares, que son, seguen a selo, as que manteñen os sinais de identidade dun pobo tantas veces convocado ó suicidio manso e que tantas veces se negou a asumir caladamente esa condición.

A tarefa para unha organización coma Anova non consiste en definirse, como lle reclaman algúns, entre o nacionalismo ou a esquerda, coma se foran opcións excluíntes. Ó contrario. Anova ten por diante a tarefa de afirmarse como organización diferente

Neste contexto histórico, a tarefa para unha organización coma Anova non consiste en definirse, como lle reclaman algúns, entre o nacionalismo ou a esquerda, coma se foran opcións excluíntes. Ó contrario. Anova ten por diante a tarefa de afirmarse como organización diferente, unha simple ferramenta de transformación en mans dunha crecente maioría social. Para iso precisa profundar na expansión dunha Fronte Ampla para o cambio social. E nesa Fronte Ampla, que hoxe recibe o nome de AGE, é onde se terán que dar todas as unidades posibles e convenientes, entre elas a das forzas nacionalistas que compartan un proxecto de impugnación do capitalismo e de construción dunha nova sociedade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.