Detesto as necrolóxicas. Detéstoas porque son necesarias. Necesarias para lembrar a xente que xa non está por moito que creamos que merecera e queiramos que seguira estando entre nós. Como Primi. Hoxe vinme na obriga de actualizar a súa biografía na Galipedia para engadir unha data, 3 de novembro de 2024, a data do seu pasamento.
Primitiva Nécega Gallo, Primi Nécega. No seu momento, e referido a ela, escribín como parte do prólogo a un dos seus libros en castelán: 'Si te pones a callejear por Ribadeo, en algunas calles con edificios altos encontrarás también casitas. Recogidas, bajas, muchas con huerta o jardín, contrastan frente a los bloques de pisos. Se diferencian y llaman la atención no tanto por su estampa o su vitalidad cuanto por estar hechas a escala humana. Así es la suya, la casa de la autora, un estilo de vida representado: el que lleva quien la habita.'
O libro, Despertar, estaba adicado ós seus fillos, e era -é- de poesía, un xénero que cultivou menos que o dos relatos, mantido por ela durante moitos anos publicando na Comarca del Eo semana a semana, a máis de noutros lugares. Relatos que eran a súa vida en máis dun sentido. Érano porque lle gustaba escribir e dáballe vida. Tamén porque era un xeito de comunicar cos demais. E aínda tamén, quizais sobre todo, porque boa parte deles, por máis que estiveran novelados, eran froito de experiencias persoais, logo vida propia.
Aló por finais do 2009, o 20 de decembro, Primi recibiu o premio Iniciativas 21. Dous anos e medio antes, con motivo da dedicación do día das Letras Galegas a María Mariño, dicía nun escrito da miña estrañeza por non ter causado mellor acollida os relatos de Primi. Anos despois, e tras o seu pasamento, sigo pensando o mesmo. Cabe lembrar que ese premio, tal como aparecía na web da Fundación que o instituíu, está adicado “a mulleres excepcionais, como tamén o é a súa cotidianeidade, sen a que o progreso de Galicia non sería posible.” É dicir, a mulleres de excepción que non se prodigan socialmente, senón que fan unha labor calada, do día a día. Primi merecía o premio. Escribía, era escritora, pero non deixaba de ser só unha faceta dela, a que máis amosaba cara ó exterior.
Neceu en Foz, mais deixou pegada en Ribadeo, onde chegou aínda na primeira metade do século pasado e onde seguirá presente.