Profesor Mayor, parabéns

Federico Mayor Zaragoza CC-BY-SA Universidad Internacional de Andalucía

Delito

de silencio.

Tenemos que convertirnos

en la voz

de la gente

silenciada...

Que nadie que sepa hablar

siga callado.

 

O 27 de Xaneiro, o admirado profesor Mayor Zaragoza cumprirá 90 anos. Poucas persoas influíron tanto en min. Coñecino persoalmente no ano 2000, hai xa, polo tanto, 24 anos. Antes, por suposto, sabía da súa variada e riquísima traxectoria: bioquímico, investigador, docente, reitor, ministro de educación, poeta.., pero foi cando accedeu a Director Xeral da UNESCO (1987-1999) cando comecei a seguir -con máis detalle-  o seu discurso educativo e humanista. Foi tamén cando decidín subscribirme a El Correo de la UNESCO, a revista na que D. Federico escribía magníficos editoriais.

Nos seus dous mandatos como máxima autoridade da UNESCO, e mesmo antes, como Director Xeral Adxunto de Amadou Mahtar M’Bow, a súa pegada foi moi relevante, lémbrano ben en París os traballadores e traballadoras da Organización da Educación, a Ciencia e a Cultura das Nacións Unidas. Tiven ocasión de comprobalo e velo cos meus propios ollos na homenaxe que lle tributaron con motivo do seu 80 aniversario. O afecto, o cariño e o agradecemento eran tan evidentes como as bágoas dalgunhas persoas. A súa lembranza perduraba despois de tantos anos....

Comentei con anterioridade que o coñecín persoalmente no ano 2000. Con esta perspectiva falo e escribo. A súa biografía e inmenso currículo son ben coñecidos e non é necesario reiteralo, calquera pode atopalo facilmente. Antes, desde finais dos '80, como Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, remitíalle a París, un exemplar das publicacións que realizábamos, particularmente, algunhas Unidades Didácticas sobre os distintos aspectos da Educación para a Paz e os Dereitos Humanos. E no ano 2.000, cando decidiu voluntariamente non aspirar a un terceiro mandato regresou a España e creou en Madrid a Fundación Cultura de Paz, que aínda preside. Entón atrevinme a chamalo. Con  "Sapere aude", “atrévete a saber”, aquel dito que descubriu en Oxford e que reitera nas súas conferencias, el fai un xogo dicindo que ademais de atreverse a saber tamén convén, "saber atreverse". E, claro, seguín as súas verbas. Atrevinme. Chameino para que viñera a Santiago de Compostela a inaugurar os Encontros Anuais que organizábamos sobre Educación para a Paz desde mediados dos anos ‘80. Foi o mellor que puiden  facer. Cambiou a miña vida. Respondeu afirmativamente a aquel humilde convite coa amabilidade e xenerosidade que o caracterizan. Veu a Santiago acompañado da súa muller, Cheles, bioquímica e farmacéutica como él, pero... "con mellores notas" tal e como gusta matizar.

Federico Mayor Zaragoza CC-BY-SA Universidad de La Rioja

Desde aquel momento, a nosa amizade non fixo máis que medrar e foise convertendo nun asiduo das actividades do Seminario, conferencias, actos na Universidade, presentacións... Santiago de Compostela, a miña cidade, fascináballe e segue a fascinalo. Xa tivera un papel decisivo na Declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio Cultural da Humanidade en 1985 cando aínda era Director Xeral Adxunto da UNESCO.

Logo mantiven con el numerosas charlas e reunións, seguimos falando con moita frecuencia. Incorporeime á Fundación Cultura de Paz, ó seu Padroado, e fun o seu Director e representante en Galicia durante varios anos, mentres a miña admiración pola súa persoa e pensamento aumentaban.

Prologou varios dos meus libros e pediume opinión, como eu a el moitas máis veces, sobre moitos asuntos relacionados coa Educación e a Cultura da Paz, da que tanto falamos...

Agasalloume con gravados, poemas, libros.., pero sobre todo, coa súa amizade e a da súa familia.

Dixen e reafirmo que poucas persoas teñen influído, para ben, tanto na miña personalidade e no meu traballo como D. Federico Mayor Zaragoza. Como en tantas outras persoas, educadores e educadoras, investigadores, construtoras de paz, mediadoras e mediadores de conflitos, e durante tantos anos Solo por iso, polo seu traballo na UNESCO, a Declaración e o Programa de Acción sobre unha Cultura de Paz, o Manifesto 2000 ou a Década da Cultura da Paz e a Nonviolencia para todos os nenos e nenas do mundo, merecería o Premio Nobel da Paz, quen senón el...

As súas publicacións, os seus poemas, a súa vida persoal e profesional, a súa experiencia, declaracións, a súa práctica investigadora..., son un exemplo, unha agarradoira firme á que aferrarse en tempos sombríos, quen mellor que el...

Nas nosas conversacións escoitaba embobado o seu caudal de extraordinarias experiencias, a súa visita a Nelson Mandela preso en Robben Island; a súa amizade con Yaser Arafat e Isaac Rabin, un soño de paz no seu despacho; ou a súa longa colaboración con Mijail Gorvachov...

E sempre insistindo, toda unha vida!, na forza da palabra, na imperiosa necesidade de substituír a razón da forza pola forza da razón, “yo, que tanto callar ya no podía” con Garcilaso, ou con Pedro Salinas, “la voz debida”...ou un poeta tan querido por el, Miquel Martí i Pol, “Pero nuestra misión es hablar”.

Canto teño rido ó escoitalo relatar o conto ruso dos tres sobres. E canta emoción ó velo recitar o seu poema “Delito de silencio”. Ou cando insiste na frase coa que abre a Carta Constitutiva das Nacións Unidas: “Nosotros los pueblos hemos decidido evitar a las generaciones futuras el horror de la guerra”, deber de memoria, delito de silencio.

Finalizo lembrando unha fermosa dedicatoria coa que me agasallou no seu libro “Un mundo nuevo”: “Juntos, podemos construir un mundo nuevo”. A Manuel Dios, amigo, compañero, cómplice, con muchos abrazos, Federico Mayor (2003)

Cos mesmos desexos, D. Federico, felices 90, e moitos parabéns Mestre!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.