Prohibido negociar o evidente

Ao vello tolo do pelo cano; ao xoven que escoitaba aos ancians.

Quero procurar a república do incómodo termo medio que habita Galicia para responder, rotunda e serenamente, á república do cómodo e inxusto termo medio que habita, non só Galicia senon o resto do cosmos coñecido e por coñecer

Supoño que ten que existir un punto intermedio entre a soberbia e a humildade que auto-mutila a individualidade. Ás veces dame a sensación de que logro habitar ese lugar. Outras, porén, dame a sensación de que fago equilibrismo emocional entre dous seres que levo en potencia e que me da pánico, verdadeiro pánico, representar en público e materializar en acto: o soberbio que responde soberbiamente ao mal gusto, ao cinismo e ao abuso de autoridade… e o humilde que recapacita arrepentido despois deses brotes de soberbia.

Sería incapaz de facer o primeiro – responder soberbiamente ao cinismo - en público, por moito que o sinta, nas miñas entrañas, en privado. Ademais, se fixésemos todos o mesmo, perderiamos de inmediato a partida e transmitiriamos máis resentimento do que xa hai provocando o resultado inverso. Mal negocio. O segundo, porén – recapacitar despois dunha soberbia pero xustificada arroutada -, sería capaz de facelo, tanto en público coma en privado, mesmo aínda que sentise, nas miñas entrañas, e circunstancialmente, o contrario: sempre hai algo honorable no feito de excusarse por un exabrupto persoal se as circunstancias poden facelo comprensible.

Por desgracia, non podo habitar a perpetuidade a recta e xusta soberbia que Xosé Manuel Beiras habita con tanta naturalidade e frescura no ring político, nin a tenra humildade que Manuel Rivas pode chegar a tecer

Se tivese que confesar ante min mesmo cara onde quero camiñar, existencial e políticamente, a día de hoxe, creo que non tería moitas dúbidas: quero procurar a república do incómodo termo medio que habita Galicia para responder, rotunda e serenamente, á república do cómodo e inxusto termo medio que habita, non só Galicia senon o resto do cosmos coñecido e por coñecer. Moléstanme moito, fanme moito dano, tanto as subidas de temperatura emocionais que manifesto con soberbia, coma as que manifesto na procura dunha santidade laica que me resulta inalcanzable e inexistente. Por desgracia, non podo habitar a perpetuidade a recta e xusta soberbia que Xosé Manuel Beiras habita con tanta naturalidade e frescura no ring político, nin a tenra humildade que Manuel Rivas pode chegar a tecer cando enche liñas en branco ou comeza a abrir o que él chama a boca da literatura – só os seres de lus coma él, abofé, utilizan este tipo de expresions -.

Non pretendo insinuar, en absoluto, que a Xosé Manuel Beiras lle sexa acaído o fechado atributo moralizante de soberbio. É ser complexo, ricaz e poliédrico de máis para resumir a súa odisea política nunha palabra, e creo, persoalmente, que o tempo o porá no lugar acaído: o dun starting point necesario. Texto, contexto e memoria viva para comprender a Galicia de hoxe, a de onte e a de mañán. Tampouco insinúo, nin moito menos, que a tenra humildade de Rivas auto-mutile a individualidade. Ao contrario. É, tamén, ese home que naceu na rúa da Marola, ser complexo e poliédrico de máis para resumir a súa pulsión creativa nunha palabra, por moito que a algúns lles gustase crer que o seu éxito débese ao soporte material do Grupo Prisa e non ao intanxíbel valor estético da súa mirada.

As perpetuidades éticas, estéticas e retóricas non existen no mundo secular, móvense e chisporrotean constantemente ao ritmo do universo e da sociedade humana

O que pretendo insinuar, iso sí, é que as perpetuidades éticas, estéticas e retóricas non existen no mundo secular, móvense e chisporrotean constantemente ao ritmo do universo e da sociedade humana. Nada máis – e nada menos -. Botar man da nosa gramática cultural para empoderarnos políticamente non é un crime se se contextualiza epocalmente, se se profunda e investiga máis nos contidos e, sobor de todo, se non se cousifica nin se fai anecdótica haxiografía das individualidades que a teceron, tecen e seguirán tecendo no futuro, e se non se acomodan as interpretacións dos contidos xustificándose en non sei qué realismo ou pragmatismo político: Se os realismos e os pragmatismos precisan mentir e desinformar, é unha imperiosa cuestión de realista e pragmática necesidade exprésalo. Pódese convencer mentindo durante un tempo, mais non se pode vencer nunca.

Se os realismos e os pragmatismos precisan mentir e desinformar, é unha imperiosa cuestión de realista e pragmática necesidade exprésalo. Pódese convencer mentindo durante un tempo, mais non se pode vencer nunca

Creo, persoalmente, que a poética de Rivas é outro starting point necesario porque, como a voz de Xosé Manuel Beiras, ten vida, tensión e movimento, e porque, como a sociedade humana/animal e o universo, é unha composición con estructura aberta e polifónica. Xosé Manuel Beiras, na narración política en activo deste paisiño, e Manuel Rivas, na narrativa e no xornalismo, son voces que lle sentan moi ben ao meu corpo dende que fun un adolescente que buscaba referentes e referencias coas que comezar a interpretar Galicia. Síntome moi a gusto escoitándoas e léndoas: Xosé Manuel dálle imaxinación sociolóxica ao demo que levo dentro, ese que non superou unha indiferencia desencantada, tanto coa política institucional como coa socioloxía académica.

Xosé Manuel Beiras comezou a abrir pontes entre ciencia social, xornalismo de combate, docencia e compromiso político, tamén con precisa lucidez, memoria e tensión entre o individual e o colectivo

Manuel Rivas alimenta a este outro demo que levo dentro, desnortado e desencantado, tamén, co show business literario e xornalístico. O seu xeito de abrir pontes entre literatura e xornalismo, o seu xeito de mirar e, sobor de todo, de traballar coas palabras, tiveron – e teñen - precisa lucidez, memoria e tensión entre o eu e o nós, como tamén a tivo – e ten - o xeito en que Xosé Manuel Beiras comezou a abrir pontes entre ciencia social, xornalismo de combate, docencia e compromiso político, tamén con precisa lucidez, memoria e tensión entre o individual e o colectivo.

Máis alá das filiacions xeneracionais e de partido – que non son o mesmo que as filiacions epocais e políticas -, interésanme esas voces que:

  1. Os máis bos e xenerosos ca ti din que son malas e insolidarias por significarse individualmente, sen intermediarios, sobre cuestions sociais.
  2. Os máis galegos ca ti categorizan despectivamente coma españolistas por non ser tan galegas coma elas
  3. Os máis revolucionarios ca ti chaman traidores ou pequeno burgueses por non ser tan auténticamente – sic - revolucionarios e obreiros coma eles.

A esas voces trato de darlles a súa xustiza poética para ir tecendo, paseniñamente, o meu particular fogar laico que é, ao fin e ao cabo, o que acabarei compartindo cos demais. Ese fogar é o do agnosticismo socialdemócrata, federal e laico que fai as paces co ateísmo libertario, federal e laico, e viceversa, expresándose dende unha lingua e dende unha cultura concreta – a galega – sen prexuízos e cousificacions previas, coas linguas e culturas peninsulares, Europeas e internacionais.

Ese fogar é o do agnosticismo socialdemócrata, federal e laico que fai as paces co ateísmo libertario, federal e laico, e viceversa, expresándose dende unha lingua e dende unha cultura concreta – a galega – sen prexuízos e cousificacions previas

Con qué horizonte-proxecto compartido? Ao meu xeito de ver, non podería ser outro que o de sementar a alternativa pedagóxica a unha civilización/modo de vida que só pode existir en condicions de enfermidade e violencia perpetua. Estou rotundamente seguro de que o diálogo informal e/ou clandestino que xermola internamente no espazo social de reflexión e debate dos movimentos sociais non/anti/alter sistémicos formará parte, tarde ou cedo, do diálogo formal e/ou institucional nas escolas, nas universidades e mesmo na cultura corporativa do tecido industrial das empresas. En caso contrario, tiremos crise e violencia estructural garantida para décadas.

Este é o punto de partida pedagóxico e vital que eu, persoalmente, podería ofrecer, e creo que unha alternativa galega de esquerdas – chámese AGE ou Ornitorrinco vermello - non debería estar disposta a negocialo se quere conservar certa decencia. A conciencia, sendo tan individual coma colectiva, e sendo continxente, como a de todo ser humano, non debería baixarse os pantalons filosóficos para comungar con rodas de muíño. Abofé que acredito en que as perfeccions ideais non existen, pero son tan repulsivas e anti-eróticas algunhas imperfeccions reais que observo día a día que non queda outro remedio que atoparlles o seu necesario contrapunto erótico para respirar e atreverse a dar o paso do mundo dos enfermos ao mundo dos que queren curarse.

O noso reino debe ser deste mundo, mais é de hixiene cultural que a enfermidade de este mundo procure os seus propios remedios para tecer o outro que  leva dentro en potencia. A isto, Xosé Manuel Beiras chámalle a arte de facer posíbel o necesario

O noso reino debe ser deste mundo, mais é de hixiene cultural que a enfermidade de este mundo procure os seus propios remedios para tecer o outro que  leva dentro en potencia. A isto, Xosé Manuel Beiras chámalle a arte de facer posíbel o necesario.

Un brinde colectivo, pois, por ese arte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.