Prohibir o botellón para privatizar o ocio

Un botellón, nos anos 50 do pasado século, no Vicedo © phottic.com

O outro día descubrín que os meus avós facían botellón. Temos dúas fotos antigas colgadas na sala nas que se lles ve con xerras de viño, sentados no campo. É o día das súas respectivas vodas. Un familiar cuxo nome nunca souben ergue un recipiente na man e olla ante a cámara, entre a maleza, e as rochas, e o granulado etéreo que adoita percorrer as imaxes de tempos pasados.

O outro día descubrín que os meus avós facían botellón. Temos dúas fotos antigas colgadas na sala nas que se lles ve con xerras de viño, sentados no campo. É o día das súas respectivas vodas

Hoxe meus avós terían que celebrar as súas vodas no My, a Apolo ou a Pelícano. Se cadra os de máis aguante rematarían no Maycar ou o Playa Club. A Consellería de Sanidade anunciou o pasado mércores 7 que mandaría precintar todos aqueles espazos proclives ao botellón na comunidade galega: praias, parques e prazas. A medida veu xustificada polo aumento dos casos nas últimas semanas, pero detrás dela latexa unha estigmatización inxustificada do colectivo xuvenil, e o peso dun sector que hoxe xa é lobby: a hostalaría.

Comecemos pola dimensión sanitaria. A Xunta inicia a guerra ao botellón ao tempo que case incita os mozos a gozar do lecer nocturno “seguro”, segundo apuntou Comesaña; é dicir, as discotecas. A cuestión, de primeiras, pode chocar; porque dende os primeiros meses da pandemia as autoridades sanitarias fixeron fincapé en que ao aire libre o risco de contaxio é menor. Outro tema é a efectividade dos sistemas de ventilación das discotecas, moitas delas soterradas.

A Consellería de Sanidade anunciou o pasado mércores 7 que mandaría precintar todos aqueles espazos proclives ao botellón. Detrás latexa unha estigmatización inxustificada do colectivo xuvenil, e o peso dun sector que hoxe xa é lobby: a hostalaría.

Naturalmente, a vantaxe do lecer nocturno regrado está nas restricións que o acompañan. A máis destacable é a obrigatoriedade de contar cun test PCR negativo antes de entrar ao local. Pero tamén aquí hai risco, fronte ao muro de seguridade que tentan pintar Comesaña e os representantes hostaleiros. Para comezar, porque a fiabilidade das probas é limitada. E, á parte, porque estas poden realizarse ata 72 horas antes de entrar ao local nos concellos en nivel medio de alerta; e os de nivel baixo nin sequera teñen que realizalas.

Aínda con estas eivas, é evidente que a priori o lecer nocturno ‘de pago’ é máis seguro que o botellón, onde a integridade de cada un depende da súa responsabilidade --circunstancia que, por outro lado, tamén se acaba por dar nalgunha que outra terraza ou pista de baile--. En calquera caso, o debate ocio regrado - independente parte dunha premisa non confirmada: que a explosión de casos acontecida en Galicia nas últimas semanas vén provocada polo lecer nocturno.

A Xunta levantou o toque de recollida a comezos de maio e as restricións a reunións de non conviventes na segunda fin de semana de xuño. Dende entón xa era posible facer botellón na comunidade, sempre que un quixera navegar as ordenanzas municipais que rixen a cuestión. Porén, o estalido de contaxios non arrincou ata os últimos días do mes pasado, polas mesmas xornadas en que a Xunta permitir relaxar o uso da máscara en exteriores. Por que ninguén apuntou entón a que a suba de casos podía ter relación con esta ‘desescalada’? Quizais tivo algo que ver co triunfalismo de Feijóo dando a nova poucas horas de que o fixera Sánchez, e co medo ás posibles repercusións electorais de ter que recuar nunha medida tan popular e agardada. Ou, se cadra, foi simplemente porque os mozos levamos case ano e medio sendo os cabeza de turco dunha xestión deficiente en moitos aspectos. Non é que o concello non poña máis buses, son as festas en pisos. Non se trata da falta de rastrexadores, é cousa da irresponsabilidade dos universitarios. Todo sen datos na man; porque, aínda que entre os de menor idade houbera unha maior taxa de contaxios, débese ter en conta que a vacina non chegou aínda a estas franxas.

O estalido de contaxios non arrincou ata os últimos días do mes pasado, polas mesmas xornadas en que a Xunta permitir relaxar o uso da máscara en exteriores

Pero, sobre todo, resulta evidente que tras a guerra da Xunta ao botellón hai unha motivación económica clara: protexer a hostalaría. Que vén sendo, noutras palabras, protexer a imaxe de Núñez Feijóo; porque os hostaleiros foron o único sector que, ante as restricións autonómicas, contou coa capacidade de organización suficiente para saír ás rúas en masa a protestar contra a Xunta. Moitos deles portaron carteis con críticas ao presidente, chegando a colgalos despois tras as portas dos locais. Unha imaxe que debeu xerar algún que outro xesto de preocupación en San Caetano.

Só así se explica o paralelismo extraordinario entre os xestos da administración autonómica e as demandas deste sector, convertido xa en lobby. Media hora despois de que Feijóo anunciara o peche de parques, praias e prazas, transcenderon as declaracións de Cheché Real, presidente da Confederación Empresarial de Hostalaría e Turismo de Galicia, pedindo á Xunta un “maior control” sobre estas reunións.

A prohibición do botellón --motivacións sanitarias á parte-- obedece tamén a un intento de privatizar o ocio que a Xunta acomete para manter tranquilo a un sector que pode dar guerra. Queres quedar cos amigos esta noite? Paga

Real argumentou que o botellón non era lecer nocturno, e que este estaba conformado exclusivamente “por empresas legalmente establecidas”. E é aí onde se atopa o eixo central desta cuestión. A prohibición do botellón --motivacións sanitarias á parte-- obedece tamén a un intento de privatizar o ocio que a Xunta acomete para manter tranquilo a un sector que pode dar guerra. Queres quedar cos amigos esta noite? Paga.

Este sinalamento arbitrario ten tamén moito que ver cunha xenreira interxeracional que quizais deberán explicar os sociólogos. O botellón, naturalmente, non é unha reunión regrada; e os actos de cada un competen á súa propia madurez e responsabilidade. Porén, se botamos a vista atrás, veremos que o xerme deses encontros está contido nalgunhas das celebracións máis ancestrais e representativas do folclore galego. As romarías, por exemplo, non deixaban de ser un botellón diúrno, no que cada quen traída a bebida da casa e obraba con ela como consideraba. Ou pensan agora que o de mazarse e facer parvadas foi unha invención dos millenials?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.