Hai uns días que desde Rede Localis presentamos o noso estudo sobre o redimensionamento da planta local galega cuxos titulares en prensa referíanse á proposta de reducir á metade os Concellos de Galicia mediante fusións, o cal, aínda que rechamante, non é máis que unha conclusión dun estudo profundo e rigoroso, pero que provocou que algúns saísen a criticalo, e mesmo a descualificalo, sen ler non só o traballo senón nin tan sequera o texto dos artigos xornalísticos, que tamén recollían o fondo do asunto. Polo que, como principal autor do mesmo, e en primeira persoa, querería puntualizar algunhas cousas.
En ningún momento fálase no estudo de “concellos inviables”, como alguén citou sen ler, senón que se acredita que os de menos de 5.000 habitantes son máis gravosos, tanto económica como socialmente, que os que se atopan un banzo por riba, entre os 5.000 e os 7.000 habitantes, que é cara a onde cremos que debe irse.
Economicamente porque repercuten maior cantidade de diñeiro per cápita en gastos xerais, de organización e funcionamento, segundo diminúe a poboación, e socialmente porque isto vai á conta de diminuír o destinado a servizos públicos, véndose afectados con iso algúns tan sensibles como os servizos sociais.
É curioso que todas as forzas políticas pedisen desde hai tempo que cambien as regras de financiamento estatal aos concellos galegos para que se teña en conta o seu despoboamento, a súa dispersión e o envellecemento da súa poboación, co que coincido plenamente. Con todo, a maioría non está de acordo cunha fórmula automática de incremento dos ingresos, nada menos que de até un 27%, como é a fusión, que para os pequenos concellos de Galicia podería chegar até 14 millóns de euros anuais, e que ademais vai acompañada dun aforro que podería roldar case o mesmo importe, co que isto suporía para o desenvolvemento das nosas vilas e benestar das súas xentes. Pero, está claro, implica a redución de alcaldías, e nisto, como diría Don Quixote, 'coa Igrexa topamos, amigo Sancho', sendo máis favorables a fórmulas de cooperación que manteñan o seu status, aínda que non supoñan aumento ningún de ingresos para os seus municipios.
Algúns dos críticos indicaron que o que habería que facer é redefinir as competencias municipais, o cal é un argumento cruel e egoísta, porque o razoamento que se esconde é: 'a que servizos condenamos a non ter acceso aos veciños dos pequenos municipios polo mero feito de vivir neles, a cambio, iso si, de seguir tendo un alcalde, co aparello que iso leva'. E coas consecuencias que isto supón, porque os propios alcaldes ven como día a día se lles vai marchando xente, algunha da súa propia familia, a outras vilas máis grandes e xeralmente moi próximos, e non por cuestións laborais -que iso sería de discusión aparte- senón para poder gozar duns servizos e unhas prestacións que o seu pequeno concello non pode darlles.
É dicir, asisten desde o máis absoluto inmobilismo á máis cruel das fusións, que é a que se produce polo traslado da poboación, co que conseguirán o triste logro de acabar gobernando a ninguén, ou a case ninguén.
A maior grandeza que poden facer estes alcaldes é recoñecer en público o que xa moitos deles fan en privado e dar un paso ao lado, ofrecendo o maior sacrificio político que poden brindar a cambio de conseguir un aumento exponencial do nivel de vida e benestar dos seus veciños, facendo que poidan quedar nas súas casas e con iso volvan poñer en valor o rural e as economías familiares que nel sempre se deron. Manter o sistema actual supón condenar a quen non queira ou non poida marchar a un sistema de subsistencia.