Sorprendeume, recoñézoo, cando Ricardo, o taxista, me contou que é de noite cando máis está a traballar. “Traballadoras da sanidade”, supuxen. Non. “Prostitutas que fan servizos a domicilio”, respondeu. Nin o pensara
Como toda boa cidadá que non dá un servizo vital, neste confinamento apenas saín da casa máis que para algunha compra de alimentos e aprovisionamentos varios (si, fumo), e, ata o de agora, dous achegamentos ao meu lugar de traballo para atender asuntos que non entenden de telecomunicacións. Dado que o coche do que dispoño habitualmente é de empresa e non o teño a man, decidín contratar con antelación un servizo de taxi para eses dous desprazamentos que me ofrecese as maiores garantías, tanto de espazo entre o condutor e máis eu como hixiénicas. Loxicamente, polo camiño falamos de como está a cousa.
Sorprendeume, recoñézoo, cando Ricardo, o taxista, me contou que é de noite cando máis está a traballar. “Traballadoras da sanidade”, supuxen. Non. “Prostitutas que fan servizos a domicilio”, respondeu. Nin o pensara. Avergoñeime de min mesma.
O confinamento está a evidenciar moito do dano que como especie facemos ao noso hábitat e ao resto de especies, isto xa é un clamor.
Mais se cadra o que está a agochar é boa parte do dano que nos facemos entre nós. O machismo patriarcal está agora placidamente acomodado nos sofás das casas, tele traballando a reo, moi tranquilo e protexido.
As mulleres prostituídas son o último elo da cadea trófica humana, e un dos máximos expoñentes do noso fracaso civilizatorio
Ricardo, na súa inxenuidade, razoaba que as pobres estarán a expoñerse (ao CoVid 19) porque deben precisar os cartos. Présa da rabia, respondinlle que elas están expostas de xeito permanente a infeccións, agresións, violacións, abusos de todo o tipo, drogadiccións, embarazos e abortos, fame, dor, enfermidades mentais... ao seren usadas como items de consumo de apenas valor, nin económico, nin moral, nin social. E, sobre todo, insistinlle ao meu novo amigo en que na súa meirande parte non son elas quen deciden se “traballan” ou non, xa que os seus propietarios, os proxenetas e as mafias que as prostitúen, venden carne e vidas humanas ao mellor ofertante nun “servizo” universal 24/7/365.
As mulleres prostituídas son o último elo da cadea trófica humana, e un dos máximos expoñentes do noso fracaso civilizatorio. Nestes días vemos tamén que o número de mulleres asasinadas por violencia machista descendeu sensiblemente. Se quedan nas casas, ao carón dos seus torturadores, fican encadeadas na espiral de control e violencia na que son anuladas, e por conseguinte, eles xa non precisan acabar coas súas vidas.
O patriarcado pode estar satisfeito. Nin sequera o coronavirus, ese becho microscópico que foi quen de paralizar a macro economía, ten forza para deter a roda do machismo
O patriarcado pode estar satisfeito. Nin sequera o coronavirus, ese becho microscópico que foi quen de paralizar a macro economía, ten forza para deter a roda do machismo. Pero claro, se cadra é que isto non depende de pandemias víricas nin confinamentos. É unha cuestión de xustiza social.
Se non tomamos en serio a urxente abolición da prostitución, a protección das vítimas (as prostituídas) e o castigo aos agresores (puteiros, proxenetas e mafias), non hai praga que valla. A pandemia patriarcal seguirá a destruír as vidas das mulleres en todo o mundo, mentres ese mundo mira cara outro lado.