Putin o neoliberalismo e a cegueira

Putin e Trump ©

Diante a cegueira dunha parte da esquerda motivada por unha oposición visceral ao imperio yanki e que como consecuencia ve a Putin como unha especie de novo mesías do socialismo, é imprescindible facer un diagnóstico correcto da situación actual en Rusia en base á caracterización sobre quen exerce o dominio dos medios de produción e da hexemonía cultural, para non correr o risco de dar respostas erróneas e confundir os momentos históricos do pasado coa realidade actual. A quen pertencen estes medios de produción hoxe? Ás clases populares? En absoluto. Estamos diante a fase anterior dun capitalismo de Estado?. Tampouco.

Fagamos entón un exercicio de memoria histórica sobre o pasado recente e a transformación do réxime de propiedade desde a Unión Soviética á actual Federación Rusa.

Vladimir Putin, nun mitin electoral Dominio Público Praza Pública

De acordo co informe de Global Wealth Report, Rusia, agora, caracterízase por ser un dos países co máis elevado nivel de desigualdade de ingresos no mundo. En todo o mundo os multimillonarios representan 1% a 2% da riqueza dos fogares; hoxe, en Rusia, 110 multimillonarios posúen 35% do total da riqueza do país. A transformación social posterior ao capitalismo de estado creou nun polo un exército industrial de reserva barato e no outro, unha “clase compradora”. Isto non é outra cousa que a implantación do subdesarrollo. Podemos falar tamén de como se fixo a transición económica, deseñada en segredo por economistas estadounidenses, especialistas da Universidade de Harvard estreitamente ligados ao goberno de EEUU, e foron implantadas en Rusia a través do dirixente Anatoli Chubáis e o seu clan político. Os economistas neoliberais Jeffrey Sachs e Andrei Shleifer e o xurista Jonathan Hai exerceron unha influencia na política económica de Rusia sen precedentes nun Estado independente: os conselleiros estadounidenses, nomeados para iso pola administración do presidente Clinton, elaboraron as medidas políticas con Gaidar, Chubáis e os seus colegas, que despois se incluían nos decretos presidenciais. Cada resolución económica significativa da presidencia de Yeltsin foi levada a cabo dese modo. O Parlamento foi deixado de lado. O Estado gañou polas privatizacións menos do 5% do prezo de mercado do seu antigo patrimonio. Vendéronse por un valor de entre vinte e trinta veces por baixo do seu prezo. A esencia social das privatizacións foi evidente: tratouse dunha expropiación de dereitos da inmensa maioría dos rusos en beneficio dunha nova clase de propietarios conformada por parte da burocracia, xente instruída e criminais. Por tanto podemos afirmar que con Yeltsin empezou algo que xa predixo Troski no seu escrito de 1936 “A revolución traizoada” e que non era outra cousa que de non mediar unha revolución socialista universal Rusia volvería aos brazos do capitalismo.

Putin preside unha coalición de dous partidos que conforman Rusia Unida e que se autodefinen como profundamente conservadores, que desde o goberno teceron unha alianza estratéxica coa igrexa ortodoxa rusa. O principal deles fundouno Boris Yeltsin (ao que Clinton definiu como o mellor garante dos intereses dos Estados Unidos) que cando se fixo co poder en plena descomposición da antiga URRSS, unha das primeiras medidas que decretou foi a ilegalización do Partido Comunista Ruso. Foi o propio Yeltsin o que nomeou a Putin como o seu sucesor na presidencia, o cal sitúa á Federación Rusa como un réxime de carácter autocrático no que os defensores dos dereitos humanos e LGTBI son perseguidos (desde o 2012, coa "lei de propaganda homosexual" prohíbese calquera mostra de afecto entre persoas do mesmo sexo en público) e en moitos casos torturados pola policía, a liberdade de expresión e prensa anuladas, os opositores como Alexei Navalni son eliminados, os pacifistas encarcerados e onde a única oposición, de carácter minoritario, é a do Partido Comunista.

Deberiamos preguntarlles entón a aqueles que defenden custe o que custe a Rusia e ven a Putin como unha reencarnación de Lenin se se están situando no lado correcto, xa que en realidade, coa invasión militar de Ucraína estamos a asistir ao principio dun conflito violento entre dous conceptos do neoliberalismo, a unha guerra económica entre un bloque desgajado do mundo creado a partir da reunión do G8 en 2001 en cuxo conclave se acordou a cooperación de todos os países presentes na construción dun novo imperio económico e no que Putin como presidente de Rusia, e como defensor dos intereses da nova clase económica e política da que el tamén forma parte, participou activamente, ata que os seus propios intereses entran en conflito co resto, se sumamos a iso a irrupción de novos elementos chamados China, a India e aínda en menor medida Brasil, o mosaico xeopolítico converteuse en algo multipolar, dando todo iso lugar a un enfrontamento agresivo no que sobre o taboleiro de Ucraína dirímese unha nova repartición duns bens xa escasos e por tanto un choque de intereses con materias primas e combustibles como fondo. O seguinte capítulo desta guerra comercial será China, e tamén a India tal e como apuntan as recentes ameazas de Biden. Lembremos o axioma de que quen domine o continente euroasiático dominará o mundo. Ese será o novo escenario de batalla dun neoliberalismo agonizante e xa podemos adiantar que o seu final, será violento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.