Qatar, a perla do mundial

Estadio de fútbol en Qatar © Moncho Iglesias Míguez

Qatar é unha monarquía absoluta, un emirato que conseguiu a independencia de Gran Bretaña en 1971. Do tamaño das provincias de Ourense e Pontevedra unidas, esta península costeira da península Arábiga, só ten unha fronteira terrestre, Arabia Saudita. O resto do territorio rodéao o golfo Pérsico

Qatar é unha monarquía absoluta, un emirato que conseguiu a independencia de Gran Bretaña en 1971. Do tamaño das provincias de Ourense e Pontevedra unidas, esta península costeira da península Arábiga, só ten unha fronteira terrestre, Arabia Saudita. O resto do territorio rodéao o golfo Pérsico. A poboación non chega aos tres millóns, como a suma das catro provincias galegas. A principal diferenza entre Galicia e Qatar, en canto a número de habitantes, estriba en que un terzo do total dos da península de Qatar son homes.

A baixa cifra de mulleres débese a que só un 12% da poboación é qatarí. O resto son expatriados, homes que deixaron as familias en India, Paquistán e Bangladesh, sobre todo, e que traballan na construción, na limpeza e na agricultura, para manter incólume un país que florece no deserto. Unha nación que manexan e dirixen as elites locais, mais que conduce a xente de fóra, sempre estranxeira, xeración tras xeración.

Homes sentados nun café en Doha © Moncho Iglesias Míguez

A baixa cifra de mulleres débese a que só un 12% da poboación é qatarí. O resto son expatriados, homes que deixaron as familias en India, Paquistán e Bangladesh, sobre todo, e que traballan na construción, na limpeza e na agricultura

As ondas de area que formaron esta illa de dunas permanecen intactas baixo o manto de cemento que alfombra a capital, Doha. Esta, fronteira artificial entre o deserto e a auga, entre pasado e futuro, acubilla nacións enteiras que silencia co benestar do pan e o fútbol, unha fe que une e separa, e que aperta o presente co mantra do gol e os hurras do 80% da xente que vive no país, a maioría turistas con visado para traballar e sen tempo para viaxar nin indagar como crece o céspede natural en estadios de fútbol artificiais.

As carreiras de cabalos e as de camelos, amais da cetraría, son os deportes tradicionais desta península arábiga. Con todo, as novas xeracións semellan máis interesadas no fútbol e en toda a pompa e boato que adorna o país este ano, e que xira en ao redor deste deporte. Grazas a el, as estradas que unen a capital co resto do país convertéronse en oasis onde florecen estadios de fútbol e verxeis de cemento que dan a benvida ao Mundial. O espectáculo está servido, comeza unha nova era.

Por primeira vez nos case cen anos de historia do campionato, a sede é un país árabe. Por vez primeira, participa o equipo nacional de Qatar, un combinado que ansía exportar a imaxe dunha nación cálida e acolledora á vez que importa viaxes de negocio e pracer, pois a economía local precisa de novos incentivos. Aínda que os cálculos vaticinan que o petróleo dará vida a varias xeracións de qatarís, é necesario buscar substitutos e o turismo, unha moda crecente nos últimos anos, semella topar unha boa pasarela, ata hai pouco descoñecida e exótica.

Os combustibles fósiles son os que fan de Qatar o país máis rico por habitante. Un feito que contrasta cos datos de hai só un século, cando os beduínos só sobrevivían, malia xa seren famosos a un lado e outro das rutas comerciais

Coas temporadas de fútbol xa comezadas nos principais torneos, o campionato do mundo chega como receso á vez que disparo de saída para a tempada de cetraría. Os meses de outono e inverno son os do adestramento e competición dos falcóns, a mellor ocasión para observar estas aves compañeiras de nobreza e prestixio no mundo árabe. Emblema do país, serve para manter a nación ancorada a un pasado nómade que fuxía das altas temperaturas, como o fútbol. É por iso que o espectáculo do deporte rei muda de datas nesta ocasión, para escapar de temperaturas que poden alcanzar os 50ºC. E aínda que o aire acondicionado sexa común, mesmo ao aire libre, os últimos meses do ano aportan outras brisas máis agradables. Estas incluso permiten pensar nas praias non masificadas de Qatar.

O aeroporto de Doha © Moncho Iglesias Míguez

Os portugueses asentáronse aquí no século xvi e testemuñaron as riquezas desta base comercial na que se podían adquirir cabalos, dátiles, téxtiles e, sobre todo, perlas. A presenza lusa incentivou a pesca de ostras e aumentou a exportación

Os areais do golfo Pérsico adoitan congregar familias e grelladas; noutras palabras, son un centro de reunión ao aire libre, onde o plástico domina sobre o coral. Así a todo, as praias privadas dos hoteis e as máis afastadas da urbe permiten explorar augas de cor turquesa e extensións de hamacas que facilitan achegarse a ese futuro enclave turístico que espera baixar da lista de lugares máis contaminantes do mundo. Porque non son as praias as que aumentan a polución, senón o consumo de produtos importados e envasados, e a extracción de petróleo e de gas natural.

Os combustibles fósiles son os que fan de Qatar o país máis rico por habitante. Un feito que contrasta cos datos de hai só un século, cando os beduínos só sobrevivían, malia xa seren famosos a un lado e outro das rutas comerciais. Porque a posición estratéxica da península valeulle que nela se acomodasen xentes de diferentes procedencias e que intercambiasen produtos. Entre estes destacan as perlas, un banquete prezado no pasado e no futuro.

A importancia da perla na historia deixou a súa pegada na Doha moderna. Por iso, unha das iconas da xungla de rañaceos qatarí é a illa artificial da Perla

Os portugueses asentáronse aquí no século xvi e testemuñaron as riquezas desta base comercial na que se podían adquirir cabalos, dátiles, téxtiles e, sobre todo, perlas. A presenza lusa incentivou a pesca de ostras e aumentou a exportación, xa estimada por Cleopatra, quen abraiou a Marco Antonio na máis suntuosa e frugal cea que xamais tivera. Foi nela na que a raíña bebeu dunha copa que contiña unha perla, como relata Plinio, quen recolleu a anécdota a comezos da nosa era. Nela detalla como as máis prezadas destas bólas de nácara poden toparse nas augas do golfo Arábigo. Alén desta cita, no Corán descríbese o paraíso como un lugar con árbores que dan perlas e no que todo estará orlado por ditas xoias. Así pois, é evidente a súa importancia no mundo árabe e isto explica a sona da perla qatarí.

A día de hoxe, o nácar da ostra segue a ser un obxecto prezado. A principal diferencia con respecto a décadas pasadas son os métodos de obtención, que mudaron coa chegada do comercio masivo. Hoxe en día xa non é un deporte de risco nin o traballo forzado dun grupo de escravos. Os mergulladores que quedan relatan a difícil fazaña de somerxerse para conseguir ostras. Afastados da terra e metidos no mar durante períodos longos do verán, respirar era unha gran dificultade e, sobre todo, baixo a auga. Nela metíanse en quendas dun máximo de dous minutos para lograr, paseniño, encher cestas coas que logo repartir beneficios.

O centro de Doha © Moncho Iglesias Míguez

Se ben os malls amosan o presente máis comercial, o pasado non deixa de estar ligado a esta actividade: o mercado. Así, o zoco conserva o cheiro deixado pola ruta do incenso e das especias, e alimenta as lendas e os contos que acubillaron mercadores por máis de mil e unha noites

A importancia da perla na historia deixou a súa pegada na Doha moderna. Por iso, unha das iconas da xungla de rañaceos qatarí é a illa artificial da Perla. Unha ponte une o centro da cidade co paraíso de tendas, edificios e chalés dispostos como un colar de nácar. En cada unha das contas da prezada gargantilla brilla a luz propia dunha ostra.

A illa da Perla é un centro comercial máis na industria local, que se expande con tentáculos de asfalto que rematan en malls e estadios de fútbol. Un destes recintos é o Jalifa, sede da selección nacional. Flanqueada pola torre máis alta do país, un hotel de 300 metros de altura con forma de facho, dende ela é posible contemplar a cidade enteira: o deserto, o mar e a Venecia enclaustrada do Villagio Mall, un centro comercial que permite ir de tendas en góndola, observar o ceo estrelado e perderse entre compras e outros pasatempos máis fríos, como patinar sobre xeo.

Souq Waqif representa o Qatar que foi, a cidade vella da que agromou o comercio e o turismo actual. É un labirinto de rúas construídas con adobe e revestidas de ouro e de miradas de camelos e cabalos

Os diferentes centros comerciais que gobernan os arredores de Doha están pensados como vilas alegres cun amplo menú de actividades para o gusto do consumismo. Con todo, a maxestade permite visitalos como un museo máis ou como unha peza máis dos elos que constrúen Qatar. Se ben os malls amosan o presente máis comercial, o pasado non deixa de estar ligado a esta actividade: o mercado. Así, o zoco conserva o cheiro deixado pola ruta do incenso e das especias, e alimenta as lendas e os contos que acubillaron mercadores por máis de mil e unha noites. Porque no zoco convive o mercado de falcóns coas cores máis diversas dos condimentos alimenticios ou os sons do pasado e as vistas da historia.

Souq Waqif representa o Qatar que foi, a cidade vella da que agromou o comercio e o turismo actual. É un labirinto de rúas construídas con adobe e revestidas de ouro e de miradas de camelos e cabalos. As alfombras que descansan nas canellas locen a xogo coas lámpadas e os cristais que escintilan silandeiros mentres a música se coa por entre as baldosas. O recendo a majbus, arroz con carne ou peixe, a ghuzi, cordeiro, a kusa, cabaciña rechea, a warak einab, follas de vide recheas, ou a doces como o luqaimul, flúe co ronronar do café a gurgullar, do té a mesturarse no azucre ou das shishas que convidan a bailar ao ritmo do seu fume.

O zoco de Doha © Moncho Iglesias Míguez

No camiño entre as novas rutas comerciais, como os antigos caravansares, que servían de área de descanso, eríxense os museos. O museo nacional conserva o aroma do pasado ao imitar unha rosa do deserto por fóra. Deste xeito, o edificio aproxímase aos misterios do deserto, que se entrelazan nos pétalos en forma de coitela, segundo afirma o arquitecto que o deseñou, Jean Nouvel. No interior, o espazo conversa co pasado, o presente e o futuro e proxecta imaxes e propón actividades que logran que se viva cada momento con precisión, sen afastarse de ningunha época. 

 As tensións provocaron que crecesen os lazos económicos e militares con Irán, mais no último ano suavizáronse os problemas e normalizouse o contacto diplomático na zona

O misterio de Qatar, que estoupou de riqueza nas últimas décadas, florece malia a carencia de auga potable e o volátil apoio de amizades veciñas que deveñen en inimigas. O feito de ser un dos poucos países sen ríos e con pozos de auga potable secos, non impide que domine deportes que nunca reinou nin terreos que son alleos. De aí que entre 2017 e 2021 quedase illado, pois países da súa contorna, dos que se abastecía, pecharon relacións diplomáticas. Acusouse Qatar de influír nas revoltas da primavera árabe e de financiar o medio de comunicación Al-Jazeera como estandarte das protestas e defensor de grupos terroristas. As tensións provocaron que crecesen os lazos económicos e militares con Irán, mais no último ano suavizáronse os problemas e normalizouse o contacto diplomático na zona. 

Entre zocos e mesquitas, parapetada polo deserto e mais o mar, Qatar navega nun areal comercial que museifica. Entre metais e alucinantes oasis de creación humana, o sol sempre se pon baixo unha alfombra mesta de nubes e luces, de salgadas travesías nómades asentadas entre cemento e asfalto e de migracións que sementan mudanzas veloces, como o valor das perlas no mercado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.