Que aconteceu cos 180 días?

Interior dun hospital galego © Promateriales

En Galiza, desde o 10 de xaneiro de 2018, tan só existe garantía de tempo máximo de acceso para determinadas doenzas e que, desde esa data, quedou sen efecto o dereito universal de ser intervido cirurxicamente no prazo máximo de 180 días

Existe a percepción global de que o dereito á saúde é un dereito universal legalmente recoñecido no marco de cada comunidade autónoma e que existe un tempo máximo garantido para o acceso ás prestacións sanitarias. O que se descoñece é que en Galiza, desde o 10 de xaneiro de 2018, tan só existe garantía de tempo máximo de acceso para determinadas doenzas e que, desde esa data, quedou sen efecto o dereito universal de ser intervido cirurxicamente no prazo máximo de 180 días. Noutras palabras, ata xaneiro de 2018, todos os pacientes desta Comunidade Autónoma, con independencia da nosa situación clínica, podiamos esixirlle ao SERGAS, con amparo no ordenamento xurídico, ser intervidos cirurxicamente no referido prazo máximo. Actualmente isto xa non é así.

Ante o importante xiro legal dado no ano 2018, resulta relevante, desde a perspectiva dos pacientes e usuarios, aclarar como está regulada actualmente esta materia no ámbito desta Comunidade Autónoma, e como estamos sendo vítimas dun importante retroceso de dereitos respecto ao marco legal anterior. 

Interior dun hospital galego © Promateriales

Ante o importante xiro legal dado no ano 2018, resulta relevante, desde a perspectiva dos pacientes e usuarios, aclarar como está regulada actualmente esta materia no ámbito desta Comunidade Autónoma, e como estamos sendo vítimas dun importante retroceso de dereitos respecto ao marco legal anterior

Antes de nada, debemos tamén aclarar o equívoco comunmente aceptado de que ata o ano 2018 existía un tempo máximo de espera para o acceso a todo tipo de atención sanitaria especializada. Nada mais lonxe da realidade. O Decreto autonómico 104, de 6 de maio de 2015, que estivo en vigor ata xaneiro de 2018, tan só garantía o tempo máximo de acceso para as intervencións cirúrxicas. En canto ás consultas externas, a Orde da Consellería de Sanidade, de 13 de xullo de 2004, aínda en vigor, regula o sistema de información e control da demanda de actividade programada de consultas externas médicas, sen establecer un sistema de garantías de atención en tempos máximos previamente establecidos. Respecto das probas diagnósticas ou terapéuticas, nunca existiu normativa regulamentaria que establecera os procedementos, sistemas e réxime de atención. Como veremos a continuación, o novo marco xurídico regula os tempos máximos de acceso a cirurxías, consultas externas e probas diagnósticas pero tan só para determinados casos.

Coa entrada en vigor, no ano 2014, da Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias e, posteriormente, no ano 2018, do Decreto 105/2017, do 28 de setembro de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, non só non se mellorou o réxime de garantías na asistencia especializada, ampliándoa a consultas externas e probas diagnósticas, senón que se levou a cabo a demolición do dereito universal a un tempo máximo de espera para unha intervención cirúrxica, con independencia da doenza. 

A día de hoxe, tan só teñen garantida a atención no tempo máximo de 60 días para intervencións cirúrxicas e 45 días para consultas externas e probas diagnósticas e/ou terapeuticas os pacientes diagnosticados con algunhas patoloxías

A día de hoxe, tan só teñen garantida a atención no tempo máximo de 60 días para intervencións cirúrxicas e 45 días para consultas externas e probas diagnósticas e/ou terapeuticas os pacientes diagnosticados con algunha destas patoloxías: neoplasias malignas primarias, neoplasias malignas secundarias ou metastáticas, carcinoma "in situ", tumores neuroendócrinos, doenza da válvula aórtica ou mitral, aneurisma cerebral, obstrucións arteriais, desprendementos de retina e estenose carotídea extramitral. A estas hai que engadir as intervencións de cirurxía cardíaca valvular e coronaria, cataratas e prótese de cadeira e xeonllo, ás cales o RD 1039/2011, de 15 de xullo, lles recoñece 180 días como tempo máximo de espera. Noutras palabras, pacientes con doenzas, cando menos tan graves como as que se contemplan nestes decretos, cuxa relación detallada excedería con moito ao espazo dispoñible para este artigo, quedamos sen que legalmente se garanta ningún tempo máximo de acceso ás prestacións sanitarias, como efectivamente se contaba no réxime vixente ata o ano 2018 para intervencións cirúrxicas. 

Interior dun hospital galego © Promateriales

É evidente que existen doenzas que por ser tempo-dependentes, e pola súa gravidade, deben ser atendidas con preferencia, pero isto non pode nin debe facerse á custa de expulsar a inmensa maioría dos pacientes 

Polo tanto, todos os pacientes cuxa doenza no este incluída nos anexos I, II e III dos citados Decretos xa non contamos co dereito a un tempo máximo de acceso para ningunha atención especializada, quedando relegados a un limbo onde o noso diagnóstico e tratamento pode quedar supeditado a criterios administrativos ou organizativos de cada área sanitaria. É evidente que existen doenzas que por ser tempo-dependentes, e pola súa gravidade, deben ser atendidas con preferencia, pero isto non pode nin debe facerse á custa de expulsar a inmensa maioría dos pacientes do réxime legal de garantías para atención, por canto isto comporta baleirar de contido o dereito á asistencia sanitaria recoñecido polo vixente ordenamento xurídico. Nunca antes como agora foi certa a frase tantas veces repetida: "a atención sanitaria demorada é atención sanitaria denegada".

Nunca antes como agora foi certa a frase tantas veces repetida: "a atención sanitaria demorada é atención sanitaria denegada"

Non quería rematar sen poñer o acento sobre o seguinte: a garantía do dereito ao diagnóstico segue sen estar legalmente recoñecida a pesar de estar incluída dentro da carteira global de servizos e ser esencial para preservar o dereito fundamental á vida e á integridade física e moral. Isto ten unha transcendental relevancia, non só porque no diagnóstico temperán radica a esperanza de curación, senón tamén porque, sen diagnóstico, non se pode gozar dos tempos máximos de atención garantidos para aquelas doenzas que o teñan recoñecido. Un diagnóstico tardío pode causar danos irreparables no paciente, fronte aos cales nada poden facer nin a ciencia médica nin o dereito, pero que sen dúbida ten vítimas e responsables. 

 

Fernando Abraldes

Presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.