Que aconteceu en Curuguaty?

Nos últimos 10 anos, o acaparamento de terras e a falta de apoio estatal expulsaron do campo paraguaio a 585.000 mozos e mozas que quedaron sen un lugar para cultivar e vivir na súa comunidade. Unha mocidade que podería labrar o seu futuro nunha propiedade pública de 2.000 hectáreas que hoxe ocupa unha empresa que produce soia, un produto xerador de grandes beneficios e que Europa e China importan para utilizalo como agrocombustible, forraxe para animais e consumo humano. As comunidades afectadas, a Articulación Curuguaty, formada por máis de 40 organizacións da sociedade civil paraguaia, e a ONGD Oxfam lanzaron unha campaña de denuncia e que promove que o campesiñado de Curuguaty recupere as terras e teñan un lugar onde vivir unha vida digna. Esta fin de semana centenares de persoas participaron nas marchas en defensa dos e das sen terra. 

Nos últimos 10 anos, o acaparamento de terras e a falta de apoio estatal expulsaron do campo paraguaio a 585.000 mozos e mozas que quedaron sen un lugar para cultivar e vivir na súa comunidade

O problema da posesión das terras é tan universal como a existencia dos grandes latifundistas que as explotan (ou non). Curuguaty é un destes casos; un caso que seguramente tería pasado desapercibido se o 15 de xuño de 2012 as armas non se impuxeran ao diálogo. Dezasete persoas morreron (once campesiños e seis policías) e a día de hoxe, dous anos despois, aínda non se esclareceron os feitos. Por esta razón miles de persoas de diversos continentes queren saber que aconteceu en Curuguaty.

Curuguaty é un símbolo das xentes que loitan polo amor á terra; son os que non queren emigrar aos suburbios de Asunción a engrosar a poboación das ribeiras dos bañados

Curuguaty é un símbolo das xentes que loitan polo amor á terra; son os que non queren emigrar aos suburbios de Asunción a engrosar a poboación das ribeiras dos bañados. Coma se dunha telenovela se tratase, en Marina Kue (finca pertencente ao distrito de Curuguaty)  dánse todos os ingredientes para un argumento con máis de dous anos de capítulos.

A empresa Campos Morombí dicía que as terras son súas: en Paraguay, se alguén explota durante máis de 20 anos terras que non son do Estado, estas pasan a ser da súa propiedade.

As terras en litixio (2.000 hectáreas) foron doadas ao Estado en 1967 pola empresa La Industrial Paraguaya SA que daquela era a propietaria, e o Estado destinounas para o asentamento dun destacamento da armada paraguaia. Existe un decreto do Presidente no que acepta a doazón dos terreos, pero deles non se fixo inscrición no Rexistro da propiedade. O asentamento do exército mantívose na zona ata 1999 e, logo de 5 anos de abandono, unha comisión  de veciños sen terras, agrupada na Comisión sin Tierra Narajaty, iniciou os procedementos administrativos para que as terras pasasen a ser transferidas ao Instituto Nacional de Desenvolvemento Rural e da Terra (INDERT), responsable da reforma agraria. E en paralelo, o INDERT reactivou tamén as xestións para a transferencia legal dos terreos que, por tanto, pasarían a ser propiedade do Estado e destinadas á reforma agraria.

Cando o INDERT vai a empezar a medir as terras para iniciar a distribución, aparece a empresa Campos Morombí SAC y A para reclamalas dicindo que son súas

Pero cando o INDERT vai a empezar a medir as terras para iniciar a distribución, aparece a empresa Campos Morombí SAC y A para reclamalas dicindo que son súas. Foi nese momento cando se inicia unha longuísima e lentísima serie de xuízos e disputas entre o Estado e Campos Morombí.

Mentres, os campesiños e campesiñas seguen a defender que as terras son do Estado, o INDERT promete en distintas ocasións que ía iniciar a súa medición e a distribución; e ademais, ao mesmo tempo como medida de presión para deixar patente a propiedade estatal da terra, os labregos as van ir ocupando de forma pacífica ata en sete ocasións. E cada vez que se daba unha orde de desaloxo, os campesiños agarraban a mochila e saían de forma negociada coas autoridades... e volta a empezar. E todo así de ben e de conciliador ata que o 15 de xuño de 2012 a cousa complícase, voan as balas e os defuntos, e casualmente acaba rodando a cabeza do presidente Fernando Lugo nun controvertido xuízo político onde se lle acusa de non saber xestionar o “problemiña”... Fálase entón de golpe de estado encuberto... dinse moitas cousas...

O 15 de xuño de 2012 a cousa complícase, voan as balas e os defuntos, e casualmente acaba rodando a cabeza do presidente Fernando Lugo

Actualmente, e como consecuencia de todo este proceso, hai 12 campesiños imputados que pasaron por unha folga de fame reclamando un xuízo xusto, e que se desgastaron na cadea acusados de invadir propiedades alleas, de tentativa de homicidio e asociación criminal.

Por se non fose suficientemente complexo, Campos Morombí chegou a argumentar que o desaloxo do 15 de xuño levouse a cabo para protexer unha reserva natural da zona. Agora, a versión da empresa xa é outra: di que Marina Kue non forma parte da reserva e Campos Morombí “fíxose cargo” das terras ante a irresponsabilidade das autoridades, recoñecendo así que a propiedade foi doada ao Estado paraguaio. Campos Morombí chegou a dicir que non importa a nome de quen estea a propiedade e que, finalmente, non teñen interese de quedar coas terra. Cantos xuízos inútiles e canta perda de vidas teriamos aforrado se comezásemos por aí...!

Estes días estanse a cumprir dous anos dos sucesos. Conmemoráronse con música e accións en Marina Kue: o "Festival da terra", que se celebra en Asunción, foi a antesala das marchas de centenares de persoas a Curuguaty.

O domingo 15, de madrugada, alá estivemos: acompañando ás familias nas denuncias pola xustiza, na súa loita por unha terra que nunca debeu de ser regada de sangue

O domingo 15, de madrugada, alá estivemos: acompañando ás familias nas denuncias pola xustiza, na súa loita por unha terra que nunca debeu de ser regada de sangue. Se a mocidade de Curuguaty queda sen terra só lles espera o futuro dos bañados inundados de Asunción.

 

"Oxfam ten activa nestes momentos unha campaña onde se pide ao presidente de Paraguay, Horacio Cartes, que resolva o caso e otorgue as terras públicas de Marina Kue aos mozos e familias labregas; pódese asinar aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.