Entre unha multitude é difícil distinguir unha persoa. Cando alguén quere ocultarse, mestúrase na masa e pasa desapercibido. Pola contra cando se quere destacar a alguén, é necesario separalo do grupo, dedicarlle un espazo único e singularizalo.
Coas persoas acostumamos ver o conxunto. En ocasións alguén chama a atención pola figura, polo modo de camiñar, o estilo, a cara, o riso, o peiteado… A fotografía e logo o cine foron singularizando, situando en primeiro plano as protagonistas, e máis adiante resaltando unha parte do corpo. As pernas de Marlene Dietrich, o sorriso de Marilyn Monroe, a melena de Lauren Bacall , os ollos violeta da Tylor, etcétera.
Agora, neste tempo pandémico, no que un virus manda, obriga ás persoas a levar unha máscara que oculta a maior parte do rostro. Isto consegue que pasen a primeiro plano os ollos. Estamos obrigadas a verlle os ollos á xente e a descubrir como son.
Haber hai algunhas persoas que se caracterizaban, xa, por teren uns ollos fermosos. E non facemos máis que verificalo. Pero, en moitos casos, non nos tiñamos fixado neles. Agora é o que vemos do rostro. Ademais, son uns ollos forzados a falar. A mirada faise máis expresiva porque en ocasións, ten que substituír a boca, a palabra.
Así, decatámonos de que tal persoa, que víramos a miúdo ou en moitas ocasións, ten uns ollos verdes preciosos, ou unha pupila grande, ou son amendoados, ou…. Vaia ollos! Como non me fixei antes neles? Porque antes tiña que repartir a mirada en toda a cara, nos diferentes riscos, e se o nariz era grande, ou os labres grosos, ou moi finos, podían chamar a atención e deixar de seren os ollos os protagonistas.
A máscara, que tanto nos incomoda, permítenos, a cambio, descubrir os ollos.