Hai aínda poucos días unha xuntanza a nivel local con representación de políticos e funcionarios locais e forzas de seguridade estatais, certificou unha vez máis algo que máis ou menos subscribo, igual que moita outra xente: Ribadeo é un lugar seguro. Unha poboación relativamente pequena, con actividade abonda e sen grandes sobresaltos de seguridade.
Como contraste á noticia oficial que daba fe da xuntanza, fin de semana antes de eleccións, hoxe mesmo puiden ver nos xornais varios casos relacionados coa 'falta de seguridade', a máis doutro observable en plena rúa céntrica.
Esta noite pasada, de domingo a luns, a rotura dun vidro da porta principal dun coñecido e céntrico establecemento de hostalería foi o paso previo para entrar a saco e largarse co botín. Pasando por alí xa preto de media mañá, seguía o vidro roto e un veciño lembroume que este mesmo mes xa sufrira outro roubo. En ningún dos dous casos sei nin en canto se valorou o botín, nin en que consistiu nin en canto se valorou o esnaquizado. Pero, evidentemente, haber, houbo perdas.
Xunto co anterior, observable por calquera transeúnte, hoxe no xornal podía lerse que a noite anterior, de sábado a domingo de madrugada, outro establecemento de hostalería foi atracado, faltando aínda determinar o conxunto de danos sufrido, a máis do roubado. Asemade, a mesma noite, un ferido (varios dentes saltados, labio partido) nunha rúa diante dun local nocturno na que tamén varios coches resultaron afectados, acumulábase ó altercado que a madrugada do día 6, no mesmo lugar, deu como resultas o arrancamento dun labio por unha trabada dun dos contrincantes a outro. En ambos casos, con tumulto arredor.
Chegados aquí, despois de xuntar os feitos anteriores, cabe preguntarse se sigo subscribindo o dito, que máis ou menos estou de acordo coa seguridade no noso pobo. Máis aínda, cando as novas aclaran que no caso dos altercados, os avisos viñeron dos veciños, fartos do ruído e inconvenientes que sofren, e sei de que vai o tema despois de sufrir durante anos a movida na zona, ou por outra banda, teren entrado a roubar hai tempo no noso fogar.
Hai unha pequena confusión entre dous significados diferentes de seguridade. Un, en termos de probabilidade, viría dado en matemáticas por p = 1, total probabilidade. Ó outro, no sentido se 'sentirse a salvo', non podemos nunca asignarlle p = 1; nese sentido, ninguén estamos nunca totalmente a salvo. Somos mortais e morremos, e sempre pode ocorrer un suceso que dea remate á nosa vida. O de perder os bens, tamén, pero queda, coido, nun segundo plano fronte ó anterior.
Ribadeo, e Galicia, son lugares máis ou menos seguros, sempre tendo en conta esa 'seguridade relativa', en relación a Colombia, Ucraína ou Catania, por poñer exemplos relacionados con guerras ou mafia e cunha certa distancia de por medio.
E poden insistir nas noticias na necesidade de máis seguridade: nunca -suliño, nunca- será abonda para todos, pola imposibilidade dese p =1 do que falaba. Pero sempre, precisamente por esa imposibilidade, se poderá pedir 'máis', maior eficiencia, outros métodos, cambio de prioridades para atender as necesidades de máis seguridade, o cumprimento da normativa existente... e aí comezan a distinguirse as preferencias, crenzas, intereses, de cada quen. Por exemplo, é frecuente pedir máis policía pola inseguridade. Mais os lugares con máis policía non teñen por que ser -de feito, non soen ser- os máis seguros, ó detraer recursos doutros factores, como a educación, a planificación das zonas habitadas do territorio, ou a igualdade de oportunidades, que os estudos amosan que teñen máis importancia na conflitividade e na inseguridade.
E, fronte a unhas eleccións, por aí si que podería tomarse en conta nas intencións das futuras actuacións, dos programas, sexa a nivel local, autonómico ou estatal.