Que entre aire fresco

Cada día reafírmome máis na miña análise sobre o momento que nos tocou vivir, pero teño esperanza. Abonda ler ou escoitar acotío os medios de comunicación de calquera cor para comprobar que este país ten podres as entrañas. Quero pensar que hai unha saída, a esperanza dun futuro non moi afastado algo mellor, máis decente, máis sincero.

Abonda ler ou escoitar acotío os medios de comunicación de calquera cor para comprobar que este país ten podres as entrañas

Tras o sorprendente resultado das pasadas eleccións europeas, os partidos tradicionais españois deron en criticar ferozmente aqueloutros que, propoñendo novas formas de facer política, acadaron un sorprendente resultado. O certo é que estas novas fórmulas, en vez de preocupación ou medo, fanme sentir certa esperanza que de ningún xeito me fixeron sentir outras opcións.

Cando observo a naturalidade con que nalgúns países de Europa se examinan e abordan os problemas; cando vexo a sinceridade e a decencia con que actúan os seus gobernos, adoezo de envexa. E cando comparo esas formas coas que aquí utilizan os nosos ministros ou o propio presidente do Goberno español (case que prefiro non poñer exemplos concretos, por non me estender), cáeseme a alma ao chan.

E nisto irrompen no panorama outras posibles forzas fóra do círculo asentado, e a min alédaseme a faciana, suscítame de primeiras esperanza e non desacougo, por una razón ben simple: os que hai non os quero. Síntome enganado, esquilmado, estafado, burlado e ata alleado por todos eles, por uns máis ca por outros, pero por todos eles. PP e PSOE levan os últimos corenta anos compartindo a xestión da política nun amplo sentido, e non mudaron gran cousa, máis ben ao contrario, mentiron compulsivamente e leváronnos a esta situación case metade e metade. Que temor hei ter a que as cousas cambien!?

E nisto irrompen no panorama outras posibles forzas fóra do círculo asentado, e a min alédaseme a faciana, suscítame de primeiras esperanza e non desacougo, por una razón ben simple: os que hai non os quero

No persoal podo poñer uns cantos exemplos de por que non quero a ningún destes. A min, os bancos, en complicidade cos gobernos de España, estafáronme na hipoteca e retivéronme máis de tres anos os aforros. Os dous gobernos habidos desde o 2012 rebaixáronme o salario por decreto ano tras ano, de forma que nos oito anos que me quedan ata a xubilación non recuperarei nin o poder adquisitivo que tiña daquela, co que após trinta anos de servizo gaño mil euros pelados ao mes. Os impostos que pago (directos e indirectos) son meirandes cada ano e porén, cada día que pasa inciden menos en mellorar a miña calidade de vida e padezo na miña saúde os recortes da sanidade. Ao meu contorno familiar asédiano a precariedade e a necesidade sen remisión ningunha desde hai xa máis de cinco anos; á miña compañeira, cun mini-soldo conxelado desde o ano 2011, quédalle unha hora de contrato diario na súa empresa, consecuencia directa da reforma laboral deste goberno. E aínda por riba, os responsables disto teñen a cara lavada de criticar e descualificar a quen nunca o fixo, só por querer ser alternativa. Podería seguir, pero creo que abonda.

É preferible seguir batendo coa mesma pedra, elixir de novo os que xa me decepcionaron unha e outra vez, que, por riba, teñen o descaro de chamar populismo ao desexo e esperanza dun futuro mellor? Non

Que teño que perder por poñer a miña esperanza noutras opcións coas que, ademais, comparto discurso? É preferible seguir batendo coa mesma pedra, elixir de novo os que xa me decepcionaron unha e outra vez, que, por riba, teñen o descaro de chamar populismo ao desexo e esperanza dun futuro mellor? Non. Eu teño esperanza, teño dereito a ela, sigo crendo que existen boas persoas (eu téñome por unha delas) e penso que o que están facendo desde este goberno, amais de inxusto e daniño para a maioría da sociedade, amais de sectario, é un delito, un crime contra a cidadanía e deberían ser xulgados algún día por iso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.