Que futuro lles depara ás frondosas autóctonas en Galicia?

Plantación de frondosas en Boimorto Dominio Público Praza Pública

Situación actual

Os instrumentos de xestión forestal nas masas de frondosas autóctonas son practicamente inexistentes en Galicia, polo que se podería dicir que todo está por facer, propoñer e comprobar

Da totalidade do monte privado individual en Galicia, 1,28 millóns de ha, o 98,2% son de propiedade descoñecida ou dubidosa segundo reflíctese no 4º Inventario Forestal Nacional (IFN4).

A superficie de bosques de frondosas autóctonas existente en Galicia estímase nunhas 170.000 ha conforme aos criterios da FAO, que considera como bosque as superficies continuas superiores a 0,5 ha. Unha característica común destas masas é que moitas delas quedaron recluídas en lugares con dificultade de asentamento para outros usos agrogandeiros.

A Rede Natura 2000 (RN2000) de Galicia confórmana 16 zonas de especial protección das aves (ZEPA) e 59 zonas de especial conservación (ZEC). Ten unha superficie total de 389.736 ha e, de conformidade co Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), un 24,6 % (95.900 ha) está ocupada con formacións arbóreas de frondosas autóctonas. A xestión destas frondosas presenta maiores condicionantes, debido a que convén manter unha dinámica natural dos propios ecosistemas.

Os instrumentos de xestión forestal nas masas de frondosas autóctonas son practicamente inexistentes en Galicia, polo que se podería dicir que todo está por facer, propoñer e comprobar.

No ano 2024 as curtas de frondosas autóctonas, segundo o sistema de indicadores da administración forestal, ascenderon a 274.640 m³ en terreos de xestión privada, que supoñen o 2,92 % do total de curtas, e por especies destacan 150.000 m3 de carballo, 35.000 de bidueiro e 30.000 de castiñeiro, e a 2.310 m³ en montes de xestión pública, que supoñen 0,82 % do total de curtas. En consecuencia, a proporción de curtas de frondosas é practicamente inexistente, tanto polo gran peso que teñen as especies de alta produtividade como polo tipo de contrato (convenios e consorcios) que teñen os montes de xestión pública, os cales se basean na produción de madeira con especies de crecemento rápida.

A orixe predominante destas formacións é natural, o IFCG tan só considera de orixe artificial (por semente ou plantación) o 13 % das parcelas inventariadas.

 

Deseño estratéxico e propostas de actuacións

No ano 2024 as curtas de frondosas autóctonas, segundo o sistema de indicadores da administración forestal, ascenderon a 274.640 m³ en terreos de xestión privada, que supoñen o 2,92 % do total de curtas, e por especies destacan 150.000 m3 de carballo, 35.000 de bidueiro e 30.000 de castiñeiro

O Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) de España 2023-2027 constitúe o marco de financiamento básico para as medidas de fomento a aplicar no ámbito específico das formacións de frondosas autóctonas.

O PEPAC prevé actuacións sobre o cambio de uso de terreos agrícolas a forestais, aínda que a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG) impídeas ao suprimir o seu art. 61 “cambio de actividade agrícola a forestal”.

 

I. Mellora do coñecemento e da formación

A formación debería aplicarse a todos os niveis: desde o propietario, tanto público como privado e dentro deste, tanto individual como colectivo (comunidades de montes veciñais en man común –CMVMC–, montes de varas), ata a poboación, en xeral usuaria dunha ou outra forma destas formacións arbóreas.

Apoiándose nas medidas V.2.1 e V.2.2 da Revisión do Plan Forestal de Galicia (RPFG), débense establecer as seguintes actuacións:

Un programa de divulgación e comunicación sobre a importancia ambiental do monte galego en todas as etapas educativas, con especial fincapé na formación profesional (FP) da familia agraria.

- Medidas de apoio á formación continua e profesionalizada, tanto dos propietarios como dos xestores forestais.

- Normativa que afecte os predios con vexetación de frondosas autóctonas, dirixida aos propietarios forestais e á sociedade en xeral.

- Actuacións de posta en valor de formacións arbóreas naturais: plantacións de xestión intensiva e aproveitamentos non madeireiros.

- Importancia ecolóxica das formacións de frondosas autóctonas.

Propostas de actuación:

- Impulsar actividades de formación dirixidas aos potenciais actores da cadea de valor que incrementen o seu grao de formación.

- Incorporar contidos específicos da selvicultura de frondosas autóctonas ao temario curricular do alumnado dos centros de FP da rama agraria.

- Desenvolver contidos en relación ao aproveitamento sostible nas accións de comunicación e divulgación da cultura forestal, en referencia ás especies de frondosas autóctonas.

 

II. Mellora xenética, materiais forestais de reprodución (MFR) e conservación dos recursos xenéticos

A rede de parcelas de alto valor xenético deberá incluír parcelas de frondosas autóctonas, medidas I.3.1, I.3.2 e I.3.3 da RPFG 2021-2040, e conservar o acervo xenético forestal galego.

Propostas de actuación:

- Mellorar as técnicas de reprodución e os materiais xenéticos, adaptándoos ás estacións e áreas xeográficas onde se queiran instalar.

- Incorporar como obxectivo na xestión forestal sostible (GFS), levada a cabo pola Administración forestal, a conservación dos recursos xenéticos forestais e a rede de parcelas de alto valor xenético, co fin de preservar a diversidade xenética.

- Garantir a subministración de planta, tanto en cantidade como en calidade.

III. Fomento da xestión activa e da conservación dos montes de frondosas autóctonas

O incremento da superficie de frondosas autóctonas en xestión pública debe servir para poñer en práctica modelos selvícolas, establecidos en función da especie, que preserven estas formacións e incrementen de forma progresiva o potencial comercial dos usos industriais de leñas e madeiras

Establecer polo menos un monte modelo por provincia, que conte cunha representación significativa de especies de frondosas autóctonas, e desenvolver unha xestión que priorice a multifuncionalidad, que sexa executada pola Administración forestal (Medida I.1.5 da RPFG).

Do PEPAC de España 2023-2027 intégranse, como medidas forestais na RPFG, catro tipos de intervencións:

1. Apoio ás organizacións de produtores forestais

- Coas agrupacións forestais de xestión conxunta (AFGC) increméntase a superficie de xestión, favorécese a súa planificación, redúcense os custos de produción e auméntase o valor dos produtos obtidos.

2. Compromisos forestais de xestión con base nos modelos de GFS

- Introducir especies forestais autóctonas mediante plantacións/substitucións ou/e facilitar dita introdución con actuacións selvícolas, a través da adhesión voluntaria ao correspondente modelo silvícola e da posible adhesión a acordos de custodia do territorio ou/e a sistemas de certificación forestal.

- Modificar a finalidade do aproveitamento dos pastos, fixándoo como medida de prevención de incendios (áreas devasas verdes) ou de conservación de hábitats.

- Fornecer servizos ecosistémicos de uso social e cultural, realizados sobre montes recreativos e/o periurbáns e no marco da Rede Galega de Infraestruturas Verdes (a superficie mínima de actuación é unha hectárea).

3. Apoio aos investimentos produtivos. Actuacións e axudas

As actuacións máis significativas a realizar serán:

- Promover plans de xestión e proxectos de mellora selvícola, co fin de incrementar o valor económico dos montes con finalidade produtiva (medidas IV.1.2 e IV.2.3 da RPFG).

- Establecer sistemas silvopastorales (medida IV.1.1 da RPFG).

- Nas convocatorias de axudas darase prioridade aos predios forestais ocupados por formacións de frondosas autóctonas e que estean incluídos na RN 2000 ou ás superficies rexistradas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas (art. 126 da LMG).

Para facilitar que estas actuacións leven a cabo ofertaranse dous tipos de axuda:

- Subvencións, cando as actuacións sexan realizadas por iniciativa privada ou por entidades locais.

- Investimento directo da Administración pública, para actuacións de iniciativa pública.

4. Apoio aos investimentos non produtivos. Actuacións

O incremento da superficie forestal mediante a forestación, tanto de terreos agrícolas de escasa produtividade como de terreos forestais desarborados, contribúe a un dobre obxectivo:

- A curto e medio prazo, mellorar o medio natural ao incrementar a súa biodiversidade.

- A medio e longo prazo, producir rendementos económicos ao poñer nos mercados produtos forestais.

Entre as posibles actuacións destacan (medidas I.1.1 e I.1.5 da RPFG):

- Selvícolas, mesmo nas ribeiras que non sexan produtivas (medidas I.1.1 e I.1.5 da RPFG); iso supón non actuar nas chopeiras.

- Conservación de monumentos naturais, bosques maduros, árbores singulares, paisaxes protexidas (medida I.1.5 da RPFG).

- Conservación de recursos xenéticos forestais.

- Establecer liñas de mecenado e patrocinio (PEPAC).

- Compromiso das empresas na responsabilidade social corporativa (RSC) así como no patrocinio de proxectos que incrementen os beneficios económicos, sociais, culturais e ambientais que xeran as formacións de frondosas autóctonas.

- Implantación de medidas fiscais que favorezan a xestión sostible das masas de frondosas autóctonas e os seus aproveitamentos.

 

IV. Dinamización dos aproveitamentos forestais

Produción de madeira

Estímase que o crecemento corrente anual total das frondosas autóctonas é de 4,5 millóns de m3 e que a taxa de aproveitamento alcanzaría un valor aproximado dun 6 %.

O incremento da superficie de frondosas autóctonas en xestión pública debe servir para poñer en práctica modelos selvícolas, establecidos en función da especie, que preserven estas formacións e incrementen de forma progresiva o potencial comercial dos usos industriais de leñas e madeiras.

Promover a I+D+i no desenvolvemento de novos produtos forestais derivados destas especies e na mellora dos existentes, incrementando e diversificando a produción.

Incentivar as prácticas silvopastorales, no marco dunha xestión multifuncional, como técnica de prevención de incendios forestais.

 

V. Xestión forestal pública dos montes de frondosas autóctonas

En Galicia, moitos montes veciñais en man común (MVMC) teñen a súa orixe en montes de utilidade pública (MUP). En consecuencia, os MUP quedaron restrinxidos a unha superficie moi escasa e os MVMC, procedentes destes montes, pasaron de ser propiedade pública a propiedade privada de tipo xermánico e, por tanto, deben incluírse no Rexistro de Montes Protectores.

Nos montes de xestión pública (consorcios e convenios) débese dinamizar a súa xestión, promovendo tanto intervencións de mellora como o seu aproveitamento. Os novos contratos temporais de xestión pública (CTXP), regulados no art. 123 da LMG, deberían priorizar aos montes de frondosas autóctonas.

Respecto diso, cabe mencionar os arts. 21, 27 e 123 da LMG:

- O art. 21.1 indica que poden ser declarados como montes protectores aqueles que cumpran algunha das condicións que para os montes públicos fixa o art. 27 da LMG, ou sexa, os procedentes dos antigos MUP.

- O art. 27.1 cataloga como MUP, entre outros, os incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia (f e i); os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal (j); os que se vinculen á protección e mellora da calidade de vida ou ao lecer e esparexemento dos cidadáns (k).

- O art. 123.1 establece que os CTGP subscribiranse, entre outros, cos propietarios dos montes protectores e coas CMVMC que se atopen en estado de grave abandono ou degradación ou en situación xurídica de xestión cautelar; así mesmo, cos propietarios de montes ocupados por formacións significativas de frondosas do anexo 1 de máis de 15 ha en coto redondo, e por extensión, con aqueles montes rexistrados no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.

VI. Posibles actuacións nun monte modelo poboado con carballo e/o rebolo

Nun futuro, o ideal sería un monte alto (masa arbórea nada de semente) co fin de obter madeira de serra de calidade

Na actualidade os aproveitamentos de leñas de carballo e rebolo que se fan en Galicia orixinan as formas selvícolas de monte baixo (formados por árbores que proveñen de brotes de raíz ou cepa) e medio (coexisten pés da mesma especie, uns procedentes de semente –brinzales– e outros de brote de cepa ou raíz –chirpiais–). Estes aproveitamentos supoñen un proceso de selección xenética regresiva que xerou árbores con desenvolvementos e portes deficientes e, en consecuencia, produtos de inferiores características. O carballo e o rebolo posúen un rendemento enerxético superior ao doutras especies de frondosas autóctonas, consecuencia da estabilidade térmica e, por tanto, con menor cantidade de materia prima prodúcese maior cantidade de enerxía e durante máis tempo.

A leña representa un aproveitamento de primeira transformación, competible cos pellets que necesitan unha transformación e elaboración maior. O uso das leñas evitaría as competencias oligopolistas dos produtores de pellets.

As estimacións en canto á produción de leñas de frondosas autóctonas son moi variables, oscilan entre os 500.000 m3, conforme a datos da AFG presentados no Foro do Recurso Madeireiro en Galicia (2015); ata as 30.000 tn, que considera para o ano 2022 o Anuario de estatística forestal estatal (MTERD, 2024).

Os aproveitamentos das frondosas autóctonas van ligados necesariamente á calidade de estación (conxunto de factores abióticos –clima, chan, altitude, exposición– que caracterizan un lugar e determinan a súa capacidade para soster o crecemento dunha determinada especie forestal), de maneira que naqueles terreos con mellor calidade estación os fustes irán destinados a serra, nos de calidade media, a leñas e nos de baixa calidade, o carballo/rebolo ou ben se manteñen con función ambiental ou restauradora, ou ben se substitúen por outras especies menos esixentes.

Nun futuro, o ideal sería un monte alto (masa arbórea nada de semente) co fin de obter madeira de serra de calidade. Para iso propóñense as seguintes actuacións:

- As plantacións deben realizarse nos lugares de mellores condicións climáticas e edáficas, cunhas densidades elevadas (2000-2500 pés/ha), que obriguen ao arboredo para crecer cun fuste dereito e pouco ramoso ao competir fortemente pola luz, e con material seleccionado ou controlado.

- As leñas obteranse maioritariamente nas claras.

- No momento da curta final, momento en que se obtén o maior crecemento destas árbores de porvir e uniformidade dos seus produtos, a masa tería unha idade entre 100 e 120 anos e unhas densidades baixas (entre 150 e 200 pés/ha).

- Posibilidade dun aproveitamento complementario silvopastoral, con pastoreo de porcino.

- As curtas deben efectuarse a finais do inverno ou principios da primavera, por ser a súa poder calorífico superior máis alto.

- O secado da madeira debe facerse de forma natural ata alcanzar unha humidade propia estable do 20 %.

Debe terse en conta que as mellores calidades de madeira prodúcense sobre aquelas árbores situadas en sombrías e aumenta coa idade. Se se seca ou almacena de forma inadecuada, a situada en sombría ten maior capacidade higroscópica de captar auga por impregnación das paredes celulares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.