Que lles está facendo o smartphone aos adolescentes galegos?

Adolescente navegando co seu teléfono intelixente CC-BY Pexels/Ron Lach

A popularización dos smartphones e das redes sociais podería estar detrás do deterioro da saúde mental dos adolescentes galegos

Recordo que, o curso pasado, tiven un alumno adolescente que, durante a semana, pasaba cinco horas ao día co smartphone e outras tres diante do ordenador. Os fins de semana, o tempo diante das pantallas era aínda maior. Dedicaba boa parte dese tempo a ver vídeos de TikTok e xogar con videoxogos. Tiña TDAH e resultados académicos moi baixos. Lembro tamén outro alumno, doutra clase, que pasaba as tardes metido na súa habitación coas novas tecnoloxías. Tamén tiña TDAH e resultados académicos moi baixos. Ademais, acudía ao psicólogo por problemas de ansiedade e moitas veces chegaba á clase medio durmido. 

O que se percibe nas aulas é confirmado polas enquisas. Así, Jonathan Haidt, na súa obra A xeración ansiosa, documenta varios estudos que mostran que nos EE. UU. a chegada das redes sociais e os smartphones aos fogares coincide cun aumento da ansiedade e a depresión nos adolescentes. Conclúe que a transformación da infancia producida pola irrupción dos smartphones e das redes sociais é a principal causa do deterioro da saúde mental dos adolescentes.

A industria tecnolóxica tratou de trasladar o xogo e a socialización aos teléfonos intelixentes coa finalidade de enriquecerse. Como consecuencia, as habilidades sociais, cognitivas e emocionais de moitos dos nosos adolescentes non se desenvolveron axeitadamente

A hipótese de Haidt merece ser examinada tamén no caso galego. As enquisas mostran que a popularización dos teléfonos intelixentes e as redes sociais entre os adolescentes galegos coincide cun aumento repentino neles de síntomas de depresión, ansiedade e TDAH. Así, segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística), o uso dos teléfonos intelixentes para conectarse a internet entre os 5 e os 15 anos pasou do 34,7% en 2018 ao 55,4% en 2021. Paralelamente, o estudo HBSC (Health Behaviour in School-aged Children) reporta que, en Galicia, o número de adolescentes de entre 11 e 17 anos que estiveron baixos de ánimo case todos os días nos últimos seis meses pasou do 5,9% en 2018 ao 14,8% en 2022. O número de adolescentes que tiveron nerviosismo case todos os días nos últimos seis meses pasou do 10,3% en 2018 ao 16,9% en 2022. Ademais, o número de mozos e mozas nesa franxa de idade que non puideron prestar nunca atención na última semana pasou do 2,7% en 2018 ao 9,8% en 2022. Estes datos encaixan coa explicación de Haidt: a popularización dos smartphones e das redes sociais podería estar detrás do deterioro da saúde mental dos adolescentes galegos.

As propostas de Haidt valen perfectamente para o noso país: nada de smartphones antes do instituto, nada de redes sociais antes dos 16 anos e moito máis xogo libre e socialización presencial para os adolescentes

Ao igual que o resto dos animais, os seres humanos necesitamos determinadas cousas naturais para desenvolvernos física e psicoloxicamente, como alimentos naturais, auga, descanso, xogo libre ou socialización. Trátase de cousas cara as que temos desexos naturais. A industria tecnolóxica tratou de trasladar o xogo e a socialización aos teléfonos intelixentes coa finalidade de enriquecerse. Como consecuencia, as habilidades sociais, cognitivas e emocionais de moitos dos nosos adolescentes non se desenvolveron axeitadamente. 

Dado que o problema que hai en Galicia cos teléfonos intelixentes é un problema global, para solucionalo non é necesario inventar solucións orixinais, só cómpre actuar antes de que empeore a situación. As propostas de Haidt valen perfectamente para o noso país: nada de smartphones antes do instituto, nada de redes sociais antes dos 16 anos e moito máis xogo libre e socialización presencial para os adolescentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.