Que longa é a noite e que fugaz é a luz!

Persoas rescatadas no Mediterráneo pola ONG Open Arms Dominio Público Open Arms

«A miña liberdade non existe e eu non son / Son somente unha miga de esperanza». 

(Antón Tovar, do poema “Eu que es ti”, Calados esconxuros)

 

Na madrugada do pasado 14 de xuño, outra vez, outra de tantas, aparecían flotando ducias de cadáveres na cara azul das augas salgadas que separaran África de Europa. Máis de 70 persoas morrían afogadas no bandullo do Mar Xónico. Morreron pretendendo fuxir da morte segura que ía canda eles na súa patria. Emigraban sen papeis, sen destino e sen traballo, a bordo dun pesqueiro acugulado de desafiuzados que saíra de Libia con rumbo a Italia, atravesando unha das rutas habituais que utilizan as mafias dos traficantes de persoas –desas ás que moita xente considera de terceira categoría– mentres a clase política, os poderes económicos e as relixións dominantes, todos con competencia e capacidade para atallar o mal, se dedican a facer que fan, embobándonos con discursos baleiros que recitan sen pudor, despois de aprendelos de memoria como papagaios catequizados. 

Hai tanta luz aparente! Mais as horas dos días como este alónganse para deixarse atoldar pola escuridade dos nubarróns, para que ninguén fale das desgrazas humanas que se repiten a diario. Uns e outros deciden –ou decidimos– que o acontecido nas pacíficas augas do Mediterráneo fique arquivado nesa discreta esquina da alma onde nunca se limpa o po, ese lugar da memoria situado nos podredoiros que reservamos para agochar as preocupacións e as perversidades, o chanzo escuro onde imos almacenando os asuntos que, malia ser de suma importancia, sempre os acabamos cualificando de irrelevantes. Os que mangonean os nosos sentires e pareceres saben ben como embobarnos para que non perdamos o tempo pensando nas cousas serias, enchendo de parvadas e trangalladas as páxinas dos xornais, as emisoras da radio e as pantallas das televisións que, como papahostias adestrados, engulimos sen inmutarnos.

Os mortos do Mar Xónico son moscas insignificantes, mentres a lúa, en permanente fase de cuarto minguante, agoniza discretamente, ata apagarse en calquera instante. Que longa é a noite e que fugaz é a luz!

Os alegres días de xuño teiman e gurran por alongarse, mais sempre aparecen os nubarróns que eclipsan a aparente luz para darlle pulo á escuridade. Hai tempo para a distracción! Cóntannos que un tal Froilán (sobriño dun rei e neto dun avó indecente) organizará o Cume Climático nun lugar onde o mundo se chama Dubai. E, xa imbuídos na plena escuridade –esa praga que nunca marchara–convencidos de que o banal é o importante, topeneamos e imos durmir sen descifrar os grandes dilemas. Ninguén sabe se Feijóo lle arrapañou os oficiais chusqueiros a Rueda ou se foi este quen llos endosou para buscar outros máis propicios a xurarlle fidelidade; mentres tanto, Ayuso aproveitaba a distracción do señor dos Peares para encherlle a lista de Madrid con elementos da súa confianza. Como sempre, Madrid manda e Galicia obedece, iso é o que pasa. Para que un tal López poida ser presidente da deputación de Pontevedra teñen que renunciar os 16 primeiros da lista do PP de Rodeiro, e mentres eses andan co papelorio, cóntannos que Baltar dixo que marchaba, mais ninguén nos di se deixa a deputación porque quere ou se marcha porque ten que marchar. Iso si, se cadra acabaremos sabendo canto pinta o ‘baltarismo’ despois dos Baltar e, ao mellor, ata coñeceremos algunhas das moedas que esixiu por arredarse a un lado, para que todo siga, para que nada cambie. Jácome seguirá sendo alcalde de Ourense e, visto o visto, todo parece indicar que está a piques de ser un dos novos amos da provincia. Eses son os dilemas, as cousas que nos din que son importantes. Os mortos do Mar Xónico son moscas insignificantes, mentres a lúa, en permanente fase de cuarto minguante, agoniza discretamente, ata apagarse en calquera instante. Que longa é a noite e que fugaz é a luz!

[O meu tío Lisardo pensa que a realidade nunca é como semella que é: a luz só asoma o fuciño un instante cada día, para ofuscarnos, mais a escape é desprazada pola noite para que todo siga como estaba, para que nada cambie]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.