Que malos son os outros! Sátira? Ironía?

CC-BY-SA Praza Pública

Que non se interprete mal: non, non son malas as súas ideas ou opinións, métodos, querencias ou desexos, senón eles (e elas, claro). 

Así non fai falta argumentar. Para que argumentar, ou tentar negociar, ou outras “cousas desas”, antiguallas da evolución, do pasado? Non, o malo son as persoas, as malas. Iso simplifica as cousas: ante as persoas, só cabe reconvertilas como sexa. Iso, se nos sentimos benignos. Que me contradí en algo? É que é malo, que ten a maldade metida no corpo, que me está a facer mal. E como malo que é, como me está a facer mal, teño dereitos (a máis dos propios, outros sobre el), do insulto a negarlle o pan e a auga. 

CC-BY-SA Praza Pública

Pero claro, facelo así, de repente, ás veces parece moi brusco; hai que comezar por algures, máis suave, para quedar tranquilos. Non se pode, de pronto, sen máis, procurar unha espada para cortarlle a cabeza (hai casos así tamén, claro!), é mellor ir pouco a pouco, dicindo / contando só parte da verdade, convencendo ós máis e tamén a un mesmo, desprezando a outra parte da verdade como carente de interese (non ocultando, non, que iso implicaría que estamos a facer algo mal / malo, e nós non facemos cousas malas)... Carente de interese aínda que sexa a parte esencial, e carente de interese sobre todo, para os nosos propósitos: pasar por riba da súa cabeza (que, postos, non sei para que a ten). … 

Le a prensa, varios xornais que consideres de orientacion diferente e, dependendo de cal esteas a mirar, poderás sentirte como nun ou outro universo. Universos paralelos, pero sen moita conexión entre eles. Universos que, ó estar escritos, podes comparar de xeito doado, mesmo comprobando en detalle as diferenzas. Ben mirado, nin fai falta mergullarse nos xornais. As redes sociais parecen un caldo de cultivo abondo máis fructífero. Tanto na creación de universos paralelos como na separación das ideas e atributos que teñen (temos) as persoas para a inmediata cosificación, para a supresión da nosa / súa humanidade. Outros medios? Si, tamén, pero a televisión ou a radio reqiren máis técnica para comparar punto a punto dous programas. 

E, lembra: se queres ser fiel o mesmo ás túas ideas que á humanidade, practica cousas como a ponderación e o intercambio social que dicimos que é propio noso como persoas que formamos e nos formamos e desenvolvemos en sociedade, pero sábete “morto” porque irán a por ti, e estarás en inferioridade de condicións porque non empregas armas, senón só escudos. Non ‘atacas’, só te defendes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.